Benquerida Emilia:
Penso que non se pode analizar e entender Galiza sen analizar e entender España, mas vexo pouca inclinación a facelo. E vexo menos inclinación ainda a aceitar que, nesta altura da situación, a mentalidade e cultura da Galiza non poden diferir muito das de España, dado que hai un pasado comun ou compartido desde hai varios séculos e que viviron nese tempo baixo un réxime autoritario e dictatorial, no político case sempre e no relixioso sempre. Mesmo porque en España non se analiza o pasado, estar nela é como ir nun tren que arranca e para, volve arrancar e volve parar e nunca chega a coller velocidade. E os pasaxeiros pasan dun optimismo cego e case sempre infundado a un pesimismo negro e a resignarse a estar nun país que nunca vai para adiante e non se sabe o porqué. Pensar que Galiza non ten esa história e que abonda con non falar da España, como se non existise ou non se tivese nada que ver con ela, é unha negación da realidade que leva a que o pasado actúe desde ¨o inconsciente colectivo¨ e pese mais do que debia.
Hai acontecimentos e épocas que mudan o rumo da historia dun país e cortan a sua evolución normal. Cando iso sucede convén estudar como foi ese cambio de rumo e o que se gañou e perdeu. Unha desas épocas decisivas na historia da España e da Galiza foi a do reinado dos reis ¨católicos¨. Coido que aí houbo unha quebra radical co pasado e penso que a España verdadeira quedou esmagada e abandonada e se empezou a construír unha España descentrada e arrancada do seu verdadeiro ser, un país ao que lle impuxeron a mentalidade e a forma de viver que conviñan aos que desde entón mandaron nela. Ti seguramente non estarias dacordo co que digo, Emilia, pois que ti crías que esa España dominada polo catolicismo político era a auténtica e a que tiña que ser.
Todos os historiadores, españois e extranxeiros, que se ocuparon dos reis católicos concordan en que ese reinado mudou o rumo da história de España. O único que se pode discutir é se o camiño que daquela se tomou foi mellor ou pior que o que se abandonou. Nada sucedeu mais adiante que tivese forza abondo para mudar outra vez o rumo, e a dirección quedou marcada para os séculos seguintes, o que significa que tudo o que sucedeu desde entón procede directamente daquel tempo. Mas na transmision que se fixo aos habitantes de España da sua história houbo muita propaganda e muito ocultamento da verdade para santificar o modelo que se impuxo coa alianza da Coroa e a Igrexa no século XV.
É importante lembrar que o conceito que se tiña de España, dentro e fora dela, antes dos reis católicos, era mui distinto do que se pode ter depois da criación dos estados nacionais europeus. A España de xusto antes dese reinado era o conxunto de países ou reinos en que quedara dividido o territorio peninsular logo da caída do reino visigodo. Eses países diferentes e independentes compartían un territorio e tiñan algo en comun. A ideia que habia nos teus tempos, Emilia, e hai hoxe de España como estado ou nación unitarios era impensável.
Naqueles tempos muitas das unións dos países facíanse con casamentos entre os que integraban as familias reinantes. Na historia da España e da Galiza iso foi factor decisivo. Esa história teria sido mui diferente se tivese herdado o trono de Castela, como lle correspondia, Juana ¨la Beltraneja¨, e non a tía dela, Isabel, que logo se puxo o nome de ¨la Católica¨. Isabel apoderouse do trono con enredos, impostura e violencia, e grazas tambén ao casamento, amañado ás presas e en segredo, con Fernando ¨el Católico¨. Houbo muitos episodios torvos arredor dos dous ¨católicos¨: o de acusar ao rei de impotencia para facer ver que Juana ¨la Beltraneja¨non podia ser filla del e que era de Beltrán de la Cueva; o de Juana ¨la loca¨, a propria filla de Fernando e Isabel, da que dixeron que estaba tola para que nen ela nen o marido, a quen Fernando temía e odiaba e que tambén morreu en circunstancias suspeitosas, non herdasen o trono; o de Juan, fillo deles tambén e que morreu en circunstancias duvidosas cando a sua morte cadraba ben co que planeaban eles, e tantos outros.
Non sei o que pensarías ti dalquel reinado, Emilia. Igual eras dos que xulgaban que valeu a pena a ¨defensa do catolicismo e da unidade¨. Eu non vexo como se pode ser católico e xustificar os crimes e as brutalidades que se cometeron en nome do catolicismo, a non ser que iso que se chama catolicismo sexa distinto do cristianismo e responda a outras leis. E non falo só do pasado e dos teus tempos: nos meus segue igual. O caso é que se perguntásemos, como nas novelas de detectives, a quen favoreceu o que sucedeu daquela, non pode haber a mínima dúvida de que o reinado dos reis católicos favoreceu imensamente á igrexa católica española e a algunhas familias e alguns aspirantes a mando e territorios. Se favoreceu ou danou ao que hoxe se chama España é o que se pode discutir.
O asunto de Juana ¨la Beltraneja¨ afectou ao destino da Galiza. Se a raíña tivese sido Juana e non Isabel é mui probável que, por casamento que xa estaba meio previsto entre Juana e o rei de Portugal, o reino de Castela e León e o da Galiza se unisen co de Portugal en lugar de unirse co de Aragón. Coa unión de Fernando e Isabel, ou de Castela e Aragón, empezou a mudar o conceito de España, non porque se pensase nela como nación unificada, o que naquela época sería imposível, senón porque se colocaron as bases para estabelecer a supremacía dun dos países ou reinos que formaban aquel conxunto que se entendía como España. Tan alleia resultaba esa ideia de hexemonia e de mando de uns nos outros que terian que pasar séculos antes de que mudase o entendimento do que constituía España. No reinado de Felipe IV, por exemplo, xa no final da dinastia dos Austrias, vese ben claro ainda que o conceito que se tiña de España era dun territorio no que existían varios reinos e países diferentes. Así aparece nun memorial do Conde Duque de Olivares a Felipe IV:
Tenga V. Majestad por el negocio más importante de su Monarquía el hacerse rey de España; quiero decir, señor, que no se contente V. Majestad con ser rey de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, sino que trabaje y piense con consejo maduro y secreto por reducir estos reinos de que se compone España al estilo y leyes de Castilla (…), que si V. Majestad lo alcanza será el príncipe más poderoso del mundo.
Nun proceso que empezou cos reis católicos e non rematou até alguns séculos depois, o conceito de España como conxunto de reinos independentes foi desaparecendo. Naquel reinado empezou a supremacía e o mando de Castela sobre os demais. A pesares do ¨tanto monta, monta tanto, Isabel como Fernando¨, a coroa de Castela adquiriu cada vez mais poder, talvez en parte porque Fernando viña de familia castelá ainda que fose rei de Aragón.
España pasou con imensa rapidez naquel reinado de ser un país tolerante a ser o mais intolerante de todos. Os historiadores españois, e os mais inclinados dos estranxeiros a defender aos reis católicos, pintan un retrato sombrío dos reinados anteriores ao deles e recalcan por exemplo que xa antes houbera algunhas persecucións de xudeus. Non é fácil entrever a verdade con tanta ideoloxía política e relixiosa como hai nese asunto, mas no que concordan a maioría dos historiadores é en que antes dese reinado España se caracterizaba por ser muito mais tolerante que o resto da Europa. Isto é o que di o historiador Merriman en The Rise and Fall of the Spanish Empire:
(…) coa excepción da última parte da época visigoda e da onda de fanatismo que, coa axuda do clero, se espallou polo territorio ibérico na segunda metade do século XIV, a tradición española favorecia a aplicación dunha ampla medida de liberalismo diante de outros credos e xentes. Sen dúvida a intolerancia non era un dos trazos característicos daquela raza.
É posível que o espólio, o fraude e a violencia que prevaleceron na época dos reis católicos xa empezaran en Castela no reinado anterior, o de Juan II. Iso é o que se deduce dos cronistas de Isabel, mas son opinións pouco fiavéis, dado que a maioria deses cronistas tiveron que se transformar á forza en propagandistas oficiais dela. Mas, ainda admitindo que no reinado anterior houbese xa un comezo de fanatismo e corrupción, fomentado polo clero e que lle valeu de muito a Isabel nos seus manexos para apoderarse da coroa, do que non pode haber dúvida é de que a Isabel non lle foi doado implantar o fanatismo e a intolerancia, e que non o teria conseguido sen o apoio da Inquisición. Di o historiador Merriman:
Parece que a raíña se empeñara xa en expulsar aos xudeus de Andalucía en 1480, cando se fundara a Inquisición, e que non o conseguiu; terían que pasar doce anos mais de teimudo labor de fomentar intolerancia racial e inserir sentimento antisemita para que se puidese dar, por fin, o paso final (expulsión).
Aquela España que se distinguía por ser o país mais tolerante da Europa e o que mellor admitía a convivencia de razas e relixións distintas transformouse, en mui poucos anos, no mais intolerante de todos, nun lugar sombrío e despótico do que había que fuxir. Un país ao que antes ían estudosos, artistas, científicos e sabios de todo o mundo, atraídos polo seu liberalismo e apertura de ideias, virou a grande velocidade, case da noite á mañá, o lugar mais temível da Europa e o sitio ao que ninguén quería ir. E isto, Emilia, é o que teño a impresión de que non se estuda nen se investiga a sério. Apreséntase o asunto de tal maneira que os que cren que a unidade de España mereceu a pena non queren admitir que o que se impuxo foi un réxime de terror, e os que non cren nesa unidade monolítica e ambicionan unha España mais dividida tampouco queren analizar ese terror nen esa mudanza radical dos españois que semella ter acontecido naquela época porque prefiren pensar que con eles non vai o conto. Mas a España de hoxe procede directamente do que aconteceu naquel reinado, porque nada se fixo, ou nada se puido facer, para mudar o rumo que daquela se tomou.
Eu non duvido que se poda mudar o carácter individual e colectivo cunha política de medo e violencia física e psicolóxica. Non sei ti, Emilia, porque non teño unha visión clara da época na que viviches, mas paréceme que, sen ser brillante, había nela optimismo intelectual e espiritual e certa amplitude de ideas. Eu vin muitas dictaduras, de perto e de lonxe, e até mesmo direi que penso que o mundo inteiro vive baixo a dictadura que fomenta o patriarcado, e as características son sempre as mesmas: o principal instrumento de dominio é o medo, que pode ser físico, económico, de falta de traballo ou tudo xunto, e logo ven a desensibilización e a falta de información ou a interpretación tendenciosa que falsea o coñecimento e insire o engano. Forman parte do proceso a humillación, o maltrato e o botar a culpa de todos os males a alguén. Mas tambén é importante, para que a dictadura teña éxito, facer crer aos habitantes do país no que se implanta que teñen un destino superior e que son os escollidos para unha misión especial que exixe sacrificio. Cando se usa a relixión para esa empresa, como se usou no caso do que estamos falando, é fácil infundir a ideia de superioridade nata e invocar a vontade divina para xustificar todo o que se fai.
Tudo parece indicar que na época dos reis católicos houbo unha desviación fundamental e un rompemento total co pasado histórico e psicolóxico. Tudo aponta a que o que aconteceu naquel reinado mudou a personalidade de España e que, nese camiño forzado que se emprendeu, perdeuse muito que talvez se poderia recuperar e fomentouse muito que haberia que eliminar. Seguiremos falando deste tema, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …