Desde o 10 da rua brochant no 17 consíguese a complacencia do non visto e que está por ser descoberto, unha apocalipse cotiá que reifica a existencia e desvela a esencia que se fai e refai camiñando. Camiñando por unha cidade descoñecida e que ao pouco vai ser parte inefábel da miña biografía.
París xa estará lumínicamente presente na propia alma á cal encende e permite ver, verse, incluso na máis absoluta escuridade dos recantos da aura que estaban apagados. Permite así ilumina-lo todo e crear luz.
Camiñar por París converteume no que son unha bohemia que non pára de indagar no oculto, no que está por revelarse, no que existe sen razón só pola simple existencia. Así a razón dá paso ao espontáneo ao read made ao coñecemento por e para unha ansiada liberdade, e sempre en creación. Porque esta é a condición para sermos libres, liberdade que se acada na posta en escena da propia vida.
Escribir a propia vida, facendo e facendo chegar ata o corazón, ás medulas, os osos, os músculos, as veas…. O corpo sente aquilo que experimentamos como a alma. E como ela nos permite avanzar inexorablemente cara un destino que dicía non está escrito. Porque o escribía andando polas rúas de París ao mesmo tempo que o meu corpo se movía.
Movemento que percibe as paisaxes, as rúas, como se dunha viaxe se tratase. Oculta pero que se vai desvelando a cada paso. “Non hai azar, só encontros”, e así foi, encontros. Encontros coa pedra, a auga, o ceo, o vento.
No intercambio de miradas penetramos na alma do outro e facemos oco ao verso que se instala. Sabedoría ancestral que propugna a comunicación físico-espiritual e que fai da mirada un algo sagrado. Si, París é sagrado pero tamén cruel, tolo, imprevisíbel, soñador, inavarcábel. Por iso amo París.
Amo París. Podería comezar este escrito así pero elixo ser camiñante, exploradora, viaxeira, para acabar convertida nunha habitante máis. Paris nous appartienent, perténceme para sempre como unha ensoñación e unha realidade. Nunha dicotomía presente e permanente como toda existencia.
Móvemonos en contradiccións que han de levarnos a unha síntese e esta síntese é “amo parís” como quen ama odiando á vez. Porque este amor pode ser unha paradoxa como todo amor. A pureza e o híbrido en constante oposición.
Sensacións que amanan dos grados baixo cero en inverno con neve e estatuas de artistas cobertas de branco. As rúas son os espazos da cólera, do ruido, das bestas en que nos convertimos cando amamos. Animais que xa non van beber ao sena, senón en cafés onde atopar o amor. Á calor como se dun oasis na vila se tratase.
Arrincar todo de raíz, mesmo fica sen raíces, para dar ese beixo da forma máis salvaxe posíbel. Ou como dixo el, o meu primeiro amante: “fasme un beixo?”. Facer e non dar pon o foco na construcción do amor, unha constructio, unha acción. 3 e acción cada mañá desde o 10 da rua Brochant.
Os ollos, a mirada, desvelan o non-dito e desde a nosa atalaia e fráguase unha semiótica visual que persiste na retina en forma de recordos. Re-cordar, pasar polo corazón sen máis metafísica que o teu tacto primitivo. O da vila, o aire que recolle perspecivas de cambio. O vento cambia, nós tamén e continuamos a singradura.
Camiñamos e fácemonos a nós mesmos. Ollamos e facémonos a nós mesmos. Facémonos a nós mesmos coa delicadeza e a dor nun corpo que actúa como transmisor e receptor. París faime e refaime, porque cada vez é a primeira vez e a maxia sempre está presente.
París leva na boca todos os mares aos que chega o Sena. París leva nos beizos os amantes rotos.
Fotografia da capa por Estela Pan.
You might also like
More from Ensaio
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo | Luís Serguilha
ATIRAR UM OSSO À ESPERA de Rita Pitschieller Pupo, por Luís Serguilha
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez lembra aquele tempo, «quando alguns jovens esperavam o fim de um …