Benquerida Emilia:
O lóxico seria pensar que a familia empeza na parella, mas a parella non ten un papel central no patriarcado. O papel que lle corresponde é o de reproducir e continuar a familia que xa está feita. Nas sociedades mais adiantadas destes tempos pode parecer que as cousas son de outra maneira e que a parella é a que inicia a familia, mas no mundo inteiro son mui poucas as sociedades en que os matrimonios non se arranxan entre as familias ou en que a familia non é o que mais pesa na escolla da parella. A única saída para as mulleres até tempos mui recentes foi o matrimonio, porque non se lles permitiu nengunha outra cousa: o que tiñan que facer era casar e ter fillos. E o varón sempre soubo que ele tiña un deber de continuidade coa sua familia e buscou para parella unha muller que encaixase nesa estrutura. Foi educado para ver o ¨amor¨ fora da familia e para escoller como parella ¨á nai dos seus fillos¨. A parella no patriarcado non ten de seu importancia e non é mais que un meio para un fin, que é o de procriar e entregar fillos á Familia, que logo depois os entregará á sociedade domados para que encaixen nos moldes patriarcais e autoritarios.
Non sei, Emilia, se nos teus tempos se falaba de que Galiza era un matriarcado. Inclínome a pensar que esa ideia ou ¨teoría¨ propagouna o galeguismo do século XX que ti xa non coñeciches. Ti só viches o comezo ¨romántico¨ desa tendencia no teu século. Os galeguistas do meu tempo afirmaron con tenacidade que a Galiza era un matriarcado. Querian dicer que as mulleres tiñan muita forza e mandaban. Eu escoitei a algun galeguista destacado afirmar que o home galego era ¨feminino¨, supoño que querendo dicer que se deixaba manexar polas mulleres, e a outros galeguistas-nacionalistas afirmar que o home galego estaba castrado. Direiche, Emilia, que cando perguntei a mulleres da Galiza rural se era certo o de que as mulleres mandaban mais que os homes, a ideia fíxoas rir polo disparatada e alonxada da realidade que lles pareceu. Hai certamente unha liña feminina mui forte na sociedade galega que non se pode desfacer nen co casamento da filla, mas esa non é unha liña de auténtico poder feminino, senón unha liña de dominio, control e cuidados que significa que a filla, ainda que case e entre na familia do varón, segue tendo o deber de cuidar e obedecer aos pais dela. Eu chamaríalle matriarcado patriarcal, baseado no culto a unha Nai ¨patriarcada¨ e dominante que entrega os fillos ás autoridades, e esa é unha das formas mais tiránicas do patriarcado.
A parella no patriarcado é para ter fillos, e os fillos son posesións, obxetos que se fan para servir á Familia e ás autoridades divinas e humanas. O espírito criador non existe nen se permitiria que existise nunha estrutura familiar na que tudo ten que ser automático para que o patriarcado se sosteña. Eu suspeito, Emilia, que se puidésemos medir o nível de automatismo en que nos movemos os humanos en xeral, encontraríamos que seria mínima a porcentaxe non automática, pois automatismo é o que se insire xa desde o comezo mesmo da vida, no marco da familia, e o que se segue inserindo na maioria dos sistemas de ensino, nas estruturas do traballo e en todo o que forma parte da vida. E nestes meus tempos, Emilia, non sei se non será ainda pior que nos teus, pois que a manipulación dos meios de comunicación adentrou ainda mais ese facer as cousas sen saber porque se fan. Iso é o típico do patriarcado, que precisa para a sua continuidade e supervivencia que tudo vire automático e fácil de manipular nunha estrutura autoritaria.
A liña masculina da familia patriarcal ten a tarefa de acadar categoria no mundo exterior e mantela se xa se ten. A tarefa das nais é a de encamiñar as emocións e os sentimentos de tal maneira que ninguén saia, nen queira sair, do sistema. Parecerá anormal que, sendo a nai unha muller e sabendo como sabe que as mulleres son inferiores no sistema, sexa ela quen mais o defenda e axude a implantalo e conservalo, mas a explicación está en que, unha vez que a muller vira nai, o sistema lle dá poder, non para defender ás outras mulleres, senón ao contrario, para inferiorizalas. Se xoga ben as cartas que o patriarcado lle concede como nai e cumpre a función que lle acae, ela sae da caste inferior das mulleres e sobe a unha caste superior, a dos administradores de confianza do sistema, por así dicer. A nai da familia patriarcal está encarregada de estabelecer por todos os meios, conscientes e inconscientes, a desigualdade básica entre varón e muller, e iso faino dando preferencia aos fillos varóns e adentrando nas fillas un sentimento de inferioridade radical do feminino frente ao masculino, ensinando a xerarquia indiscutível entre superiores e inferiores, e superiores son sempre, no patriarcado, os ¨vellos¨, os pais, os que traen ao mundo aos fillos e lles regalan a vida e que teñen direito á obediencia e submisión absoluta deles e da xente nova en xeral. A nai ten que fixar o sistema de cuidados, que é parte fundamental da familia patriarcal; ás mulleres correspóndelles o papel de cuidadoras, e ese é un destino do que non se libran. Esa forma de servizo leva a que non podan en xeral facer nada criativo nesta vida, pois non se pode criar sen liberdade e paixón, e iso é o que o patriarcado non lles permitiu nunca. A doutrina da piedade filial, Emilia, que é un dos piares do patriarcado, entrou mui fundo na Galiza e leva á parálise típica do noso país.
Na versión da familia que o patriarcado impuxo o espírito non ten cabida, porque o espírito é liberdade, xustiza e paixón, que é xusto o que o autoritarismo esmaga. A ti, Emlia, custaríache acreditar niso, pois pensarias que relixión e espiritualidade van xuntas. Deberian ir, mas poucas veces o fan. Esa falta de espiritualidade fai que non se saiba para que é o matrimonio, para que son os fillos ou para que é a familia en xeral, porque os obxetivos estan desvirtuados e forzados para servir ao sistema.
A parella no patriarcado é unha peza de pouca importancia na engrenaxe familiar. Se perguntásemos, Emilia, para que é o matrimonio, coido que non conseguiríamos muitas respostas con sentido. Dirian que é para facer unha familia, entendendo por iso ter fillos, ou que é para ordenar a sociedade, ou para ter relacións sexuais ¨permitidas¨ ou telas na casa sen ter que ir buscalas fora, para ter quen o cuide a un ou ¨con quen envellecer xuntos¨, como está agora de moda dicer, ou para ¨compartir¨ tudo, que tambén está de moda agora. Mas ese tipo de matrimonio só pode durar nun marco autoritario en que as mulleres teñan que aturar tudo e non se podan independizar. Fáltalle espiritualidade e espírito criador, liberdade e xustiza, e sen iso non ten sentido.
O matrimonio non patriarcal teria que estar baseado no espírito e alento criador que pode xurdir dunha unión destinada a aperfeizoar aos que a forman como se fosen instrumentos musicais que xuntos poderán dar notas que separados non poderian. Nun patriarcado que obrigou á unidade anulando a diferenza e decretando a inferioridade do feminino, falta a base espiritual para que o matrimonio poda funcionar. Desde o ponto de vista do espírito, o matrimonio ten que basearse no respeito á diferenza e ser por esencia un camiño difícil. Os dous integrantes teñen que subir cada un deles a sua montaña interior e teñen que subir a dos dous xuntos. Ese é o sentido que ten, o de ser unha das maneiras posíveis de entrar nun camiño de aperfeizoamento e criación, e para iso ten que haber un sentimento especial pola outra pesoa e hai que saber ou intuir que a relación con esa pesoa pode facernos mais perfeitos e axudarnos a cumprir o noso potencial. E ten que haber vontade de facer durar a relación. Ten que ser como emprender unha viaxe longa cara un futuro descoñecido que traerá muitas surpresas e novidades e en que hai que entrar con disposición a dar e tomar con xustiza e equidade. É unha relación que precisa ser calibrada e ¨afinada¨ todo o tempo e que non se pode deixar que caia no automatismo e na rutina, porque entón perde sentido.
Seguiremos, Emilia.
You might also like
More from Crónicas
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …
«Não vou por aí»: A máscara
«Não vou por aí»: A máscara. Há tempo que queria escrever sobre esta crise político-económico-sanitária local, regional, nacional, estatal, mundial…