Há poucos dias apresentou-se na Corunha o último livro de François Davo, Ónix, abrollar. Por razões de trabalho chegamos tarde ao evento, mas felizmente não à libação ritual posterior. Bebemos, celebramos e agora queremos partilhar alguns textos deste livro comovente.
*
De Ónix, abrollar (A Corunha: Espiral Maior, 2018)
malia o arrepio
malia o desengano
a luz xorde
dunha fisura impensábel
ou do teu ollar de ascuas
e ao afastarse a morte
vén o poema
*
falo coa mañá
saúdo o sol
acollo o inverno
como un don
unha beizón
para pensar
e o suave declive da luz recita unha aprendizaxe
voume desgastando aos poucos
nada rompe
sabes
todo
se corrompe
de vagar
amo esa discreción da erosión
ese vento de abalar as pólas
sábeme
e os dentes da choiva esmigallan
a ferruxe dos días
co arborescer do val
no cénit da Pena
é a miña codia
un testamento
*
recibe
terra
este meu corpo orfo
devólveme
á miña codia primeira
quero abrazar coas miñas pólas
a infancia das rochas
alporízate
bosque
quero esquecer os sentidos
no teu furor de besta ferida
e en cada clarón da túa ira
xermolar
*
anulo as fronteiras entre ser e amar
estou ausente de min
no círculo da antiga carraxe
serei invencíbel
onde nada corrompe
nin a noite
nin o ceo
non sei finar
como ese mar
que non remata xamais
e non caben na miña voz
o aceno nin a verba da ultraxe
*
Para Alfredo Ferreiro
a nostalxia fora a estación máis elegante do ano
pinga que se leva pendurada das pálpebras
ou caravel agromando das fendas dos beizos
e así ficaba esperta nos lentos comboios
fráxiles serpes de aceiro labrando a paisaxe
de amantes que irradiaban as noites
e así amaba quen ousaba amar
naquel abrollar convulso
diálogo de puños e pedras
e porén optei pola impaciencia permanente
como se vivisemos baixo a vinganza
de deuses adictos ao xogo
e agora sempre a deusa
ao tecerme cos fíos da súa saia
convídame á danza da muda
nesta estación incesante da xema
—Como o ónix
irmá
luz negra
que alumea
*
Cf. “Ónix é, entre outras cousas, o canto dunha utopía eco-feminista”.
Fotos: Alfredo Ferreiro Salgueiro.
You might also like
More from Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …