Benquerida Emilia:
Imos falar agora de como se forma e funciona a familia patriarcal, que é a base e o modelo do patriarcado en conxunto.
A primeira pergunta ten que ser cal é o obxetivo da familia. Se quixésemos decidir para que é a familia sen deixarnos levar polo modelo coñecido, o que resolvésemos dependeria mais que nada da ideia que teñamos de como debia ser o mundo no que estamos, de se cremos que haberia que potenciar ese mundo de maneira que funcionase o mellor posível para todos os que habiten, ou se pensamos que os humanos son intrinsecamente insignificantes, que a maioria deles nunca van valer para nada e que sempre será mellor que governe un grupo de autoridades superiores. A crenza nas elites foi o que asentou o patriarcado e o que sempre imperou no mundo. Os monarcas, os governantes, os imperios e todos os que acadaron mando e viraron autoridades foron considerados superiores axiña que obtiveron ese mando, que se interpretou como outorgado diretamente polas autoridades divinas. Esa é a pauta autoritaria que rexe en todas as estruturas sociais e políticas, a de que hai superiores e inferiores natos e unha xerarquia natural e de orixe divina que hai que respeitar. E esa pauta non desaparecerá mentres se siga cultivando na familia patriarcal.
A cuestión fundamental é a de se a familia debe ser para procriar ou para criar, para reproducir o que xa está feito ou para iniciar algo novo, para ancorar no pasado ou para abrirse ao futuro. O obxetivo da familia patriarcal é procriar, reproducir e obstruir o futuro para asentar un sistema de control e dependencia. Esa familia impón obediencia cega ás autoridades, que son sempre ¨superiores¨, e desalenta o espírito criador. O de que a reprodución fose o obxetivo da familia apoiárono todos os que usaron crenzas relixiosas para divinizar o patriarcado. A igrexa católica, por exemplo, sostivo que o matrimonio era para procriar, e que só así tiña sentido a unión de home e muller. Noutras relixións nas que esa doutrina está menos explícita, a ideia funciona coa mesma forza e tambén nas sociedades mais laicas ou mais ateias. Caberia pensar que, en principio, cando unha sociedade está secularizada en grande medida, como están case todas as sociedades mais adiantadas, o entusiasmo por ter fillos e facer familias diminuiria e que muitos preferirian viver en liberdade, sen as ataduras, responsabilidades e problemas que iso causa. Sería lóxico, talvez, mas asegúroche, Emilia, que na sociedade dos meus tempos o entusiasmo pola familia non desaparece e aumenta mais cada vez, e até se sobreentende que para facer unha familia hai que ter fillos. A parella non é unha ¨familia¨. A presión social e psicolóxica que se exerce para que se fagan familias non é menor que a de antes, e o obxetivo da familia segue sendo o que impuxo o patriarcado.
A forma da familia patriarcal pode variar un pouco dunha época a outra e dunha cultura a outra, mas a estrutura básica é sempre a mesma, porque non se coñece nengun outro modelo e todos estamos convencidos de que a familia ten que ser asi e non pode ser de outra maneira. Talvez no comezo do mundo fose diferente, ou talvez sexa algo distinta nalgunhas culturas mui isoladas. Fora diso, tanto ten que a familia sexa musulmá, xudía, cristiá, africana, americana ou europeia: o modelo é único e as variantes que poda haber non afectan á estrutura básica. A única variación está no grau de autoritarismo que teñan.
Na familia patriarcal o papel que cadaquén deberá representar está claramente definido. Os pais representan a autoridade e os fillos veñen ao mundo para repetir e encaixar no estabelecido. Os fillos son dos pais e para os pais. Non se espera nen se fomenta que os fillos aporten algo novo, como seria lóxico que se fixese, dado que son vidas novas que xa pertencen a épocas distintas das dos ¨vellos¨. Iso é impensável no sistema. Os fillos non se traen ao mundo con ánimo educador e pedagóxico, o que suporia facer tudo o posível para axudarlles a desenvolver o seu potencial. Tráense por razóns de fundo relixioso muitas veces, por automatismo, e para cumprir o que está mandado, para ¨realizarse¨ e por sentimentos narcisistas e egoístas, de ter alguén que é propriedade dun e que se espera que sexa reflexo dun. O que mais inflúe é que a sociedade espera que se teñan fillos e empuxa a telos por todos os meios posíveis. Escapar desa presión é difícil, pois que ese sentimento de deber de reproducirse e reproducir a familia está adentrado nas capas inconscientes dos homes e das mulleres depois de tantos séculos de repetición das mesmas pautas nese sentido. No marco do patriarcado, ter fillos é un deber coa familia, a sociedade e a própria pesoa, que, home ou muller, non estará completa sen eles.
O pai é a figura principal da que depende a familia. Forma parte dunha liña masculina de patriarcas que empeza, na cultura xudaico-cristiá, por exemplo, no Patriarca do ceu, e que noutras culturas empeza tambén con algun outro Patriarca divino ou humano. O pai é a rama principal dese tronco que é a Familia e o que dá o apelido, a ¨marca¨, á familia. O papel que ten que cumprir o pai patriarcal é o de comportarse como a figura que sostén e dá carácter e categoria á familia que forma. Correspóndelle ser a autoridade máxima e, mesmo por iso, deberá manter as distancias. Tradicionalmente o pai foi sempre unha figura distante, como a do monarca ou a de calquera que teña mando e deba manter a autoridade sobre os inferiores. Só nestes últimos tempos e nas sociedades mais adiantadas comeza a proporse a cuestión de en que consistirá ser bon pai e de como haberá que facer para selo. Empeza a haber homes que se senten atraídos pola posibilidade de actuar como pais distintos dos tradicionais, ainda que non haxa modelos para iso. Non obstante, e esta é unha das muitas absurdidades que criou o patriarcado, no sistema patriarcal sempre foi mais posível ser bon pai que boa nai. Na familia patriarcal o pai ten o rol principal, de ¨marca¨ física, económica e social, mas a nai ten a tarefa de marcar e encamiñar as emocións e sentimentos dos fillos e de entregalos ao sistema, e só cumprindo ese labor pode sair da sua inferioridade conxénita de muller e subir de categoría, virar Nai-ídolo e deixar de ser muller. Ese rol imposibilita o altruísmo necesario para encarregarse debidamente das xeracións mais novas que veñen ao mundo. O papel de pai no patriarcado permite algun altruísmo porque iso non chega a afetar ao sistema. O de nai non permite nengun, porque con iso o sistema se debilitaría. A nai é a principal bisagra do sistema patriarcal; por iso insístese tanto en que a muller non é nada, nen sequer muller, se non vira nai segundo os moldes do sistema. Con outros moldes e sen a sua colaboración, o sistema derrubaríase.
Se eu che dixese, Emilia, que a nai teria que ser a principal educadora dos fillos, seguramente pareceríache absurda a afirmación. A ti e a case todo o mundo, porque a ideia do que é ser nai que inseriu o patriarcado foi a de que é a que cuida fisicamente dos fillos (o que non é certo case nunca), a de que é unha santa por telos traído ao mundo e merece gratitude eterna por terlles dado a vida, que tambén é santa sempre no sistema, e, nas versións mais sentimentais, a de que ama incondicionalmente aos fillos, polo menos aos varóns, e que nunca haberá amor como o dela. Mas o feito de que nen se aceite a ideia da nai educadora, e de que nunca se quixese educar ás mulleres porque se pensaba que podian cumprir mellor o seu papel e a sua misión canto mais ignorantes fosen, prova que o patriarcado non quer que as mulleres eduquen aos fillos e que o que precisa delas é que os desorienten e os entreguen ás autoridades e á sociedade estabelecida.
Até a próxima, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …