– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– María José Fernández López: Un espello a reflexar as propias sombras. Hai un non-lugar dentro de min mesma ó que non podo chegar empregando a razón nin os instrumentos da lóxica. A palabra a configurarse en poema define o camiño de entrada cara ese non-lugar que é cerna da miña realidade e, posto que non hai recuncho ó que non poida acceder coa poesía, esta constitúe unha potente fonte de información acerca de min mesma. Nada, nin sequera os meus feitos, poden explicarme mellor ca un poema.
Nun plano máis xeral, dicir que eu percibo a poesía non só como espello para sombras individuais, senón tamén da colectividade. Octavio Paz escribía que “la poesía revela el mundo”, posiblemente por iso non existe outra ferramenta máis precisa para a denuncia social. Neste senso, para min o poema debe ser ante todo berro e nunca unicamente unha abstracción destinada a crear un pracer estético.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária (e artística em geral)?
– María José Fernández López: No meu caso, ese proceso consiste en traer a un plano racional algo que xorde nese non-lugar do que falaba antes. Moitas veces as palabras aparecen sen saber o motivo, con urxencia de ser levadas ó papel, no momento e no lugar máis estraños. Non é a primeira vez que aparco o coche á beira da estrada para escribir un poema que de súpeto se materializa na miña consciencia. Nestes casos, hai unha parte do proceso que é totalmente inconsciente e só intervén a miña vontade á hora de deitalo no papel e despois facer as correccións oportunas. Por que xorde ese poema, nese momento? Non sabería explicalo. Noutras ocasións o poema parte de emocións que non consigo xestionar se non é a través da escrita: da rabia, da tristura, dunha certa sensación de soedade que me acompaña dende que teño uso de razón… Tamén da reflexión acerca de temas que me afectan ou me preocupan. Pero, ata nestes casos, hai unha parte que se escapa á razón. As palabras chegan sempre bulideiras e anárquicas, xogando comigo, sen que eu saiba nunca de onde veñen ou como aparecen.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, visuais, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– María José Fernández López: A min gústame a mestizaxe a todos os niveis. En xeral, considero que todas as vías de comuñón entre as distintas artes deben ser experimentadas, sen prexuízos e sen delimitar o que pode ou debe ser feito. No caso da poesía, o resultado de misturala con música, teatro ou con distintas artes visuais é impresionante. Establécese un diálogo totalmente natural entre elas que permite que chegue a un abano de público maior e máis diverso, logrando dalgún xeito que descenda dese altar inaccesible no que algunhas elites intelectuais quixeron colocala. Eu teño asistido e participado en proxectos que misturaban poesía e música, ou poesía e imaxe, que constituíron un auténtico agasallo para os sentidos. Quizabes polo feito de que a mensaxe chega a través de distintos camiños sensoriais, esta vese enriquecida e reforzada. Hai unhas semanas, por exemplo, o colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar, do que formo parte, e o fotógrafo cántabro Vicente Ansola, presentamos no Museo Provincial de Lugo o proxecto Os camiños da brétema, que xira en torno á desaparición dos núcleos rurais galegos. Definímolo como un proxecto de intervención foto-poética porque combinamos as fotografías de Vicente cos textos escritos para elas e, ademais, acompañamos o recitado coa música de Green Label e Miguel Alonso. O resultado foi marabilloso. As imaxes modificaban os poemas e viceversa, de xeito que o corpo fotografía-poema contaba historias distintas ás que contaban cada un dos elementos por separado. Non só non se estorbaban fotografía, música e poesía, senón que tiña lugar unha fusión sorprendente e absolutamente enriquecedora.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?
– María José Fernández López: A poesía axúdame, entre outras cousas, a ordenar esa especie de caos que me habita e no que habito. Diría, pois, que ese caos existencial é o meu principal referente creativo. A miña realidade individual e, alén dela, a realidade social que inevitablemente me modela e pretende definir o que debo ser como muller. Tamén as moitas mulleres sen voz que coñezo e descoñezo son puntos de referencia. E, por suposto, aqueles e aquelas que nalgún momento do camiño me provocaron dúbidas, me romperon esquemas, me e(com)mocionaron…
En canto á poesía, todo comezou coa miña nai léndome a Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Logo viría María Mariño e, máis tarde, Ana María Rodas, Gioconda Belli, Alejandra Pizarnik, Maya Angelou, Pilar Pallarés, Ana Romaní, José Ángel Valente, Lois Pereiro… Pero tamén a pintura de Frida Kahlo, a fotografía de Sebastião Salgado ou os textos de estoicos como Séneca ou Marco Aurelio falan nos meus poemas… A lista sería demasiado longa e, ademais, non deixa de aumentar.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– María José Fernández López: No caso da creación poética, interésanme todos os camiños que permitan achegala á sociedade en xeral, comezando polos nenos e nenas. A poesía debería ser, entre outras cousas, unha ferramenta de liberación individual e colectiva, pero non pode selo se permanece pechada nun cuarto ó que case ninguén quere acceder. Os recursos para conseguilo son agora moitos e as canles de difusión aumentaron e diversificáronse, pero creo que é necesario un esforzo aínda maior neste senso.
– Palavra Comum: Participas no colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Fala-nos desta iniciativa e do que significa para ti…
– María José Fernández López: A Porta Verde do Sétimo Andar é un proxecto que, dende unha posición de compromiso coa lingua e coa cultura, naceu coa intención de ser un espazo de confluencia aberto a todo tipo de expresión artística. Este ano celebramos precisamente o seu décimo aniversario e creo que pode dicirse que se acadou este obxectivo. Foron (somos) moitos os e as creadoras que ó longo destes anos construímos voz a voz o espazo trala Porta, facendo del un punto de partida, un punto de chegada ou un “lugar” no que permanecer segundo as necesidades de cadaquén. A Porta sempre está aberta, por iso segue a ser un espazo vivo e en constante cambio que non deixa de recibir novas propostas. Eu, que comecei a participar nos seus recitais hai uns dous anos, sentinme de contado acollida e cómoda nun grupo no que percibín a firme vontade de levar a poesía onde fose necesaria. De levar, mais tamén de ser levado por ela, receptivo sempre a todo tipo de iniciativas artísticas. Fascinoume especialmente naquel momento a tremenda diversidade de voces que participaban na Porta e como, froito do traballo colectivo, se abrían múltiples camiños que permitían facer visibles as propostas creativas dos e das integrantes, convertendo a Porta tamén nunha canle de difusión alternativa.
– Palavra Comum: Que opinas da situação do sistema rural galego? Que alternativas de futuro consideras mais necessárias, dum ponto de vista integral (ecológico, económico, social, cultural, etc.)?
– María José Fernández López: O medio rural galego leva décadas inmerso nun proceso de despoboamento e abandono que se salda, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, con máis de 3000 aldeas abandonadas, aproximadamente o cincuenta por cento no conxunto do estado español. Un proceso de abandono, hai que dicilo, causado en boa medida polos poderes políticos e económicos, empeñados na implantación de modelos produtivos intensivos e altamente especializados, tanto no eido agrogandeiro como no forestal. A chamada “reconversión do campo” foi un proceso brutal no que se pecharon un número elevadísimo de explotacións, coa conseguinte perda de postos de traballo. Postos de traballo que non foron absorbidos por ningún outro sector existente no rural, de xeito que a única opción para eses homes e mulleres foi abandonar as aldeas de orixe na busca de oportunidades de traballo. Foi unha marcha silenciosa, resignada, tristísima. Salvo excepcións, non apareceu nos informativos ou fíxoo escasamente porque a xente simplemente se foi. E a todo isto hai que sumarlle, ademais, a eliminación de servizos básicos relacionados coa educación e coa saúde que se viu agravada coa escusa da crise e que obriga ós que decidiron quedar a deixar as aldeas na procura, xa non só de traballo, senón tamén dunha mellor calidade de vida.
Pero o esvaecemento do noso sistema rural non é só responsabilidade das autoridades políticas e económicas. Son moitas as xeracións de homes e mulleres nacidos e criados no rural ás que se nos fixo chegar a mensaxe de que o noso xeito de situarnos no mundo non valía, estaba obsoleto e, polo tanto, o progreso, o éxito e mesmo a felicidade estaban fóra. Fóra da aldea, lonxe do traballo coa terra. Nós interiorizamos esa mensaxe, marchamos e agora vemos como morre o mundo no que nos criamos cun certo fatalismo, como se nada puidese ser feito xa. Non se fala nos bares da morte dos nosos pobos, a sociedade en xeral contémplaa cunha mestura de mágoa e resignación, pero sen pasar á acción. Se cadra non somos totalmente conscientes do que supón o seu esvaecemento. Non se trata só da perda dun rico patrimonio material, senón dun xeito particular e único de relacionarse coa terra, dunha cosmovisión que constitúe nada menos que a cerna da nosa identidade colectiva. Así pois, coa morte do rural, a sociedade galega queda orfa das raíces necesarias.
Sen embargo, malia todo isto, aínda queda vida e, polo tanto, capacidade de transformación. O primeiro que teriamos que facer é “cambiar o chip” e comezar a mirar as nosas aldeas como espazos ideais para levar a cabo multitude de proxectos de todo tipo. Hai que pensar, ademais, que os sistemas de produción ós que antes me refería non son os únicos posibles e optar por alternativas máis sostibles tanto no eido agro-gandeiro como no forestal. En canto ó sector forestal, que é no que se desenvolve o meu traballo, a aposta ata o de agora foi clara pola produción de madeira de especies de crecemento rápido como o eucalipto, unha opción que se vendeu como única rendible dada a nosa estructura territorial, fortemente atomizada e con superficies medias inferiores á media hectárea. Non se apostou, por exemplo, pola xestión conxunta dos montes, coa cal si sería posible poñer en práctica outro tipo de aproveitamentos. Estudos feitos por CONFEMADERA amosan que a inclusión doutros usos do monte que permitisen compaxinar a produción de madeira con pastos, obtención de cogumelos, mel,… incrementaría en 20.000 anuais os empregos relacionados co sector, duplicando ademais os ingresos deste.
– Palavra Comum: Fala-nos da tua Galiza Imaginária… Que há dela na existente neste 2015, e por onde achas que seria bom encaminhar os passos?
– María José Fernández López: A miña utopía persoal pasa por unha Galiza moi afastada dunha racionalidade neoliberal que reduce ó individuo á condición de produtor-consumidor absolutamente desconectado dos demais individuos e da realidade socio-política na que se insire. Nunha Galiza así xamais tería calado a mensaxe da que falaba antes, ese “o que ti es non serve”, que pretende uniformizar individuos e colectivos a partir da anulación da propia identidade e que foi aplicado con éxito en todos os ámbitos, non só no agro.
É unha utopía difícil de acadar, pero o grao de sufrimento que provoca este capitalismo é tan grande, que xa son moitos os camiños en sentido oposto que están sendo trazados a nivel global e tamén en Galiza. Modelos nos que se considera ó ser humano como un ser interdependente e ecodependente e nos que, polo tanto, se deseñan sistemas produtivos sostibles e respectuosos co medio ambiente, tomando como referencia valores que teñen máis que ver coa cooperación que coa competitividade. Son moitas as iniciativas que están xurdindo nesta liña, pero en moitas ocasións permanecen illadas unhas das outras. Paréceme fundamental o traballo en rede, que as persoas que cremos que é posible construír outro tipo de sociedade nos coñezamos, colaboremos unhas coas outras e sumemos forzas nunha mesma dirección.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– María José Fernández López: Pois os proxectos son múltiples e afectan a varios eidos da miña vida, só me falta o tempo preciso para materializalos. No que respecta á poesía, estou particularmente ilusionada co que será o meu primeiro poemario, que está xa en fase de revisión e corrección. Ademais, o proxecto Os Camiños da Brétema chamou a atención de persoas que queren presentalo nos seus concellos para axudar a facer visible a situación de morte silenciosa dos núcleos rurais galegos. Sería fantástico poder levalo por toda Galiza, porque é urxente abrir un debate no que se formulen preguntas, se trate de achar respostas e se propoñan solucións.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– María José Fernández López: Palavra Comum é para min unha iniciativa moi atractiva tanto no fondo como na forma. Gústame particularmente a diversidade de temas que trata e a fondura co que os trata e aprecio tamén o feito de poder coñecer a través dela proxectos e persoas ás que, doutro xeito, probablemente non coñecería.
En canto á segunda pregunta, se cadra boto en falta un achegamento ó mundo da investigación científica. Que liñas se están seguindo nos distintos eidos e cal se pretende que sexa a súa aplicación inmediata. Tamén, seguramente por deformación profesional, me gustaría atopar representado o mundo da empresa. Están xurdindo iniciativas moi interesantes que van na liña da construción dese outro mundo posible, e que están sendo postas en práctica por mulleres e homes cunha visión da empresa innovadora na que se ten moi en conta tanto a responsabilidade social como a ambiental desta.
NOTA: a fotografia da autora é de Emilio Romanos.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …