Música de cinza semella ofrecernos o libreto da ópera da vida, aquela que interpretamos como substancia principal do destino. A música que consome a carne até a consecución da cinza, que representa o vivido, e na que dalgún modo repousan aquelas melodías da festa que chegou a termo, para só a lembranza ficar no arquivo de pulsións do corazón.
Na liña da sensibilidade decadentista, no poemario de Forcadela vibran notas cargadas de nostalxia e pesimismo (“autocares […] cargados coa agonía da esperanza”, páx. 58) que, no contexto do monumento á “música da vida” (páx. 92) en que o libro se erixe, alberga impactantes reflexións a modo de preámbulos poéticos sobre temas como o erotismo, o tempo e mesmo unha esparexida microteorización sobre a ficción, o simbólico, a acción, a descrición, o proceso de escrita… sen esquecer traer a colación oportunos nomes de autores galegos e extranxeiros: Bataille, Cervantes, Breton, Avilés, Sara Jess, Borges, Curros, Eduardo Moreiras, Derrida, Blake, Luz Pozo, Luísa Villalta… Ao tempo, todos estes asuntos semellan convivir organicamente cunha tripla nerviación temática que resalta ao longo do poemario. Trátase da relación e confronto entre os conceptos de poema, canción e fotografía, sen dúbida actividades creativas en que o poeta ten concretizado habitualmente as necesidades artísticas.
Canto aos versos, brilla nestes unha asombrosa musicalidade sostida por un ritmo moi marcado e unha xenerosa lonxitude, o que en ocasións resulta máis impactante debido á presenza de estruturas sintácticas latinizantes (“E aquel beber sinxelo non sedes procuraba”, páx. 72; “Oh deuses que este incerto recanto comprenderon”, páx. 84). No imaxinario, tamén observamos unha inclinación á poesía clásica na reflexión sobre o tempo (tempus fugit, carpe diem) e nas prosopopeias da Tristeza, da Literatura ou da Fortuna; á poesía decimonónica, coa presenza das ruínas, o río, a lúa, a noite, o insomnio e, finalmente, o misterio, sen faltar ademais certo ocultismo contido, o que non disente desta última tendencia (“Xa sabio do misterio dos signos procurar / Silencio espazo luz abertos firmamentos”, páx. 17; “Entón o ceo enxerga en leda observación / E toma da linguaxe dos astros a palabra”, páx. 85). Todo isto axuda a desfrutarmos dunha escrita fluída através da que o poeta consegue simular a auténtica música da nostalxia (“Dispoño agora un voo de aves nos meus ollos, / […] E sigo o curso fráxil da augas e do río / O mesmo que se fose voando xunto a eles”, páx. 96).
En definitiva, Música de cinza contén un retábulo de poemas preñados cos ritmos que fican na memoria despois de que o lume da paixón vital teña consumido o corpo, é dicir, a madeira en que fomos labrados para perdurar triste e imperfectamente. Poemas que semellan compostos cos instrumentos corporais resaltan a importancia daquelas vivencias intensas das cales só fican as pegadas sonoras rebotando no peito. O corazón, antes un activo instrumento de corda, preséntase agora reducido a mera caixa de resonancia.
Este artigo foi publicado no número 181 da Revista Galega de Cultura Grial.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …