A Margarita Ledo
I.
as palabras
semellan estar sempre
onde nunca son
II.
as unllas
perforando
a distancia do tambor
(imán tatuándose
a néboa
entra sempre máis dentro)
hai un camiño ignorado
e atravesa as tempas
sen a penas deixar rastro
agás un corte seco por onde empezar
e a pel lembra o perfume
das laranxeiras
debuxa unha flor branca
mahmud darwish tiña un limoeiro en Palestina
e os seus ollos non volveron ver a primavera
a auga desoriéntase
polas follas
mirar nos petos un anaco velocísimo
de animal doente que amou unha vez os gonzos do aire
e rillar na luz adelgazando o músculo íntimo da lingua
aquí había un sol nacente de piedade
no chamado das escadas que se apoian na lentura
a memoria espera
a que se firan outros vales da mesma elevación
a pomba saíndo dun machinal de neve
a abrirse azul por entre os libros borrados da mañá
esvaecéndose os pupitres da guerra e da melancolía
III.
a música enrama
un fío de caos
IV.
medir
salvar a casa
do tempo
V.
terma amor desta gadaña
á sombra non me deites
*
Por entre o bosque de raiceiras, máis dentro da nudez do sangue, na espiñal urdime
das palabras, a ceo aberto, extraendo o seu brillo orixinal, a laboriosa man do desamparo
*
Para J. A.
Hai un lugar con auga e canaveiras
na miña imaxinación.
É un lugar de difícil acceso
e non sei realmente o que alí acontece.
O meu corazón detense
a unha distancia prudencial
e vólvese xa remando.
Sen afondar
*
Se acostumbraba esparcir maiz o alpiste sobre las tumbas
para alimentar a los muertos que regresaban con disfraz de pájaros
Czeslaw Milosz
baixo por onde adoito te ergues
escaleira de sangue e soberbia
eu tal vez un desamparo armándose
delicada pel para as horas máis infames
mergullo dedos entre restos calcinados
extraio certos vómitos da desmemoria
no afán seguramente de acalmar o remorso
ferida incurable da nosa propia coitelada
sabor de fume amargo dicir das augas
polos ollos que descen até o simulacro
porque quizais o real é só a greta e aniña fóra
alí a vinganza do que existe
luz da rosa déixaa entrar
*
elixo ser río
río de sangue
entre estas escarpadas
rexións da dor
aquí onde ningún poder
ousaría entrar
aquí debo fluír sen sinais
confundíndome nas bocas
desterradas
perdendo canto de fascínio
atoparon os meus ollos
aquí onde o indicible é
un estrangulamento de paxaros
e o que se di a máis grande ofensa
aquí ante este gromo de vida que asoma
entre deuses loucos e cadáveres
un río de sangue
onde borrar o propio nome
onde ser só unha man que se ofrece
a limpar os ollos da catástrofe
*
Eu era unha vasilla e os seus fíos desfacíanse coma o alabastro baixo a auga. Sobre todo eran fíos de sede e os doutores experimentaban vellas alegorías sobre a capacidade infinda do deserto. Pasaron así semanas e atravesamos as fronteiras onde a dor extrema se fai ao cabo territorio da dozura e amencemos sen máis defensa que a pel exhausta do camiño. Non te rendas, dicíasme, agora es a flor e a bolboreta, bailemos
*
silencio percutido
entre vértebra e vértebra
a orixe
asoma aos labios
de cando en vez
docemente fluída coma mel
incendia a visión
*
Para Teresa Seara
se vivo e teño unha praza
chea de sol
que ao cabo trae a noite
se vivo e ti nalgún lugar
taménsoñas
cun breve lampo apagando
a escuridade dos meus dedos
*
Se os soños baixan como estrelas
a beber do día
Se a verdade máis fonda se atopara
na incerteza
Se sempre a luz deixa
o seu segredo sobre as cousas
Se arrola a noite aínda máis dentro
a tenrura do volcán
Se me ollas en silencio e o mundo
deixa de dar voltas
Se se abrise a chuvia
nos teus labios
Se da nube me derrota
a súa beleza
Se o amor nos ergue
sobre a cinza
*
Para Bernardo Martínez e Fito Ares
tocar con ramas
o rastro dos paxaros
deixar que veñas
**
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, A Coruña, 1961). Xornalista e poeta. Ten publicados os seguintes libros de poesía: Fuxidíos ( Esquío, 1993), Paisaxes do baleiro (Xerais,1999), A pedra insomne ( Ferrol Análisis, 2002), A luz e as súas cicatrices ( Esquío. 2006), Desconcerto (Biblos,2006), Poemas do Eume (Ateneo Eumés,2009), A frecha azul do Teixo (Espiral Maior, 2010), Nesta hora imposible con fotos de Mada Carballeira ( Penumbra,2012), A distancia do tambor (Espiral Maior, 2014. Premio Fiz Vergara Vilariño e Premio Poesía AELG) , Soño e vértice (Espiral Maior,2016. Premio Poesía Concello de Carral e Premio da Crítica Española en lingua galega), Silencio percutido (Espiral Maior, 2016. Premio Poesía Cidade de Ourense), Quérote canto con Baldo Ramos (Galaxia,2020) e SER EN/ TO BE IN (antoloxía galego/castelán/inglés. ArtePoética, 2020).
You might also like
More from Eva Veiga
5 poemas de Soño e vértice, de Eva Veiga
"Soño e vértice", da poeta Eva Veiga, conseguiu o Concurso de Poesia Concello de Carral de 2015, e foi publicado …
Entrevista I Eva Veiga: “A experiencia de creación artística ten que ver co equilibrio entre razón e intuición”
- Palavra Comum: Que é para ti a poesia? - Eva Veiga: A poesía primeiro de todo foi para min, e …