«Non é sinxelo concebir e elaborar un libro de poemas unitario en si mesmo. Unitario non como suma conexa de textos que responden a un marco temporal, a unha situación persoal concreta ou a ideas ou pensamentos recurrentes; senón unitario desde a orixe, integrado o libro como un todo. Esa impresión domina ao rematar a lectura de Metal central (Espiral Maior 2009), de Alfredo Ferreiro, que recibiu a Mención de Honra do premio de poesía Xosé María Pérez Parallé.
Falamos de impresión porque é posíbel que o autor non se prantexase ab initio ese desenvolvemento e que fose a propia dinámica interna da creación a que propiciase esa unidade, tanto temática como estilística. O certo é que Alfredo Ferreiro aproveitou unha coxuntura biográfica, en principio irrelevante, para escribir un texto singular, tanto no enfoque como nos contidos.
Comenta Álvarez Cáccamo no prólogo a coincidencia entre título, liña argumental e apelido do autor. Quizais se remonte, inconsciente arriba, a un devanceiro esquecido que aflora de novo nas palabras e nos labios de Alfredo para, nunha alquimia máxica, fundir o metal e convertilo en poema. Outro Ferreiro ilustre, de nome Celso Emilio, dicía que na antiguedade os ferreiros eran venerados como posuidores do lume sagrado e transformador.
Certamente, abondosa é achega que o mineral fundido deixou na arte. Velaí a Fragua de Vulcano, de Velázquez: a incandescencia fustiga a quen a contempla, mestura de drama e beleza. O ferreiro é un deus semiespido que moldea ao seu antollo o metal que sen a súa intervención ficaría indomábel.
Se na mitoloxía romana o chamaron Vulcano, fillo de Xúpiter e de Xuno, home de Venus, na mitoloxía grega chámase Hefesto. Home de Venus, dicimos, porque á deusa do amor, a beleza e a fertilidade, acáelle ese contraste de forza e de virilidade necesarias.
Luminoso no escuro > Onde estaba a famosa fragua, na que traballaban cíclopes e xigantes? Disque en Sicilia, baixo o Monte Etna, ou baixo a illa Eólea, no mar Tirreno. Quen sabe. Cíclopes e ferreiros tiñan o sol, o circo solar, como atributo. Se o cíclope se representa cun só ollo no centro da fronte, os ferreiros protexíanse cunha especie de parche.
Alfredo Ferreiro remítenos en Metal central a un mundo inquedante, luminoso no escuro, hermético, no que loitan a frialdade e o lume en tensión extrema. A dificultade do empeño, felizmente superada, radicaba en atopar poesía onde habitualmente non se ve, aínda que a haxa, como Ferreiro demostra co seu brillante e ben contruído poemario. Parece que ninguén se decatara até agora que a rutina, os martelos, o tic-tac constante, o formigón, agochan un ramalazo estraño, son sensíbeis, teñen vida.
Como o tritón que agoniza entre a grisalla, ou o estertor —humanizado— de máquinas e bielas, o metal late, vive e desaparece. Podémolo recoñecer pola vibración, pola queixa, pola respiración. “As máquinas que por fin / un día paran / parecen voltar ao paraíso / pesado e puro / da vida mineral”. Porque nós mesmos somos metal, “do metal central do mundo”.
xulio@xulio.e.telefonica.es»
Publicado en El Ideal Gallego, en 13/09/2009
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …