O número 115 de Tempos Novos, revista de información para o debate, apresenta novos tempos na súa oferta de contidos e formas. Aumenta o número de páxinas, de seccións, de colaboradores e de temas tratados. Mudan tamén o formato, que agora me parece máis manexábel, e a estética, que continúa, aínda que haberá que darlle máis oportunidades, sen ser todo o atractiva que podería ser. Non o digo porque sexa desaxeitada, senón porque non logra (ou non quere) saír do convencional.
Mais a grande sorpresa está na utilísima corcova que lle saíu a esta revista-dromedario que como animal adaptado cruza o deserto das revistas impresas de información desde hai nove anos: o suplemento protexta. E falo dunha corcova porque se trata dun suplemento dedicado exclusivamente a libros, o que para min resulta un pozo portátil con que camiñar en territorios de sede de información libresca (vexan cantas editoriais con web ofrecen enviar as novidades ao seu enderezo electrónico periodicamente, por exemplo). Aquí puiden hoxe hidratarme con:
- -Catro reportaxes
- -Dezanove reseñas sobre narrativa
- -Catro sobre poesía
- -Trece doutros temas: política, historia, economía…
- -Unha sobre blogues
Saúdo con gratitude o esforzo acrecentado desta revista, que xa ten merecido un lugar á par de Teima, revista galega de información xeral, heroica e xa histórica publicación nacida nunha época carregada cuns lastros que desexamos abandonar definitivamente, tanto polos que veñen atrás como por cumprir o desexo compartido daqueles que levan trinta anos labrando pola entrada deste país na modernidade.
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …