– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Xosé Daniel Costas Currás: Para min a poesía é o xeito literario de expresar a miña creatividade. Non penso no poema como nun texto pechado, senón que escribo historias que rematan sendo poemas. Polo tanto pretenden contar vidas, amosar o meu redor coa forza e a vida coa que me gusta vivir.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística e literária?
– Xosé Daniel Costas Currás: Non teño procesos fixos, gústame experimentar con todas as posibilidades. Errar facendo un poema, que non saia do xeito que tiñas pensado, é a mellor forma de aprender escribindo. Cando es capaz de escoitar o que escribes e tes motivación para cambialo, tes ganas de seguir acomodando esas palabras noutras formas, de refacer poemas e seguir traballando neles, estás xerando a primeira e mellor motivación da escrita. Eu escribo cando teño algo que contar, así que xeralmente comezo a traballar en ideas que xorden das lecturas, do cine, do teatro, da pintura, da música. Escribir é a forma de relacionarme co mundo que me rodea.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, audiovisual, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– Xosé Daniel Costas Currás: Xa dixen antes que para min esa relación é imprescindíbel. Eu pretendo escribir, responder a todo proceso creativo que me rodea. Gústame experimentar todo tipo de expresións artísticas, non vou pintar como un pintor, senón que vou pintar algo dende o punto de vista dun escritor, tanto escribindo como pintando fisicamente. Así con todo canto podo experimentar, teatro, todo tipo de creacións plásticas, música…. Este último ano comecei a impartir aulas de Literatura Creativa, nun centro que se chama CCMUS (Centro Creativo e Musical de Moaña). A base do centro é a interacción dos procesos creativos, impártense aulas de música, fotografía, baile, teatro, literatura…. E a idea principal do centro é formar alumnos que sexan capaces de afrontar procesos creativos colectivos con persoas diferentes e con capacidades diferentes. Interactuamos música con literatura, literatura con fotografía, música con fotografía e baile…., queremos formar a persoas en disciplinas artísticas e que as desenvolvan con solvencia, pero tamén que saiban interacturar con creatividade xa que a cultura e os mecanismos de expresión na vida real tamén está interrelacionados.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– Xosé Daniel Costas Currás: Eu comecei a escribir poesía porque lendo un libro (Este é o tempo do sal de Xosé Manuel Millán Otero), descubrín un xeito de expresar o que me rodeaba, fun capaz de abstraerme por primeira vez e entender a súa poesía, entender as motivacións, sentir a maré que compartimos. Co tempo el fixo os prólogos de dous dos meus libros, escollelo para esa tarefa foi reivindicar a súa poesía fundamental.
Teño fixación pola obra de Luís Seoane, sobre todo pola súa pintura e polo seu concepto artístico. E despois son moi coetáneo artisticamente falando e un grande admirador de artistas que están ao meu carón, que crean na miña contorna pero dun xeito global e sei que o seu traballo rematará sendo aínda máis recoñecido. Diego Seixo, Roberto Brañas e Martiño Villaverde, son os tres licenciados en Belas Artes, os tres veciños de Moaña, e cada un coa súa teima creativa, escultura, deseño, arte conceptual… e cos tres sentín esa capacidade creadora universal capaz de facerme emocionar cos seus traballos.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Xosé Daniel Costas Currás: Penso que a literatura debe transcender os espazos literarios, as tertulias. Os recitais deberan cambiar de límites e facelos espectáculo, sempre tendo en conta que o espectáculo debe ter carga literaria, afastarse da idea de espectáculo sen contido. Pódese xogar coa poesía e coa literatura, pero é o poema e o texto o que ao final ten que predominar e sobresaír no camiño que escollemos para comunicar.
Nestes últimos anos levo participado con asiduidade nas Hostias en verso, combates poéticos entre poetas, onde preferiblemente ocupamos bares, baretos, institutos e toda clase de espazos onde nos deixen recitar. O mellor é compartir sen dúbida poesía con Lucía Aldao, María Lado, Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón….
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?
– Xosé Daniel Costas Currás: Unha Galiza onde o galego sexa a lingua normalizada do país, iso cambiaríao todo. Ser consciente da lingua faría que fósemos conscientes das necesidades do país e polo tanto a nación política e social rexurdiría por si mesma. Lástima que non existe nada de todo isto na Galiza de hoxe.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Xosé Daniel Costas Currás: Como xa me referín antes, estou moi centrado no literario no Centro Creativo e Musical de Moaña (CCMUS), este ano vai ser de consolidación do proxecto e é moi importante seguir traballando na interacción das creatividades. No traballo literario seguir escribindo e desfrutando da escrita, seguir errando para volver aos poemas e aos textos coma a primeira vez que me enfrontei a eles.
– Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum? Que botas de menos aqui?
– Xosé Daniel Costas Currás: Sigo a revista a maioría das veces a través dos enlaces e novidades que saltan no facebook. O que máis destaco son as creacións literarias inéditas que aparecen na revista. É un esforzo moi importante manter e dotar de contidos unha revista coma esta. A súa grandeza reside nas persoas que a coordinades e nos seus colaboradores. Cada nova entrada é unha sorpresa interesante. Seguide así.
NOTA: a fotografia do autor é de Martiño Villaverde.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …