Publica La Voz de Galicia no suplemento Culturas do sábado 9 de setembro unha ampla reportaxe sobre “Os sete rostros femininos da poesía galega actual”. Nel son entrevistadas, na Fundación Luis Seoane, ámbito privilexiado para a reflexión artística, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Lupe Gómez, Emma Couceiro, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e Antía Otero.
Baixo un titular como “As poetas da vangarda” e o anuncio no subtítulo de que “constitúen un grupo heteroxéneo que combate tópicos e cuestiona a natureza da poesía” atopamos as opinións que a seguir referimos.
1) Desbotan o termo poetisa polas súas connotacións cursis. Consideran algunhas que para utilizala deberían primeiro despoxala de “cargas pasadas”. O termo poeta tampouco as satisfai “por demasiado grande” ou por impreciso. Segundo Yolanda Castaño ou Estíbaliz Espinosa rexeitan a imaxe máis tradicional do poeta, vinculada a “un don divino insuflado polas deidades” e a obras “antigas, pesadas”. Parece esta a vangarda que preconizan: o poeta como un membro do vulgo, un traballador máis da sociedade, que poida estender os seus froitos como unha necesidade cotiá da comunidade: “a poesía estivo demasiado metida nun andel”, afirma Espinosa.
Redundando na súa preocupación pola imaxe, protestan contra o clixé de poeta melancólico, introspectivo, comprometido coa Galiza rural, e reclaman entraren co seu propio estilo postmoderno, feminino e rompente na variedade recoñecida de especies poéticas.
2)Consideran necesario “«democratizar» a poesía para achegala aos lectores”. Para isto os avances tecnolóxicos “están a permitir experimentar con novas formas de arte poética, non só conseguindo sacar á poesía dos espazos pechados, desintelectualizándoa, senón facéndoa interaccionar con outras canles de expresión.”
Yolanda Castaño afirma que “hoxe hai unha poesía máis ortodoxa, que é a que está nos libros, pero tamén hai unha linguaxe poética que se pode atopar en calquera recanto. As nosas influencias tamén están na música, no cine? Vemos poesía nas letras de cancións, nun spot publicitario, e tanto como o recibimos intentámolo comunicar; intentamos buscar novos soportes e linguaxes afíns á poesía.” “Trátase ―subliña Emma Couceiro― de entender a diferenza entre poemas e poesía.”
3) Respecto á mensaxe da súa poesía, recoñecen a liberdade de “falar de cousas superficiais, non necesariamente hai que tocar os grandes topos: amor, morte e tempo” (Rosa Enríquez). Espinosa vai máis lonxe: “cando algo é novo e se di que non ten mensaxe, iso é precisamente a proba de que estamos ante unha novidade.”
4) Canto á lingua, calculan algunhas posíbel escribir en castelán (Espinosa), e outras recoñecen que o galego é simplemente a lingua escollida para a creación (Castaño).
5) Finalmente, varias opinións son apresentadas en aglutinación algo confusa, moitas delas gratuítas e dificilmente defendíbeis, contraditorias e superficiais, que non pretendemos comentar. É posíbel que no final da reportaxe se teñan amontoado as citas das entrevistadas por unha necesidade de deixalas falar máis, e o resultado teña sido influído pola présa facendo baixar o nivel do traballo xornalístico, que sen dúbida é moito mellor que outros que nunca poderemos deixar de esquecer.
En resumo, que as poetas vangardistas de hoxe están preocupadas coa cursilería, con que o traxe de “poeta” habitual non lles acae ben e teñen que arranxalo na modista, sobre todo aquel que se vén utilizando tradicionalmente desde hai milleiros de anos, con que a poesía sexa un obxecto habitual na cesta da compra diaria, coa intelectualización da poesía que desbota os traballos demasiado superficiais, co lercheo, etc. É dicir, coa súa imaxe de cara ao mercado, e o certificado de calidade dos seus produtos. De visión poética do mundo, do sentido das paixóns humanas, de ideoloxía, da lingua literaria que as grandes obras erguen páxina a páxina, nada. De lusofonía?… Por la Santa Cruz, ¡de qué me habla!
Contodo, debemos ser conscientes de que as reportaxes teñen o seu límite, e aínda máis se se pretende falar de tantos temas con tanta xente. As poetisas, a quen nomeo así porque un termo que explicita a feminidade non me parece negativo en absoluto, con certeza ofrecen o que de mellor teñen nos seus libros, algo que nesta ocasión non tocou valorar.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …