Lembro a agradábel sensación que me produciu a lectura do ensaio de Vicente Risco Las Tinieblas de Occidente: Ensayo de una valoración de la civilización europea, onde atopei unha erudición abraiante e unha escrita inspirada a divulgaren un contido ambicioso como poucos: e explicación da decadencia de Occidente baseándose nunha perda de perspectiva cosmolóxica que aínda en Oriente perdura. Non se trata dunha explicación superficial que promova unha groseira discusión sobre onde se vive mellor ou onde se medita máis profundamente, senón sobre as esencias presentes e pasadas da procura do Coñecemento. Tais cuestións habían de remitirme a algunhas lecturas máis evidentes que as de Spengler, de quen se di que se anticipou no exacto tema coa publicación do seu A decadencia de Occidente, e por este motivo se desanimou Risco á hora rematar e publicar Las Tinieblas; refírome aínda á obra de René Guenon, con súa permanente loita por fornecer un orientalismo catalizador para Occidente, e poño por exemplo a súa obra Oriente e Occidente.
Neste sentido, que xente como Risco, coñecido polas súas conexións cos movementos intelectuais europeos, pegase no orientalismo, non debe resultar estraño. Mais no libro de Carlos Pereira que nos ocupa, A Galicia Heterodoxa, algúns destes vínculos coas correntes esotéricas do primeiro terzo do século XX son rigorosamente documentadas en moitos máis casos, nomeadamente os que teñen a ver coa masonaría (Curros Enríquez, Uxío Carré, Manuel Lugrís, Ánxel Casal, Casares Quiroga, Arturo Cuadrado, Leiras Pulpeiro, Portela Valladares, e tantos outros) e a teosofía (onde á par de Pessoa, Gabriela Mistral, James Joyce, Vasili Kandinski e Boris Pasternak, entre outros, atopamos a Valle-Inclán e Vicente Risco). Una compilación de artigos que mostra unha base firme para o estudo das doutrinas esotéricas e orientalistas na intelectualidade do século XX.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …