arquitectura vertical
sucesión de pináculos
movemento ascendente, elevándose,
que agocha o medo ao baleiro
que desafía a morte e a caída
as regras da poética e a vertixe
redundancia do teu nome encadeándome,
cadea canle cruz,
que me afoga nas alturas
*
e pérdeste
nas liñas de intersección das avenidas
na sombra dos recunchos
no solpor dos teitos
na polisemia dos cuartos
nas sintaxes circulares
apreixada en labirintos de sons
pérdeste na humidade de agosto
nos refugallos que deixa o levante
nas moreas de rueiros
nos trazos dos alfabetos
*
Pérdeste entre ángulos de area
na acumulación de hipérboles
nas mareas de eufemismos
na desmesura das formas
nos xogos de palabras
nos xogos de artificio
*
Pérdome
nos ocos das escaleiras
nas feridas de amor
abertas como abismos
nos xogos de espellos
nos espazos sen sombra das azoteas
o exceso de luz
*
confeso
o medo que me dan as avenidas
e os desfiles a cabalo
a pobreza axexante
as xentes fachendosas
os camiños no deserto
as viaxes en barco cara a ningures
a ausencia de patria
os sitios descoñecidos
as linguas dos outros
os poemas sen música
as igrexas sen xente
as casas de veciños
ficar á marxe
*
recóstome no muro e escoito
as pegadas dos teus beizos
a sombra das túas unllas sobre a rocha
o pálpito que se inscribe na túa carne
e esculpes ouveos
de verbo fendido
balcóns de vento
que se abanean no rebordo
dun buraco negro
que esquivan o arrepío do contacto
os terrores da infancia
o imperativo dos xuízos
desvelan os misterios da pedra e da barbarie
*
**
Almudena Otero Villena naceu e pasou a súa infancia no norte de África. Xa na adolescencia trasladouse á Galiza. Estudou Xornalismo e Filoloxía Alemá, e doutorouse cunha tese sobre a relación entre tempo e identidade na novela artúrica (Zeitauffassung und Figurenidentität im Daniel von dem blühenden Tal und Gauriel von Muntabel, Göttingen: V&R unipress 2007). É autora do libro ‘ayn. O ollo e a fonte (Rianxo: Axóuxere 2017), no que explora as formas da linguaxe mística e os espazos que abren para repensar e rescribir o mundo. Na actualidade traballa como tradutora.
You might also like
More from Almudena Otero
Diario dos mapas, ou da arte de atravesar fronteiras (texto para unha presentación que non foi) | Almudena Otero Villena
desexa o vento ser brisa e ser aloumiño nas ondas aínda non nos negou o sol, pero vivimos nas sombras Carmen de Milmanda Calquera diario dos mapas norteafricanos haberá …
A sombra | Almudena Otero Villena
Almudena Otero Villena naceu e pasou a súa infancia no norte de África. Xa na adolescencia trasladouse á Galiza. Estudou …