E. P. V: A aprendizaxe actoral é un continuo… que nunca remata?
C. C. B. F: Así debería ser. Quen considere que xa está completamente formado como intérprete está a comezar o seu declive.
O xogo, como se define e de que está composto?
O propio teatro é unha proposta de xogo que presentamos ao público, un convite á participación. O xogo prodúcese entre dous pólos: as formas oferecidas desde un ponto de vista concreto –isto é, a partir dunha lectura concreta– e a actuación do público, que completa a proposta.
O teatro é unha arma. Como pode incidir na sociedade?
Non sei se unha arma. Para min é unha necesidade individual e colectiva, unha maneira de me recoñecer como ser humano e de recoñecer os demais.
É a incerteza un mecanismo de creación?
Sen dúbida ningunha. Nas etapas de creación e preparación dun espectáculo a incerteza está necesariamente presente. Mais tamén en cada unha das funcións: por moi estrita que sexa a “partitura” que temos que interpretar, non podemos –nen debemos– descartar o imprevisíbel. As certezas dificultan o xogo.
Como se consegue a aparición do imprevisíbel?
O imprevisíbel comparece, non hai que o procurar. A nosa función debe ser estarmos abertos a ela e tirarlle partido en termos teatrais.
O espazo para o matiz, de que forma se crea?
Para isto debemos estar ben treinados e non nos refuxiar en apriorismos e ideas preconcibidas.
Crear un suxeito épico foi a base de construción dramática?
O que me interesa hoxe é a épica con minúsculas, non a dos grandes heroes próximos á dividindade.
Que interese ten un suxeito antiépico?
É central na arte contemporánea. A epopeia dos nosos días é protagonizada por antiheroes.
A palabra como se relaciona coa acción física?
Como nós queiramos, non hai normas. O que nunca interesa é que reiteren a mesma mensaxe.
Que papel xogan as elipses e os contrastes?
Poden ser unha parte importante do xogo e abren espazos á complexidade.
Como se supera o medo ao vacío e o medo ao ridículo?
Con xenerosidade, un dos trazos básicos dos intérpretes teatrais.
A idea máis insignificante pode ser eficaz. De onde xorden as ideas?
De calquera parte. En último termo, do traballo e da observación. Tamén do azar, como xa dixemos.
Como se crea nunha compañía un espazo propio?
“Espazo propio” non significa unha localización física concreta, senón un contrato de contrato de complicidade para traballar sen rede. Créase cun duplo pacto de xenerosidade na achega e respecto polas achegas dos/das demais.
A escoita, por que é imprescindíbel no proceso criativo?
Fundamentalmente, porque a nosa é unha creación colectiva e a “escoita” –non só acústica– é a vía para trazarmos pontes entre nós.
De que maneira se proxecta fóra unha personaxe?
Mesmo no teatro da palabra, esta proxección é un dos alicerces da creación teatral. As personaxes proxéctanse nas accións, na súa relación co espazo, cos obxectos etc. Fecharse nun propio impide a circulación da enerxía.
O teatro, é como un rito?
É un rito.
Por que romper o espazo teatral?
Porque o contrario sería triste e limitador.
A forma teatral, repara en que ética e estética son o mesmo?
Por suposto. O teatro non é outra cousa que formas e estas nunca son neutras.
A trama, por que non ten a relevancia que tiña anteriormente?
Non sei a que se refire ese “anteriormente”. A trama en si non é un problema, o problema é centrármonos todo na trama, afogamos outras formas. A trama xa esta aí; como intérpretes, temos que procurar alén dela.
A mentira e a honestidade, como se relacionan?
(Non entendo esta pregunta)
A atmosfera como se consegue?
Entre outras cousas, co ritmo.
O espectador, que agarda do teatro?
Haberá tantas expectativas diferentes como espectadores. Eu prefiro por isto en negativo: “o que non agarda”. O espectador que a min me interesa é o que agarda que non lle dean todo feito.
*
Carlos Caetano Biscaínho Fernandes (A Coruña 1968). Actor, profesor e ensaísta especializado no sistema teatral galego. No ámbito actoral, seguiu estudos de Arte Dramática con Arkadi Nemirovski, Doina Fagadar, Liudmila Ukólova, Ángel Gutiérrez, Claude Buchvald e Jacques Nichet, e, para alén do seu traballo nos palcos, tense dedicado á formación de intérpretes, á crítica de espectáculos e á investigación do campo teatral galego, con especial atención ao papel da lingua como norma sistémica. Ten publicado as monografías Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas (2017) -gañadora do XXI Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística ou Ensaio-, Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego (2008), A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral (2007) e Conformando o brinquedo. Reflexións á volta da preparación do actor (2004). Aliás, é coautor dos volumes O ideario teatral das Irmandades da Fala. Estudio e antoloxía (2002) e Talía na Crónica de Nós. Dez anos de teatro galego, 1990-1999 (2000). Doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa, na actualidade exerce como profesor na Universidade da Coruña. (Cf. AELG)
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …