A casa que construiu Curzio Malaparte é talvez a mellor autobiografía que puido deixar: a xeito de autorretrato arquitectónico. A elocuencia expresiva mesmo salvaxe desta casa é se cadra o seu relato máis convincente. “Ista casa son eu mesmo”: seica veu dicir o contraditorio escritor italiano. Unha personalidade volcánica que acadou no transterramento e no exilio a súa propia identidade. Unha condición humana situada nas beiras do social (desdobrada entre a sedución da polis e o illamento dun lobo estepario). O seu vieiro foi dende o ego-centrismo ao eco-centrismo como ten sinalado certeiramente un crítico. Malaparte foi axitador e militante pioneiro do feixismo (na primeira hora das camisas pardas) que quixo facer da multitude un compacto feixe xeométrico, como un só home (a través do populismo totalitario de Mussolini). Foi quen de facer logo a travesía do heterodoxo de todas as ideoloxías e de si mesmo (o camiño sen retorno da elite do poder ao deserto isolado do rexeitado). Unha foto reveladora de 1934 vai dar conta da sinxela intuición ascensional que foi o cerne diste proxecto construtivo (descuberta que foi facer precisamente no desterro). Aparece o noso home en primeiro plano e ao lonxe podemos reparar na escaleira de acceso á cativa igrexa da Annunziata en Lipari, que vai gardar unha extraordinaria analoxía coa singular rampla-escaleira-terraza que faría anos despois na Casa Malaparte en Punta Massullo.
Como nun sinxelo e ascético ritmo de zigurath o eixo ascensional vai reflectir o anceio de espiritualidade, sublimación no infinito azul da paisaxe mariña. Ista casa é unha illa: ten moito de rito de iniciación e descuberta da soidade no interior do home fronte á natureza espida. A mirada senlleira do solitario vai inventariar o lene transcorrer dunha xornada nos sentidos. Un entorno abrupto e paradisíaco ao tempo. O acontecer primordial dun renovado pacto sensorial. A casa é unha atalaia-refuxio, un miradoiro cara o ensoñamento. Non é raro que fose escenario privilexiado dalgún relato cinematográfico como a película de Jean-Luc Godard Le mépris (na que traballou Brigitte Bardot) ambientada neste espazo único. A panorámica do mar desprega o feitizo dun soño.
Dende a perspectiva dun barco en alta mar a vermella casa-refuxio fica integrada nos cantís de laxes cortadas en vertical de tal xeito que semella non existir. Invisibilizada case entre os penedos, nun panteísmo arquitectónico que tenta acadar unha utópica integración. A casa dun poeta a peneirar as sensacións fuxidías no devalar do mundo. Mito, paisaxe, saudade do azul… Todo vai estar moi presente no caleidoscopio de emocións que esta casa-hábitat suscita na contemplación. Ese alento demorado onde o mundo volta renacer. A Casa Malaparte semella xurdir dunha alquimia excéntrica. Dende o illamento dunha doce introversión, reflicte a vivencia da despersonalización no fluir sensorial do mundo. No tempo do desterro é cando vai sentir Malaparte o fondo meigallo da soidade (no confinamento durante cinco anos na illa de Lipari). A reclusión e inmobilidade forzada, “cando caeu en desgraza” diante da cúspide do réxime, vai representar a descuberta daquel mundo de apracíbel sosego intemporal. Un percorrido vital que o vai levar dende a axitación polémica, coa tensión política na metrópole (artigos en xornais e revistas) á éxtase fronte á distancia no corazón do Mediterráneo. Despois desta intensa experiencia de soidade forzada e cando xa por libre vontade vai escoller aquela paisaxe cara construir a casa dos soños entre os anos 1938 ata o 1942, a partires dun apuntamento do arquitecto Adalberto Libera (cara obter o permiso de construción e coa axuda do mestre de obras Adolfo Amitrano). Sinala o escritor: “Fun o primeiro en construír unha casa así […] axudado non por arquitectos nen enxeñeiros, senón por un simple mestre de obras. O mellor, o máis honesto, o máis intelixente e o máis honrado que xamais tiven coñecido, pequeno e extremadamente tranquilo, un home de poucos xestos e palabras […] O mestre Adolfo Amitrano comezou por sentir a rocha […] Durante meses e meses, equipas de albaneis traballaron neste lonxincuo promontorio de Capri, ata que a casa comezou paseniñamente a emerxer da rocha coa que estaba vencellada e así foi tomando forma, a se revelar como a máis ousada, intelixente e moderna casa de Capri.” Poucas experiencias como ísta de concluinte integración (mesmo de certeira e auténtica simbiose) coa paisaxe nun diálogo axeitado.
Ao contemplar o alzado alongado desta casa estilizada (tan lonxitudinal) adiviñamos o preciso e inconfundíbel contorno dun barco. Unha casa-barco pousada nos altos cantís da beiramar dunha civilización clásica. O azul do mar en franxas hipnóticas. A mestura imprecisa da atmosfera onde a cor do ceo vai facer un intervalo cromático cheo de senlleiros e sutís matices en cativas degradacións case imperceptibles. Universo intacto da creación do mundo nunha insólita beleza solitaria. Eiquí foi atopar o autor de “La pelle” o necesario ámbito de concentración e liberdade para o seu traballo (“En Capri, en setembro de 1943, rematei o derradeiro capítulo de Kapputt…” dí o escritor falando doutra das súas novelas máis coñecidas). Alí ía recibir tamén aos amigos, Elsa Morante e Alberto Moravia entre outros. Asemade ficou gravada alí (co mar de testemuña) a resposta lendaria que lle deu ao Mariscal Rommel cando ao lle inquirir se tiña construido il a casa, nun xesto cerimonioso varreu a inmensidade da paisaxe dende o acantilado de Matromania ás tres xigantes rochas das Faraglioni, máis a penísula de Sorrento, e seica respostou solemne: “Eu deseñei o escenario.”
You might also like
More from Antón Patiño
Mirada do xordo en Bob Wilson
A linguaxe configura tamén a nosa noción da realidade. As verbas conflúen na representación do real engadindo un valor simbólico. …
Mestre gravador Alberto Durero
O raro fascinio dos gravados e debuxos de Durero vai in crescendo. Unha mirada-fiestra-imán que absorbe todas as presenzas nunha …