“Sei moi ben o que fixen onte”, así comeza un concerto que se converteu nun mantra. Se o budismo entra e xa non sae agás cando se fai referencia a estilos occidentais como a psicodelia (pero por outra parte tamén se pode aplicar ás músicas tradicionais hindús nun acto de diacronismo). Sei o que fixen onte e por iso me coloco deste xeito no presente. Un presente oblicuo e diagonal que cobra formas de mandala se o observamos desde o visual. As cores que non existen fan presenza e todo se inunda de esoterismo… as cores dos chakras.
Unha viaxe interior e exterior a través dos catro instrumentos: guitarra eléctrica, guitarra electroacústica, batería e baixo. Unha formación clásica para un grupo moi contemporáneo que xera pildorazos rock-noise-indie. Colocados da parte independente levan a cabo concertos que se achegan a aqueles que no seu día, aínda xoven, deu Bob Dylan. Pero aquí as letras aínda son máis lisérxicas; podemos pasear por elas como se nos tomaramos un ácido. Así mesmo podemos bailar (el faino moi ben no escenario) e chegar coa danza e a música a un estado catártico.
Co hit Galicia Calidade o público veuse arriba; sempre está ben que desde fóra no-lo recorden para que non o esquezamos (desde logo a el non o esqueceremos). Porque todo foi epopea, como se presenciaramos un ensaio dunha batalla, aquela que se forxa sen máis armas que os instrumentos e a voz. Porque semella que estás envolta por un cometa que vai a tanta velocidade que non podes máis que seguilo e atravesar o baleiro ata un punto próximo que aquí era a beira do mar.
Sentir coa música de Ángel Stanich Band a conxunción co universo, ser un, ser un todo como nun estado de comuñón interestelar… Chegando a un planeta afastado que esconde un deserto por habitar e que remove e anula a conciencia do eu individual. Todo parece ser inquietante pero no fondo estase en calma. Unha calma que non precede á tormenta senón que se prolonga máis alá do concerto como se o inundara todo para sempre.
*
Foto de Ángel Stanich por Andrea Silván (vía Marvin)