– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Xosé Lois Romero: A música é para min unha linguaxe primixenia e común a todo os seres humanos, sen discriminación de ningún tipo. É como unha prelinguaxe arcaica que nos une e transmite unicamente valores positivos e esenciais para a vida en sociedade. Como creador, a música en min é un medio de expresión innato que expande o meu mundo interior e me permite relacionarme co resto do mundo dun xeito sincero.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Xosé Lois Romero: No meu caso naceu de xeito natural. Sempre digo que eu non escollín a música, foi ela a que me escolleu a min. Na orixe xurdíu expontaneamente e pouco a pouco fun sendo consciente sobre a forma e as posibilidades. A día de hoxe é unha combinación entre a inspiración (tan misteriosa e indómita!) e o traballo técnico, en proporcións que varían dependendo dos proxectos e dos momentos vitais.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, fotografia, etc.)?
– Xosé Lois Romero: Cada arte ten as súas singularidades, e creo máis na súa diferenza que na súa semellanza, e iso paréceme en si mesmo o máis interesante. Cada arte utiliza unha dimensión (a palabra, o espazo, o son, a luz,…) e cando se combinan xéranse artes poliédricas.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (num sentido amplo)?
– Xosé Lois Romero: A nivel musical, o meu proceso creativo mudou cando escoitei por vez primeira a Hermeto Pascoal e descubrín que todo o que eu buscaba consistía en transcender a forma. Non me gusta imitar músicas xa existentes e odio repetirme. É unha necesidade vital para min sentir que estou facendo algo novo, que me sorprenda a min mesmo. Pero obviamente todo o que fago non deixa de ser unha combinación íntima de elementos adquiridos ao longo de toda a miña vida, de músicas e vivencias de todo tipo.
Amais diso, teño unha concepción moi visual da música, tanto escénica coma de concepto, e ningún elemento é intranscendente: dende a actitude até o espazo físico forman parte da música. Nese sentido, sempre admirei a aqueles músicos que concebían a música como unha combinación de artes.
– Palavra Comum: Que conexões existem entre a música tradicional galega e outros espaços culturais?
– Xosé Lois Romero: Levamos vendo ao longo destes anos o ilimitado potencial da música popular galega. Unha mestura ponderada entre naturalidade e creatividade, que penso que nos vindeiros anos se seguirá ampliando até abranguer novos espazos, culturais e sociais. A música popular é moi permeable a novas influencias e iso é o mellor que lle pode pasar, sen deixar de manter a súa identidade, e penso que a súa capacidade de adaptación a novos ámbitos aínda vai dar para moito.
– Palavra Comum: Que peso tem nos teus trabalhos a tradição musical galega?
– Xosé Lois Romero: Toda. Fago música como galego, e reinterpreto todo o mundo dende a perspectiva que me dá vivir neste recanto de terra, coas súas tradicións, crenzas, historia, sensibilidades,… E indubidablemente a nosa tradición musical ten unha personalidade de seu que condensa todo iso. Saber reinterpretar ese pasado con ollos, e ouvidos, de hoxe en día é a miña maior aspiración.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?
– Xosé Lois Romero: Como xa se dixo milleiros de veces, a publicación dos traballos musicais mudou radicalmente nestes últimos anos, e non hai un novo xeito asumido por tod@s, cadaquén opta por formatos distintos na procura dese público potencial.
Pola miña parte, penso que hai un xeito distinto de chegar á xente de Galicia e á do resto do mundo. En Galicia a vitalidade do noso folclore é un privilexio, e para min é a prioridade. Debemos formar parte activa dela aportando produtos que alimenten esa enerxía liberadora e creativa.
Pero o grande escollo que temos historicamente é exportar todo ese potencial ao exterior, e a ferramenta para facelo agora é o mundo audiovisual na internet. Hoxe máis ca nunca a música e a imaxe van da man, e na internet non hai distancias, con ela estamos no centro do mundo.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Xosé Lois Romero: O meu grupo “oficial” é o trío Vaamonde, Lamas e Romero, co que xa levamos moitos anos e co que desfrutamos moito pola mestura de músicas singulares con postas en escena case psicodélicas.
Este mesmo ano acabo de pór en marcha un novo proxecto que cumpre unha arela que teño dende cativo: actualizar e pór en valor a percusión tradicional galega. Chámase Aliboria, unha combinación de canto tradicional e arranxos actuais para percusión tradicional, e iredes sabendo del ao longo do vindeiro 2016.
O meu proxecto persoal está tamén en marcha pero máis paseniñamente, e nel pretendo condensar todas as miñas inquedanzas musicais: composicións propias, percusión tradicional, eclecticismo, e un coidado tratamento visual.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Xosé Lois Romero: Palavra Comum paréceme máis que necesaria, imprescindible. Como ben dicides, Galicia é unha fervenza de talento e son poucos os medios que dean visibilidade a todo o que se está a facer. O silencio intencionado dos medios públicos fai máis necesario este tipo de iniciativas independentes e cunha clara vontade construtora. Parabéns e por moitos anos!
NOTA: a fotografia é de Juan Luís Rua.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …