Sibila coñece o futuro, nós non. Pero ainda así achamos conexión co universo e o de Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979) remítenos a unha fonda idea de viaxe, interno e externo: India, mundo árabe e tamén ruralidade. “A realidade- di- é esa experiencia palpábel” . “O Canto da Sibila” (ed. Galaxia) é un poemario sensorial que se achega á experiencia real a través da linguaxe.
O comezo do poemario ten unha certa aproximación ao medievo con algún dos símbolos do mesmo. De que maneira te achegas a este periodo?
Dende as últimas revisións históricas que o mostran como un período non tan escuro coma se nos contou, dende a perspectiva da Modernidade triunfante. Recollo, entón, ese espazo que non recae inexorablemente dentro da lóxica racional, ese espazo de multiplicidade e ‘desorde’ que igual non era tal, senón simplemente a vida.
Aperece nomeada tamén a India. Que ten de determinante?
A India realmente funciona como un clixé cultural dende hai décadas ou séculos. Pero eu fun un par de veces hai anos e, fóra do preconcepto, a experiencia é moi estimulante para os sentidos, e non sempre idílica: os olores, as cores, os silencios nos rostros e os ruídos nas rúas, a beleza e a pobreza extremas, talvez activando ese odioso exotismo da pobreza, porque esa outra realidade racha a dicotomía da nosa lóxica e mesturamos entón as dúas nocións como fantasmagorías… Esa indeterminación que se pode manter na experiencia estética e que é imposible –e probablemente pouco aceptable etica ou politicamente – na lóxica, é a que está trazada no poemario. Non porque nada signifique nada, senón pola pluralidade de sentidos non sempre excluíntes.
O real entra no desexábel/non desexábel… Como transforma a realidade plural nunha experiencia palpábel?
O real ou é o desexo inmanente ou non forma parte do desexable, en tanto que non é transcendente aínda con respecto a un suxeito: o real non é espazo de representación. A selección que fai, por necesidade da especie, por obriga existencial ou vontade persoal un suxeito a partir dese real é a realidade. A realidade é esa experiencia palpable. Atopar o real na realidade quizais é o que a pode devir máis plural.
“O real ou é o desexo inmanente
ou non forma parte do desexable”
O cristianismo tamén está presente… Como é o teu achegamento á relixión?
O xogo que realizo co cristianismo é un xeito de subverter esa tradición ou a maneira de atopar o inmanente nela, as raíces gnósticas. Non me interesa a transcendencia nin as relixións reveladas, ben empapadas de poder, nun sentido ortodoxo. Trátase, precisamente, de desfacer conceptualmente eses dispostivos envelenados. O que penso do cristianismo é que é un sincretismo que simplifica as tradicións anteriores, pero paréceme un risco grande confundir, a base de simplificar, os símbolos con referentes. A ignorancia, as lecturas unívocas, son inxustas e perigosas.
Morrer e nacer/nacer e morrer… Cando é por que morres? Cando é por que resucitas?
Baixar e subir potencias (que non poder). Realmente os mitos falaban dos procesos da vida externa, da natureza, e das vidas internas, psíquicas, que pasan, parece que necesariamente, por tales procesos. Penso que as investigacións biolóxicas tamén están nese terreo.
Que tanto de ruralidade hai no poemario?
Moita, grande parte foi escrito na aldea. E en determinadas accións ou estados físicos claramente aparecían os estados metafísicos. Penso que tamén diso van os haikus…
O deserto por onde transitar… Onde o sitúas?
Os desertos poden ser as potencias baixas, baleiras. Pero tamén poden ser un nivel mínimo de subxectivación que precisamente che permite conectarte con acontecementos, aumentar a conectividade: esas son as potencias altas. Os desertos, nese sentido, serven para baleirarse, pode haber un certo horror vacui, pero ao aprehender ese estado revértese na riqueza do múltiple.
Referencias ao mundo árabe… É un poema de mestizaxe?
Interésanme as metafísicas e atráeme a mística sufí. Pero lembro chamadas do muecín de madrugada estando eu en distintos países musulmáns. Ese son, ese ton, é unha vibración moi interesante.
A hipotética salvación… Por que vén dada?
Por unha mesma, que non é o ego.
A doenza.. Como atravesa-la?
Facendo lecturas apropiadas do acontecemento.
O paso do tempo, como vivi-lo?
Non creo moito no tempo. Penso na enerxía, na vitalidade, en facer cousas, o que non quita ter experiencia do baleiro, tamén. Penso que é necesaria para manter os niveis de enerxía. Deste xeito tense dabondo para ser agradable cos demais, etc.
O corpo, como se fai a si mesmo?
Creo moito no poder da mente…
*
Rebeca Baceiredo é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada en Filosofía na mesma universidade. Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2006 por “O suxeito posmoderno” e Premio da AELG ao mellor ensaio de 2013 por “A revolución non vai ser televisada”.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …