Despois das respostas particulares á aquela entrevista realizada por Juan Cruz ao profesor da Universidade de Cambridge e da reacción da AELG, agora o Pen Clube de Galicia pon en foco a actitude do xornalista:
«Juan Cruz, máis que entrevistador coautor de Yo intento fracasar mejor mejor, non é un octoxenario desinformado. Este escritor canario coñece a existencia e a traxectoria da literatura galega, trata directamente a varios autores actuais, non se lle escapan nomes como o de Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Alfredo Conde…e ten participado en numerosas actividades literarias en Galicia, a última nas Xornadas de Mariñán, organizadas pola Fundación “Carlos Casares”, do 4 ao 7 de xuño pasado.
Non cabe dúbida ningunha de de Juan Cruz aproveitou as declaracións de George Steiner para botar leña ao lume na actual situación lingüística e literaria no Estado das Autonomías, co “Manifiesto por la lengua común” como telón de fondo. Pouco lle debemos agradecer a partir de agora, ao simpático e poderoso novelista, que acostuma a festexar os “chistes de gallegos”, os que loitamos, día a día, en Galicia e nos foros internacionais, pola pervivencia da literatura de noso.» (Axenda Cultural da AELG)
Ante esta intervención do Pen Clube Manuel Bragado acha unha motivación esencial: que “é un xeito doado de conformismo” que denota “a nosa incapacidade para presentarnos (e polo tanto para facérmonos respectar) no exterior”. A verdade é que en moitas das nosas institucións, sobre todo aquelas que máis recursos teñen, moitos botamos en falta políticas de amplo espectro que impliquen un verdadeiro recoñecemento da nosa cultura. Así non gastariamos tanta saliva en protestar e máis en explicar ante a curiosidade exterior as nosas fórmulas propias de crear cultura. Mais isto só pode surxir de mentes que traballen no marco dun compromiso de resultados a medio e longo prazo, algo que nesta altura aínda resulta difícil esperar. Foron moitos os anos de ermo, e moitos tamén o de falso apoio institucional.
Pola súa parte, a entrevista que fixo Juan Cruz non ten desperdicio. Steiner revélase un intelectual de altura en certos temas ao tempo que nos sorprende con desatinos abisais. Di, por exemplo, do vasco: “Ese idioma tan misterioso es muy raro, muy poderoso. Quizá por eso a alguna de esa gente le resulta tan imposible aceptar el mundo exterior.”; do amor, en troca, afirma: “Yo vivo en cuatro idiomas, escribo y pienso en cuatro idiomas, sueño y hago el amor en distintos idiomas.” Como pode fornicar este home se non pára de falar? O amor é distinto en varios idiomas? Entón é claro que non está preparado para coñecer o amor galego nin o vasco.
A verdade é que unha entrevista que tira dun home como Steiner tantas afirmacións substanciosas é unha entrevista ben feita, cun entrevistado ben disposto a falar. Neste contexto, o Pen Clube parece que quere exixirlle ao xornalista menos distanciamento co caso galego en horas de confronto lingüístico alimentado con moi malas intencións. O asunto é: debe un xornalista canario coñecedor do caso galego implicarse máis en entrevistas como esta? Debe ser deostado por ingrato unha vez que sabemos foi convidado a xantar cos nosos cartos? Servirá isto tamén para “facernos respectar”? Teño para min que, se ben non debemos calar ante as afrontas, o que máis nos fará respeitar fóra van ser as nosas accións, moito máis que as nosas reaccións.
Revisión 31/08/08: Juan Cruz: “He sido siempre un defensor de la cultura y la literatura gallega”; O de marras; “Síntome ferido”.
Revisión 01/09/08: “Las tonterías de Steiner”; “A temeridade dun filósofo“; Bomba no PEN Clube polo ‘caso Steiner’; “o pallaso Steiner, os cartos“; “Caír intelectualmente tan baixo“.
Revisión 02/09/08: “Steiner aconsellounos mirar a Europa“; “Internacionalización do galego“.
Revisión 04/08/2008: “existir e máis aló“.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …