“[…] Como aplaudo tamén outro intento, o de Diego Ameixeiras. Quixo saír da súa narrativa pretérita, esa que fala dun detective como tantos. Aparecía o tal en dúas novelas anteriores a esta que comentamos, Tres segundos de memoria, coa que obtivo o Xerais. As novelas anteriores peroraban en torno a un personaxe que por veces amosaba a Auria blancoamoriana e só semellaba apuntar lixeirísimos matices do malditismo, as periferias, e os baixos fondos. Un detective tópico, repetido, que intenta ser orixinal e resulta simplemente patético. Esa literatura sen literatura, ese clixé, eses neomodismos que non constrúen voces propias senón que han de limitarnos (a literatura galega) e limitar ao autor. Creo que Ameixeiras pode, e quere. Tres segundos de memoria, que non é unha novela como a min me gustan as novelas, é unha novela que define a un autor que pode ser un autor importante, necesario, dun tempo novo.
Hai acenos intensos na novela: perdedores que non son os perdedores que todos coñecemos. Hai humor, lucidez, ansias dun autor que é escritor e quere ser escritor. Non hai lingua literaria. Nin un ápice. Pero talvez eu descoñeza as novas tendencias literarias: a literatura sen lingua literaria. Non vou explicalo aquí. Pero a dicción, a prosa, vai determinando estéticas. A estética da Nada acabará en Nada, creo, aniquilándonos. Pero esa é simplemente unha opinión e pode, como repiten incesantemente, que eu estea equivocado. En todo caso é a miña equivocación. E incluso a equivocación é un credo. Atisbos dun inadaptado a estes tempos literarios. Polo tanto, logo de pensar moito esta columna, recoñezo o valor de Tres segundos de memoria. Non é a literatura que eu defendo. Pero hai outras literaturas. E outros autores. Como Diego Ameixeiras. Hai, pois, futuro. E desculpen, por favor, a este inadaptado.” (“Inadaptado”, in Culturas, La Voz de Galicia, páx. 14)
O discurso crítico de Xosé Carlos Caneiro non deixa de sorprenderme. Cualifica a narrativa de Ameixeiras de intento, perorata, de ofrecer personaxes patéticas, tópicas, de ser pretensamente orixinal, de clixé, de non ser digna de ser considerada literatura, de ser limitadora e conducir a literatura galega á aniquilación… E, asombrosamente, aplaude “as ansias dun autor que é escritor e que quere ser escritor”; entende que Ameixeiras “pode, e quere”; opina que “pode ser un autor importante, necesario, dun tempo novo”; recoñece o valor de Tres segundos de memoria…
Chegado aquí, desilusiona escribir sobre tamaño monte de despropósitos que, dito sexa de paso, son enfeitados cunha lingua paupérrima. Caneiro séntese un inadaptado mais, na realidade, é o seu ego o que parece non se adaptar ao mundo (o trinta por cento do artigo, como na súa obra Os dominios de Caín, asenta na lamentación e na autoxustificación). Cando por fin leo: “en todo caso, é a miña equivocación. E incluso a equivocación é un credo” xa non temo por el.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …