Medio delirio, un Doutorado, seis poemarios, decenas de escenas e moitos miles de horas despois, desemboquei os afluentes do meu discurso na síntese seguinte:
“-As aulas?
-Sen paredes
-O imaxinario?
-En constante Hibridación”
Tras cuestionar as cadeiras Filo-lóxicas, con indubidable lealdade ao seu rigor, aFiliei-o-logos á realidade teatral e seguín a corrente da semiose wagneriana. Derivei na academia da arte total porque penso que a música da literatura debe corporeizarse para aprender a danzar. Física e virtualmente. No produto mostrado ao público e na experiencia pedagóxica practicada.
Con-fluíndo
-flumen, fluminis-
en recíprocos mananciais:
1. A poesía escénica: desde o balbucido da primeira estrofa souben que quería falar códigos di-versos. Unha lingua invisible para desaparecer entre páxinas e grafemas; un idioma escénico en cada encontro e a acción interdisciplinar como idiolecto persoal.
Que importa o xénero cando hai unha dramaturxia que o sostén?
2. A pedagoxía poética: se con catarse e intelecto defendo unha linguaxe integral, é iso o que quero ensinar e com-partir. Dentro e fóra da escola, sen fronteiras artificiais nin compartimentos estancos; en pé.
Por que restrinxirnos ao ámbito escrito, se somos moito máis?
Se podemos ser…
Converxencia oceánica e horizonte de expectativas.
Tendentes de pontes.
Fluídos capaces de fundir os caudais en proxectos con solidez.
Proxectos como os que este artigo se dispón a presentar. Dun xeito científico e artístico, académico ao tempo que divulgativo. Nunha confluencia coherente coa corrente de conciencia que nos vén de desbordar:
Dous proxectos como:
– O Aulas sen paredes: unha publicación con libro-dvd que verá a luz a comezo do curso vindeiro en Edicións Positivas e que presenta unha nova metodoloxía para o ensino e aprendizaxe de linguas fundamentado na expresión dramática e teatral como ferramentas pedagóxicas. 500 páxinas e un documental audiovisual do estudo empírico levado a cabo nas aulas que irán acompañados de diversos obradoiros para o profesorado desa e outras etapas educativas durante o curso vindeiro. Unha Tese, en definitiva, que, xunto á autora Servidora, pretende levantarse dos andeis e bailar.
– Hibridar o imaxinario: un obradoiro creativo que experimenta con quebrar os lindes entre os eidos literario, musical, plástico e escénico, trasladándoos a unha outra dimensión. Mais tamén unha metodoloxía que actúa dentro e fóra do ensino regrado e que, tras ser experimentada en contexto bergantiñán pretende expandir a súa praxe noutros espazos xeográficos e conceptuais.
Medio delirio, catrocentas palabras e unha noite de insomnio despois, o compromiso dunha primeira explicación queda cumprido.
Fica agardar por todas as derivas necesarias. En formatos e contextos diversos, mais coa mesma ilusión,
para nunca durmir.
Rosalía Fernández Rial
You might also like
More from Crónicas
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …
Adeus, ti, Ponte Nafonso I por Ramón Blanco
"En la ingeniería civil la seguridad estructural está en lo más profundo de su identidad, por lo que no puede admitir …