– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Yolanda López: Dicía Gabriel Celaya que a poesía é unha arma ateigada de futuro. Manuel Rivas escribiu que no manuscrito da terra, a poesía tería que ver coa topografía secreta dos camiños que non aparece nos mapas. Para min, escribir é fecundar a vida e deixar preñada a nosa morte. Cando o pensamento é poético, a palabra é música. A poesía é a ferramenta coa que movemos a conciencia social. O poema é o edificio da emoción e o pensamento sublimes. O poemario é a porta que nos leva ao universo da imaxinación e a fantasía reais. Coa poesía facemos arquitectura volátil e disparo necesario.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?
– Yolanda López: O proceso da creación literaria pasa por diferentes fases, cada una delas máis enriquecedora. Primeiro atopamos esa explosión de inspiración que nos leva á composición inicial, ao manuscrito que inicia esa viaxe cara un resultado “definitivo”. Dende a observación dun cadro, ata unha peza musical, a leitura dun libro, a visión dun filme, pasando por un paseo pola natureza ou o propio silencio, poden levármonos á escrita. Despois comeza o que eu chamo o xogo progresivo coas letras, coa estrutura, a reescritura, as correcións, deliberacións, etc. Tamén é salientable o feito de dar pouso aos versos durante un tempo determinado para retomalos con posterioridade e así atopar novas saídas, novas ideas e emocións. Na miña opinión, un libro nunca está rematado. O paso do tempo abre portas constantes na (re)elaboración dunha obra. Todas estas etapas son a arquitectura que leva ao edificio do poema, constitúen a ramaxe que conforma a árbore poética.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– Yolanda López: Dende os meus comezos como poeta, todos os meus libros, tanto os publicados en galego como en castelán, están intrinsecamente relacionados con outras literaturas e as diversas manifestacións artísticas, sexan artes visuais, como musicais, mitolóxicas ou históricas. Caracterízanse pola súa multidisciplinariedade. De feito, prácticamente todos están ilustrados por min. Verdugos impolutos é un diálogo intenso coa mitoloxía clásica e co cinema. Obertura sen heroe está moi interrelacionado coa música, a política, o feminismo, as literaturas e as artes anglosaxoa e oriental. Esta liña mantense nos meus dous últimos poemarios, Moralla e Tántalo, onde diferentes voces se aúnan nun coro universal, nun berro liberador e libertario, onde a poesía social entra en escea con furor. Por outra banda, tanto Grietas (Fendas) como Temblor fiero son libros onde a filosofía existencial, a performance, os aforismos, os haikus e incluso a prosa poética son unha constante.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes literários e criativos? Quais del@s reivindicarias por não serem suficientemente (re)conhecid@s?
– Yolanda López: Os meus referentes creativos son moi numerosos! É complicado resumilos! Hai diálogo con figuras mitolóxicas femininas: Selene, Pandora, Amaterasu, Antígona, Hipatia… Personaxes históricos como Clara Campoamor, María Pita, Alexandre Bóveda, literatura feminina universal que vai dende Virginia Woolf, ata María Mariño, Gioconda Belli ou Astrid Cabral. Referencias musicais como Clara Schumann, Carl Orff, Beethoven… E podería seguir. As distintas literaturas e manifestacións artísticas son fonte continua de inspiración na miña poesía. Todas elas entran no tsunami lírico que conforma o meu estilo persoal, como ríos que desembocan no océano frenético do entramado poético.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Yolanda López: Na miña opinión, sempre hai un compoñente poético perceptible nos restantes xéneros, tanto na ficción, coma no teatro ou no xornalismo. Dende o punto de vista estético, caracterízome por un intenso eclecticismo. Compoño dende haikus, macro-composicións ou poemas en prosa poética, ata obras de teatro poetizadas ou polifonías cun ritmo in crescendo e con apoteose final. Podería falar dunha máxima liberdade de expresión tanto na forma coma no contido. Por outra banda, eu considero que debería existir máis poesía social na literatura galega, sobre todo neste tempo de corrupción, ditadura de mercado e oilgarquía no que vivimos.
– Palavra Comum: Como ves a cultura e literatura galegas desde Madrid?
– Yolanda López: En Madrid “agóchase” unha riqueza enorme no que ao literario e ao artístico se refire. Non podo esquecer falar do grupo de creación literaria galega en Madrid denominado BILBAO e que tan ben me colleu dende que cheguei aquí. Atopamos escritores como Vicente Araguas, Manuel Pereira Valcárcel, Sabino Torres, Xavier Frías, Carme Lamela, Ana Cibeira, Rafa Yáñez… Os últimos sábados de cada mes reunímonos no Café Comercial para facer tertulia na nosa prezada lingua, ademais de organizar numerosos actos culturais. Penso que en Galiza deberían valorar o que facemos. O que me provoca unha profunda mágoa é a recente e inxusta supresión dos cursos de galego que se daban na Casa de Galicia de Madrid dende hai tempo, cando xa estaba asinado o convenio. Aínda así, os escritores galegos que vivimos en Madrid imos seguir loitando para facer da nosa cultura aquí unha presenza constante. Non podemos tender á endogamia. A lingua e a literatura galegas teñen que cruzar fronteiras, non podemos poñer límites nin castrar toda a nosa riqueza no ámbito xeográfico estricto de Galiza.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver? Fala-nos do teu último livro publicado, Tántalo…
– Yolanda López: Agora mesmo promocionar e dar a coñecer Tántalo. Tamén en abril sairá do prelo o meu novo poemario en castelán, Con el tambor del viento, editado pola gran editorial madrileña Huerga & Fierro. Volvendo a Tántalo, agradoume moito recibir o Premio de Poesía López Ardeiro con este libro, editado pola Xunta de Galicia e o Concello de Negreira. Está á venda en diversas librarías de Galiza… Tántalo foi un rei condeado polos deuses a permanecer no Tártaro eternamente por cometer filicidio e desafiar ao poder celestial. O suplicio de Tántalo ten como significado metafórico como o ser humano, pola súa mesma insensatez, se priva de todo o que ten ao alcance da súa man. O castigo de Tántalo tamén representa as frustracións sufridas polas nosas aspiracións inconclusas, así como a dualidade contraditoria que existe entre a vontade de independencia e o persistente complexo de culpa no home. Isto aplícase ao contido deste poemario onde queda palpable a necesidade de cambiar de rumbo como especie, onde a falta de moral ou a dobre moral, imperantes na sociedade do capitalismo, nesta ditadura de mercado, levan á propia destrución do ser humano. Este título tamén fai referencia ao tántalo como variante dun paxaro da familia das cegoñas, pois a liberdade é a que o define, como liberdade é o que o home busca e poucas veces atopa por apresarse aos seus propios medos e debilidades.
Na primeira parte, PRIMITIVA MAN, percibimos un inicio impregnado de pesimismo existencial e marcada tendencia ao simbolismo francés no que á forma se refire. Os peches dos poemas amosan a fortaleza do ser humano en momentos críticos da vida, (A derrota, A ferida aberta). Existen referencias a poetas coma Uxío Novoneyra e o seu libro Os eidos, Chekhov, Baudelaire, Pessoa, Castelao, Lois Pereiro, Antón Tovar, Luis Pimentel, Sylvia Plath, Xela Arias, Pura Vázquez, Maria Mariño, Rosalia de Castro, Virginia Woolf, Emily Brontë e as súas irmás, Alejandra Pizarnik, Eudora Welty, Hessel Cocteau, Yeats, Mallarmé, Shakespeare, Lorca, Faulkner… Referencias musicais e pictóricas, Maruxa Mallo, Urbano Lugrís ou Rafael Úbeda; o enxalzamento da nosa terra, as súas paisaxes e xentes; e o tema do soidade e da morte a través da metáfora do xogo do xadrez, etc.
En ARQUITECTURA VOLÁTIL hai unha evidente mensaxe ecolóxica na defensa do medio ambiente, da selva amazónica, dos indíxenas e unha clara crítica ao seu exterminio, así como unha protesta contra os incendios e as marexadas negras. Hai tamén unha homenaxe ás vítimas do desastre de Fukushima, provocado polo tsunami en Xapón, intertextualidade entre poesía e teatro, homenaxe á literatura universal escrita por mulleres, viaxes físicas, emocionais e literarias, ou a loita pola identidade e dignidade galegas.
Na terceira e última parte, EMBESTIDA (OU TALISMÁN PARA AS SOMBRAS), hai un poema inicial surrealista onde se fai unha crítica da falta de valores na sociedade actual, o xenocidio da dignidade humana, a pasividade ante as inxustizas sociais (Mudez esteparia), e tamén unha homenaxe á literatura de Lorca e referencias ao seu asasinato, unha crítica ao esquecemento que sofren os saharauís e outros pobos marxinados, e un poema final adicado á danza e á música tradicional galegas.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Yolanda López: Palavra Comum é unha iniciativa cultural digna de admirar sobre todo nestes tempos onde a economía e a política están sobrevaloradas en detrimento dos nosos bens culturais. Tedes moito valor e ousadía, parabéns! En relación ao que enriquecería máis esta proposta, eu incluiría a publicación de artigos onde a interdisciplinariedade entre literatura e arte fose palpable. Estaría ben pór en marcha unha sección adicada á literatura escrita por mulleres, ou a social, ou á literatura dos novos autores más descoñecidos, que non por iso peores, para darlles unha oportunidade no eido cultural. Tamén boto en falla a crítica cinematográfica e teatral. É dicir, a especialización como clave. E por que non? Convocar tamén premios, “debates” ou “mesas redondas” virtuais para darlle pulo á nosa nación, sempre en relación con outras culturas do mundo, non só a galega e a lusófona, tendo en conta que son estas as que deben constituír o eixo fundamental da páxina web.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …