– Palavra Comum: Leste Tertúlia após ser publicada em 1985? Que aspetos destacarias da mesma?
– Araceli Herrero Figueroa: Lin, de certo, Tertúlia, e foi novela coa que traballei nas miñas aulas, con outras do autor (coa inefábel Fábula, á cabeza) dado que, como é común a toda a narrativa de Alcalá, o texto literario, a arte narrativa, o manexo do discurso e a utilización da lingua acada un altísimo nivel que fai tremendamente suxestivo e rendíbel o estudo.
– Palavra Comum: Como avalias a situação, na altura, do sistema literário galego e como a contemplas agora?
– Araceli Herrero Figueroa: Fun e sigo sendo, pese aos anos, unha optimista canto ao sistema literario galego. E o tempo foime dando a razón pois, á par de grandes literatos galegos como o Ferrín e o Alcalá, existe hoxe un destacado grupo de narradores cuxa obra, certamente, responde ao pracer do texto, obxectivo principal da lectura en galego que non se debe esquecer na docencia, e que con Alcalá se cumpre. Unha delicia ler os seus textos!
Falamos de arte literaria, sistema literario por suposto, porque no que respecta ao uso e tratamento da lingua na sociedade e nos medios de comunicación non podo menos que coincidir con Xavier: este non é o país que soñamos aqueles que vivimos o tempo da historia e discurso que reflicte Tertulia. Non podemos gostar do que estamos a viver, e case diriamos “sofrer”. Con moita ironía, moi ben modulado sentido do humor, Alcalá denuncia en Tertúlia aspectos certamente dramáticos da sociedade e vida galega que aínda hoxe permanecen.
– Palavra Comum: Consideras que ontem e hoje continuam a existir capelinhas que repartem bastões e pequenos poderes?
– Araceli Herrero Figueroa: Por suposto que existen “capeliñas” que se erixen en “censores” e máis aínda: en “talibáns”, a maioría das veces en función do beneficio persoal e, por suposto, económico. Xentiñas! Isto é o que socialmente prexudica á normalización da lingua. Sabíao e sábeo ben Xavier, e se houbese no país moitos “alcalás” non teriamos que soportar, por exemplo, as grazas chocalleiras con que nos fustriga unha televisión galega allea a un país do que parece non saberen que ten sete campus universitarios.
– Palavra Comum: Qual a eficácia da denúncia e qual a necessidade de atitudes mais equânimes que as descritas nesta obra para o âmbito da cultura?
– Araceli Herrero Figueroa: Por suposto, a denuncia serve, e máis se se fai como a fai Alcalá, adobiada co humor. É, de certo, un destacado ironista. Un non pode menos que botar unha gargallada perante determinadas anotacións do autor.
Ora, ao que eu coñezo, non se dan a día de hoxe nos xurados as actitudes que a novela describe e que non dubidamos acontecería naquela altura, hoxe superadas. E diso debería tamén saber Alcalá porque me consta que cando se lle concedeu o premio á segunda parte desa súa magnífica triloxía que honra ás letras galegas, houbo un xurado exemplar, como outros, que a avaliou e destacou entre una serie de novelas presentadas que competían revelando tamén un moito salientábel valor literario e nivel artístico.