«[…] Viñeron fotógrafos e a televisión. Cando marcharon, a xente, desconectada da conferencia, andaba toda a osmar, tentando facer ficha dos demais. E logo de teren-se estricado os pescozos, as cabezas ian-se reclinando nos asentos bons, pagos con nóminas populares, do salón crediticio… Ollei o reloxio e xa ia case meia hora de Teixeira de Pascoais, Galiza e Portugal. Decidín aguantar-me, sen admitir que era pola esperanza dun apartiño co Barros ao final: había que aproveitar a ocasión de falar con el en terreno neutral, lonxe do seu cubículo intimidante.
O Lantaño, desde o outro lado do corredor de butacas, fixo-me señas de que aquilo era un chumbo e devolvín-lle o correspondente sorriso solidario cunha indicación de ollos cara os académicos que claudicaban pouco a pouco: un xa apartaba as pálpebras ser vergoña, aquél deixara cair a cabeza de forma que as patriarcais barbas lle tapaban a medalla corporativa, aqueloutro cabeceaba a intervalos. Só se conservaban de sentinela un profesor miúdo de misteriosa parecencia —calvo e de ollos rasgados, mongólicos— e o presidente co seu perpetuo sorriso. Os demais apenas acordaban cando a voz destripada do académico-crítico-senador tentaba reproducir a apaixonante verba do poeta portugalego. E voltaban á soneca, xa calmas as toses e as carraspeiras […]» (Tertúlia, páxs. 62-63)
Esta novela de Xavier Alcalá é impactante e divertida como poucas. Nos momentos en que se centra na reflexión sobre o proceso creativo e o sistema literario galego resulta sincera, visceral, non maniquea, crúa, ousada, confesional, verídica (e agora mesmo teño a sensación de esar a falar como Joán Castro, o protagonista) e, por suposto, institucionalmente molesta. Molesta porque é un retrato demasiado sincero do incipiente sistema, e resulta evidente que na súa descrición quedaron os prebostes da cultura escrita cos zancos á vista por detrás das perneiras, como monicreques dun teatriño infantil. Porque o autor se burla até, literalmente, da súa sombra, ao tempo que se ve que vai a serio completamente. A serio literariamente e polo tanto a serio absolutamente.
A literatura burlesca é talvez a espiña mais temida dos espíritos ríxidos, até porque cando ven un talento así, que lles parece desbocado e que recoñecen autenticamente ousado, non saben como situarse. Vendo isto descobren que, como pequenos políticos que son antes do que mediocres intelectuais, non teñen nin inventiva nin inspiración para compararse, e van ao seguro, que é faceren política literaria para atinxiren cadeiras institucionais. Creo que esta novela debeu supor na altura (1985) unha ironía demasiado estridente, unha obra demasiado polida e louca para non meter medo o autor por atrevido e dificilmente catalogábel. “Como podemos controlar unha personalidade así, que se atreve a valoralo todo?”, imaxino que dixeron algúns desde as poltronas de veludo granate da Transición. É unha obra filla do espírito libertario que, en esencia, rexe todo escritor que se entrega á escritura coa ambición de libertarse a si mesmo. Nesta liña, desprende un aroma a liberdade gozosa que poucas obras son capaces de ofrecer.
Tertúlia é tamén, infelizmente, unha novela inencontrábel desde hai moitos anos alén das librarías de vello.
Fotografía: Xavier Alcalá na súa casa na Coruña en 2008, por Alfredo Ferreiro. Na mesa, os materiais manuscritos que entregou ao arquivo da Real Academia Galega.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …