– Palavra Comum: Que é para ti a arte?
– Viki Rivadulla: Para min é unha forma de vida, un xeito de estar no mundo, unha toma de postura ante a realidade e un xeito de interpretala. Tamén é un xeito de interrogar sobre o que nos rodea e mesmo unha praxe para cambiar a realidade, ou cando menos para cuestionala cando non nos gusta, e comunicar o que haxa de fermoso cando o haxa.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural e artística?
– Viki Rivadulla: É un proceso natural, que está na mesma cerna do artista. O artista crea como a árbore medra, ou como o paxaro voa. Pero tamén é un proceso de traballo, e de traballo duro. Hai que formarse, mesmo nos que somos autodidactas o propio proceso ensínanos moito e é un camiño de autorrealización, de crecemento persoal.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes plásticas e as outras artes (literatura, fotografia, audiovisual, etc.)?
– Viki Rivadulla: Para min están interrelacionadas. Por exemplo, no meu caso a literatura é moi inspiradora e está moi presente na miña obra. As diferentes artes inflúen unhas nas outras e abren novos camiños de exploración. Hoxe en día hai moitas formas de creación que están a cabalo entre varias artes. O artista ten que nutrirse un pouco de todo o que se está facendo nas diferentes artes ou formas de creación.
– Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo?
– Viki Rivadulla: Gústame a arte que me faga vibrar. O que me conmove. Dende Maruxa Mallo a Luís Seoane, de Chagall a Leonora Carrington. Pode conmoverme unha escultura de Paco Leiro ou un gravado de Käthe Kollwitz. E, en xeral o expresionismo interésame moito pero sempre tendendo á figuración.
Gústanme as historias que me contan as figuras. E o que máis me conmove é a arte que ten un sentido colectivo, como a de Seoane … Deixar os xogos estéticos aos que sería doado sucumbir para –como el dixo- afrontar a responsabilidade que temos co noso tempo.
E un referente importante para min é sempre o traballo das mulleres, é incríbel a historia da arte que existe en paralelo á que nos contaron: hai un grande número de creadoras, de grandes creadoras que foron silenciadas pola historia. Pero aí están as súas obras. Todas elas son inspiradoras para min.
– Palavra Comum: Achas que é, em geral, suficientemente (re)conhecido o vosso trabalho cultural?
– Viki Rivadulla: Polo público, si. O encontro co público é o mellor de todo; é nese momento cando a obra remata, cando é interpretada por outras persoas que a fan súa, interprétana dende a súa propia perspectiva ou simplesmente gozan dela. Pero dende as administracións a cultura, en xeral, é pouco valorada. Aínda non entenderon o valor da cultura para a sociedade, a cultura fainos críticos e libres, e é un instrumento para mellorar a vida das persoas. Para moitos gobernantes a cultura só é unha forma de encher programa e serve para sacar a foto. Non hai máis que ver como os políticos se retratan cos artistas nunha inauguración e logo xa se esquecen, son capaces de ter unha mostra pechada. Non se molestan, por exemplo, en levar os nenos dos colexios a ver unha exposición, a ter un encontro co artista. O que vale da cultura para eles é a foto, para dicir que se interesan por nós. Pero non lles importa nada o que facemos. Nin lles interesa o que contamos; a arte en si, como forma de cuestionar a realidade, ten unha compoñente revolucionaria que incomoda ao poder.
– Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?
– Viki Rivadulla: Creo no contacto directo co público. Por exemplo, nas artes plásticas é interesante que o autor se poña á disposición do público para poder falar da súa obra, é certo que as obras falan por si soas, non é necesario explicalas, pero tamén son consciente de que o público gosta de coñecer que hai detrás de esa obra, quen a fixo, por que. O encontro co público é, ademais, moi reconfortante para o autor. Sempre aprendes cousas, descobres interpretacións da túa obra que nen ti mesma viras.
Por outra banda é fundamental levar a arte á escola. Non só como disciplina no currículo educativo -letras , filosofía e artes están desaparecendo- , senón tamén como actividades dinámicas, encontros cos autores. Os nenos teñen que ver espectáculos audiovisuais, teatro, exposicións, os artistas deberíamos visitar as escolas. Eu teño experiencia pedagóxica de anos traballando con nenos e é marabilloso como a arte os motiva, e iso vaise notar para outros aspectos da súa vida.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Viki Rivadulla: Uff! Moitos proxectos. Sempre digo que habería que ter sete vidas coma os gatos. Non chega unha para todo o que quero facer. Gustaríame poder desenvolver o que aprendin sobre o gravado, facer unha carpeta con poetas, aos que coñezo e aprecio moito. Sería un traballo conxunto moi bonito. E tamén poder dedicar máis tempo á escultura, pero necesitaría maior espazo no meu taller para o que quixera facer.
De momento estou traballando na seguinte mostra e xa teño outra en mente. As ideas acumúlanse e non hai horas no día para facer tanto!
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Viki Rivadulla: A min paréceme moi interesante, un lugar de encontro no que podes navegar e atopar cousas das que aprender. Ademais precisamos medios en galego e revistas especializadas en diferentes áreas.
Gústame esa idea de traballo colectivo, a palabra común, o proxecto común, o sentido de tribo para construirmos unha comunidade e manter vivo un país.
You might also like
More from Entrevistas
À conversa com Luciene Carvalho | Carla Nepomuceno
Luciene Carvalho, a primeira mulher negra no Brasil a assumir a presidência de uma Academia de Letras
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …