Moita alegría sentín cando abrín o en moitos sentidos louvábel suplemento El Cultural dese xornal tan pouco recomendábel para os bons veciños e os amigos da convivencia. Como cabeza de pelotón das críticas dos libros de poesía podía lerse:
“Libro de la egoísta. Yolanda Castaño. Ed. bilingüe. Trad de la autora. Visor, 2007. 120 pág., 8 euros […] Sus obras anteriores ya tenían verdadero interés, pero con este Libro de la egoísta Yolanda Castaño (1977) se afianza como un valor poético definitivo”. O artigo crítico estaba asinado por Túa Blesa, un reputado teórico literario (máximo especialista na poesía de Panero) que xa tiña todo o recoñecemento posíbel cando eu terminaba a carreira, alá nos principios dos noventa.
Este é un egoísmo que dá froitos, e que moitos desprezan amparándose noutro moito peor que é o de atribuírse medallas por dicir que miran pola patria e diversas névoas semellantes cando na realidade o que pretenden é censurar os que traballan, facer o larchán e recibir o recoñecemento por ter man dunha bandeira. Aos que traballan véselles, señores e señoras, e que Yolanda traballa é algo que vimos vendo desde hai anos, así que agora non nos estrañemos.
Digo que me alegro porque esa súa necesidade de cultivarse por dentro precisou dunha ollada egocéntrica que eu intuía como necesaria cando publiquei Visão do médium (textos egoístas), mais que só agora entendo como compromiso artístico básico e ineludíbel. Yolanda comezou por aí, cando as miñas ansias de vangarda filantrópica me impediron en moitos sentidos ser realmente eficiente, revelándose ao final como negativamente egoístas nun senso vaidoso ou pretensioso.
E alégrome porque alguén que se formou aquí, que andou as miñas rúas e tivo de partida os meus mestres potenciais ou reais, vai camiño de facer unha verdadeira carreira literaria. E digo verdadeira ante os incrédulos que sempre desconfían por moitas probas que se lle apresenten. Os incrédulos que en todo defecan porque viven submersos nos propios excrementos, sen posibilidade xa de percibiren o fedor.
Alégrome, en definitiva, porque é unha mostra máis de que o talento literario galego triunfa alén de Pedrafita, para alén dos falsos éxitos que promoven os subsidios. E por isto digo que a vontades así eu sempre mostrarei o meu apoio.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …