«O son de cada pisada dada naqueles corredores atormentaba os tímpanos coa intensidade dunha cazolada. Como podía un corpo de area provocar aquel estrondo? As estruturas metálicas da prisión ameazaban con virse abaixo lanzando Mario ao baleiro no medio da ferralla. Os funcionarios, afeitos ao ruído metalúrxico, avanzaban inexpresivos.
No amplo comedor ninguén mirou para Mario pero el sentiuse observado como un aprendiz de artista porno.»
A trenza é un romance de intensidade psicolóxica nun marco de reflexión sobre as complexas redes en que a sociedade nos capta, na ineludíbel fórmula universal da acción e a reacción, da elección e a responsabilidade sobre o propio e o alleo. Porque nada do que os outros fan deixa de afectarnos, porque nada do que facemos deixa de ter transcendencia.
Tres merlos brancos é o volume que contén as narracións premiadas nas tres últimas edicións do Certame Manuel Murguía de Arteixo (XV-XVII), convocante desde 1991. Neste caso ofrece os relatos de Xesús Manuel Marcos (Caída da folla), Miriam Rodríguez (Mentres espero) e Alva Martínez Teixeiro (Un domingo amarelo para dentro).
O Morgado de Fafe em Lisboa e O Morgado de Fafe Amoroso son dúas pezas de teatro dun dos maiores escritores ibéricos do século XIX, agora introducidas e editadas por Carlos Paulo Martínez Pereiro para a Biblioteca-Arquivo teatral “Francisco Pillado Maior”da Universidade da Coruña: «Pode-se afirmar que as duas peças protagonizadas pelo Morgado de Fafe posuem tanto o processo de crescimento, como o potencial de actualização que dão vida intemporal e acompanham os textos ‘clássicos’, pois, atacando as bases do próprio (e duplo) fingimento dramático como mostram as repetidas alusões distanciadoras ao próprio teatro ante o exagero de atitudes e situações, sáo muito mais -e já não seria pouco- do que típicas farsas que não visam mais que fazer rir pela típica tromperie bouffonnne.»
Os alimentos terresteres e Os novos alimentos, de André Gide, agora introducido e traducido polo poeta do verso narrativo (e non prosaico) máis polido das letras actuais, implica unha lectura dun calado raro na edición galega. É talvez un caso como o precedente, no sentido de que ofrece a pluma dun autor invulgar como poucos, e xenial como moitos menos: «Tira do meu libro; di que só é unha ds mil posturas posibles ante a vida. Busca a túa. Non fagas o que alguén tería feito tan ben coma ti, e escrito tan ben coma ti, non o escribas. Sinte apego nada máis que por aquilo que só está en ti mesmo e en ningunha outra parte, e crea de ti, con impaciencia ou con paciencia, ah!o máis insustituible dos seres.»
Aire negro, de Agustín Fernández Paz, é un dos éxitos de novela da modernidade, como traduce esta 13ª edición, revisada polo mesmo autor. Narración con fantasía e terror, inclúe o amor tamén na corda bamba dunha intriga tensa que só no final permite ao lector que recupere o alento. Unha mostra máis do talento de Agustín, na mellor utilización dos recursos emotivos do discurso literario.
A verdade como mal menor, de Xosé Luís Martínez Pereiro, é o título dun conxunto de cuarenta e cinco relatos co que venceu o Premio Repsol 2008. Textos que pretenden unha focaxe tanxencial sobre o mundo, non só polo que supón arrimarse aos xéneros burlescos, nunha actitude proclive á sátira, a escatoloxía ou á obscenidade. Falo da pretensión de mostrar as posturas menos usadas polo cerebro, aquelas que lle permitirán pensar dun outro modo. Algo así como facermos ioga co pensamento, na procura dunha nova perspectiva: a postura do arado, por exemplo, mais non afectando á nosa coluna vertebral, senón facendo dobrar o noso modo de pensar sobre si mesmo. Un afán libertario que na literatura galega surxe talvez por primeira vez.
«Calquera localidade pode ser o centro do mundo; Xuan Bello fai, con emoción, que nestes textos o sexa Paniceiros. Coimbra, Tánxer, Nova York, Barcelona… todos collen en Paniceiros. As sete casas desta aldea asturiana gardan un espazo literario propio que Xuan Bello universaliza maxistralmente. É Historia Universal de Paniceiros unha das obras máis líricas e emocionantes que se escribiron nos últimos tempos».
Unha experiencia literaria no sentido máis aberto do termo, sin contemplacións sobre o estilo e a perspectiva. Unha reflexión sobre o universal e o local, o social e o individual nuns relatos escritos desde unha óptica moi particular. Non só Gide dicía que o que debemos escribir é aquilo que só nós somos capaces de levar ao papel, Herberto Helder tamén estaba convencido disto nunha das escasísimas entrevistas que concedeu.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …