Rafael Quintía Pereira. (Vigo, 1971). Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) Tamén foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.
– Palavra Comum: Que é para ti a antropologia?
– Rafael Quintía: A antropoloxía defínese como o estudo sistemático da natureza dos seres humanos, é dicir, a ciencia social que estuda o ser humano, sobre todo, na súa dimensión cultural e social. Para min a antropoloxía é a miña vocación, o que cambiou a miña vida, á que dedico todo o meu tempo e ao que espero poder dedicar todo o que me queda. É unha ferramenta marabillosa para entender o mundo pero tamén unha arma poderosa para abrir a mente da xente á tolerancia e ao respecto á diversidade cultural.
– Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de trabalho?
– Rafael Quintía: Eu traballo como antropólogo profesional independente. Por unha banda fago os traballos que me gustan e que me motivan e por outra tamén os que me encargan. Podo dicir que non me aburro e que teño a sorte de que o meu traballo me permite facer cousas moi diversas e enriquecedoras que van dende a investigación antropolóxica ata a posta en valor do patrimonio, pasando pola produción cultural, os traballos etnográficos, o audiovisual ou a didáctica e a formación. Ademais, teño as miñas propias liñas de investigación, nas que veño traballando os últimos anos e que son, sobre todo, o mundo da mitoloxía, das crenzas máxico-relixiosas e, en xeral, do Patrimonio Inmaterial galego, pero cun grande interese tamén pola nosa arqueoloxía e a nosa historia. O traballo de investigación é o que máis me motiva. Normalmente traballo sobre varios temas á vez, moitas veces interrelacionados. Combino o traballo de campo coa investigación bibliográfica e o traballo de gabinete. Cando considero que unha liña de traballo está o suficientemente desenvolvida como para presentar resultados ou vexo que eu xa non podo ir máis alá, entón empeza o traballo de escritura da monografía onde reflectir eses coñecementos adquiridos durante a investigación. Para min, se a investigación antropolóxica non vai da man da divulgación non ten sentido.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes na antropologia (desde todos os pontos de vista)?
– Rafael Quintía: Na antropoloxía, como en calquera ciencia social, existen diferentes escolas e tendencias. No meu caso non penso que haxa unha corrente que posúa o método infalible e a verdade absoluta, senón que coido que o achegamento á materia antropolóxica debe facerse combinando diferentes enfoques e métodos. Por isso, para min, son referentes antropólogos moi diversos e de escolas, ás veces, opostas. Así que podo admirar, sen lugar a dúbidas, o traballo de Claude Lévi-Strauss, que foi o introdutor do enfoque estruturalista na antropoloxía, pero coincidir tamén con moitos dos puntos de vista de Marvin Harris, que foi o creador do materialismo cultural ou admirar as investigacións no eido da relixión e a mitoloxía de Mircea Eliade, ou a magna obra dun clásico, hoxe cuestionado, como James G. Frazer, por pór algúns exemplos.
No ámbito galego, obviamente Vicente Risco é un referente como un dos pioneiros da etnografía, podemos dicir que é o pai da antropoloxía galega. Por suposto tamén están aí Antonio Fraguas, Taboada Chivite, Xaquín Lorenzo ou o magnífico etnógrafo Elixio Rivas. Tampouco poderiamos achegarnos á nosa antropoloxía sen ter conta a Lisón Tolosana, sen destacar os traballos de Marcial Gondar, que no campo do estudo da morte en Galiza é un referente absoluto, ou sen beber do magnífico achegamento que fai Buenaventura Aparicio Casado entre o patrimonio inmaterial e o patrimonio arqueolóxico. A visión antropolóxica que fai José Luis Cardero dende a hermenéutica supón tamén un referente para min.
Poderiamos citar moitos máis, pero sirvan eses nomes de referencia. En todo caso, eu penso que se lle debe ter respecto a todos aqueles que antes ca nós traballaron no eido da investigación e da divulgación antropolóxica, pois grazas aos seus traballos, independentemente de que se compartan en maior ou menor medida, os que viñemos despois tivemos unha base da que partir e na que formarnos.
– Palavra Comum: Como é o estado da antropologia a dia de hoje (na Galiza e em geral)?
– Rafael Quintía: O estado da antropoloxía en Galiza hoxe en día é lamentable, e non porque non haxa moi bos profesionais, que os hai, e moito traballo que facer, senón porque o apoio institucional é nulo. Directamente para a Xunta de Galicia a antropoloxía galega non existe. Non se contemplan liñas sistemáticas de investigación neste campo, apenas hai axudas para a investigación, non se contratan antropólogos nos servizos de patrimonio, malia que o Patrimonio Inmaterial ten o mesmo grao de protección teórico que o Patrimonio Material. A marxinación chega a tal punto que incluso somos discriminados nos procesos de habilitación para o profesorado. Pero o que é aínda máis grave e un auténtico suicidio cultural, é que tendo tres universidades públicas no país en ningunha delas se poida estudar antropoloxía. Tendo en conta a potencia da nosa cultura, do noso pasado e do noso patrimonio, non poder estudar antropoloxía nunha universidade galega é tan absurdo como non poder estudar enxeñería en Alemaña, electrónica en Xapón, arte en Italia ou historia en Grecia. Se non chega a ser pola UNED, ninguén podería estudar a carreira de antropoloxía na Galiza. Pero ademais, ao ter que formarse fóra, iso provoca unha eiva nos nosos antropólogos: unhas carencias que se traducen na falla de base e formación en cultura tradicional galega. Tampouco hai que esquecer a pouca tradición que temos de traballo interdisciplinar, por exemplo, no eido da arqueoloxía, un campo rico e prolífico na Galiza e onde os antropólogos poderiamos achegar tamén o noso grao de area.
Se temos en conta todo isto, non é de estrañar que na Galiza e no campo antropolóxico aínda estea case todo por facer, malia ao que algúns pensan e malia ao digno traballo levado a cabo nos últimos cen anos por un pequeno grupo de etnógrafos, antropólogos e folcloristas e polo calado, rigoroso e pouco valorado traballo de moitos compañeiros e compañeiras de profesión que están a desenvolver magníficas investigacións tanto dentro como fóra do país.
Ás veces pregúntome se todo isto se debe a unha simple incapacidade e ignorancia por parte de quen ten que xestionar o público ou realmente se debe a unha estratexia organizada para limitar todo aquilo que axude a coñecernos e entendernos a nós mesmos. É ben sabido que un pobo —ou unha persoa— que sabe de onde vén e que se coñece é máis difícil de manipular e é máis probable que teña claro a onde quere ir, e iso sempre é perigoso, polo que a antropoloxía, dado o seu carácter liberador do pensamento humano, pode ser perigosa.
– Palavra Comum: Com os teus conhecimentos, com que outros sistemas culturais se conecta Galiza, deste ponto de vista antropológico? Que influências existem não (re)conhecidas suficientemente?
– Rafael Quintía: Eu sempre digo que o ser humano se parece bastante en todas as partes. Aquí, en Papúa, na China ou na Laponia, a xente sempre tivo as mesmas necesidades e os mesmos temores. En consecuencia, moitas das solucións culturais foron similares. Por suposto, hai diferenzas culturais, particularidades, pero no fondo, e canto máis coñecemos as diferentes culturas, máis nexos de unión podemos atopar entre o ser humano, e iso non é incompatible co feito antropolóxico de que existan moi poucos fenómenos culturais universais. O coñecemento e sermos conscientes destas similitudes é moi bo porque se conseguimos identificarnos co outro, co diferente, será máis difícil caer en etnocentrismos, racismos e xenofobias que ao longo da nosa historia ocasionaron millóns de mortos.
No caso da Galiza, por suposto que atopamos moitas similitudes noutros pobos europeos, non en van Europa é unha aldea que, sacando á Federación Rusa, case cabe no territorio do Perú. Xa que logo, tantos séculos convivindo nun espazo reducido produce moitos contactos e procesos de intercambio cultural. Se temos en conta o noso pasado, na cornixa atlántica europea podemos establecer unha área cultural común na que os pobos que alí vivimos temos moitas afinidades xa dende o calcolítico, cítense: Irlanda, Illas Británicas, a Bretaña Francesa; pero tamén cos nosos veciños de todo o norte Peninsular e incluso Estremadura e Castela e León e, indubidablemente, coa metade norte de Portugal, país co que, entre outras cousas, compartimos idioma. Mais, como digo, podemos establecer moitos paralelos con moitos pobos. Curiosamente e como anécdota, nunha recente viaxe ao Atlas e ao Sáhara marroquí atopei fascinantes similitudes co pobo Imazig: lendas, crenzas similares e ata comen filloas e empanada e decoran as casas con trísceles. Así que, como di o vello lema de SOS Racismo: todos iguais, todos diferentes.
– Palavra Comum: Que caminhos (de comunicação e implicação com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a antropologia hoje -e para a cultura galega, em geral-? Qual é a tua experiência neste sentido?
– Rafael Quintía: A antropoloxía é unha das ciencias máis versátiles e útiles das que podemos botar man hoxe en día. A antropoloxía ofrécenos mecanismos para entender o mundo actual e as súas dinámicas e, xa que logo, pode axudar a solventar moitos problemas. Para min, ademais, a antropoloxía, como ciencia que estuda o ser humano, non pode estar á marxe dos acontecementos e debe ser militante. Militante para facer un mundo mellor, para loitar contra a inxustiza e a discriminación porque, precisamente, sabe cal é a orixe e a base deses fenómenos sociais e, xa que logo, ten que actuar en consecuencia. A antropoloxía ten que estar ao servizo da sociedade e baixar ao campo de batalla da vida cotiá. Por exemplo, como antropólogo teño experiencia en proxectos de posta en valor do patrimonio, como vou permanecer á marxe do grave problema de abandono que sofre o noso patrimonio cultural? Se o estudo e o coñezo teño que denunciar os riscos que corre. Se un traballa con colectivos sociais e detecta problemas de marxinación ou discriminación, ten que implicarse na resolución deses problemas. Se estudo e proclamo o grande tesouro que é a diversidade cultural humana e ademais investigo a miña cultura, teño que defender a súa supervivencia e o seu espazo no mundo. É unha simple cuestión de coherencia.
Eu levo 27 anos traballando en asociacionismo sociocultural e considero o tecido asociativo como un dos maiores valores dunha sociedade. Na Galiza podemos estar orgullosos dos moitos colectivos que traballan pola nosa cultura e polo noso patrimonio cultural e natural. Temos nesa xente un potencial tremendo que se se soubese canalizar, apoiar e contar coa súa experiencia, faría de nós unha sociedade moito mellor. A antropoloxía galega ten que estar tamén ao servizo da nosa xente e destes colectivos para axudar e asesorar no que poidamos e saibamos. Pero, asemade, os coñecementos que se obteñen a través da investigación e do traballo antropolóxico poden servir para empoderar colectivos marxinados ou culturas subalternas e para axudar a frear os procesos de aculturación que se están desenvolvendo neste mundo do capitalismo e o mercado global. Só se estamos ao cabo da rúa ou da corredoira poderemos entender o que pasa e ser útiles.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a antropologia e as artes (literatura, audiovisuais, fotografia, música, etc.)?
– Rafael Quintía: Podemos establecer unha relación bidireccional. Por unha banda, as artes son un produto da cultura dun pobo e como tal teñen grande interese de estudo para a antropoloxía, pois a través delas podemos coñecer moito da cultura e da sociedade do pobo que crea ou exerce esas artes. Por exemplo, e centrándonos nun tema que coñezo, a nosa literatura oral é fundamental para entender a sociedade tradicional. Por outra banda, a antropoloxía e o seu traballo poden ser unha fonte moi valiosa de información e inspiración para a creación artística. Os procesos de empoderamento a través do coñecemento cultural, dos que acabamos de falar, tamén son dinámicas que fornecen de contidos as artes. Pero ademais, as artes son moi útiles tamén para o traballo antropolóxico e para a divulgación, a monografía antropolóxica é todo un estilo literario e de feito eu boto man habitualmente da fotografía e do audiovisual como unha das ferramentas actuais máis poderosas para transmitir coñecemento ou para dar a coñecer determinados fenómenos culturais e sociais. En definitiva, as artes e antropoloxía poden ir da man e prestarse axuda mutuamente.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?
– Rafael Quintía: Unha Galiza onde non existisen fronteiras ficticias pintadas nun mapa que constrinxen a riqueza das culturas e dos pobos. Unha terra onde todo aquel que quixese puidese traballar sen necesidade de emigrar. Unha terra orgullosa e coñecedora do que foi, do que é e do que pode ser. Un país aberto, xeneroso, solidario, que vive en harmonía cos pobos veciños enriquecéndose do contacto e do intercambio cultural con eles. Unha Galiza onde se poida falar, educar e comunicarse na lingua propia sen que ninguén sufra marxinación ou humillación por iso. Unha terra sen complexos, con xente formada que aprecie o que ten, con cidadáns que saben traballar unidos polo ben común e que queiran compartir co mundo o noso potencial como pobo. Pero sobre todo, unha Galiza onde aínda se poidan escoitar vellos contos e lendas na voz dos máis vellos, onde aínda sexa posible rememorar ancestrais ritos, celebrar festas milenarias, atoparse cunha Moura no monte ou cun xacio nun río. En definitiva, unha Galiza orgullosa da súa tradición e da forma de ver o mundo que durante miles de anos foi configurando o que hoxe somos, para ben ou para mal.
Grazas aos deuses, á Moura, ao santo Entroido ou a quen se queira encomendar un na Galiza actual, aínda temos moito desa miña Galiza ideal, ou cando menos aínda estamos a tempo de salvar do naufraxio do esquecemento, da ignorancia de seu e da autoxenreira moitos madeiros cos que construír esa nao de soños e esperanzas, da que falaba Luar na Lubre, na que navegar todos xuntos neste novo tempo de caos e barbarie que nos toca vivir.
– Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Rafael Quintía: O que me sobran son proxectos para os vindeiros anos. O que falta é tempo e recursos, pero imos facendo pouco a pouco o que se pode. Nestes momentos estou embarcado nun proxecto audiovisual de divulgación mitolóxica que agardo poida saír a medio prazo, así como nun ambicioso proxecto de creación dun parque etnoarqueolóxico na miña parroquia. Tamén estou rematando un par de libros que tiña pendentes hai tempo e que quero liquidar neste ano para poder centrarme nun traballo de investigación sobre o Entroido. Como desexos, teño moitos destinos aos que quero viaxar ou volver para afondar no coñecemento das súas culturas, pero mentres sexan só desexos sen nada en firme prefiro non falar e centrarme no día a día. E por se isto fose pouco, todo o que vaia saíndo polo camiño, que cando un traballa por libre nunca se sabe o que pode xurdir.
– Palavra Comum: Fala-nos sobre a Sociedade Antropolóxica Galega…
– Rafael Quintía: A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) é un deses proxectos dos que un pode estar orgulloso. Fundámola un pequeno grupo de amigos no ano 2011 como unha asociación cultural sen ánimo de lucro cuxos obxectivos son a investigación e a divulgación da antropoloxía galega nun senso amplo, isto é, incluíndo os campos da prehistoria e da historia, da cultura tradicional —tanto material como inmaterial— e de todos os aspectos enmarcados dentro do campo da antropoloxía social e cultural. Dentro das nosas posibilidades promovemos todas aquelas actividades, publicacións, traballos e accións que vaian en beneficio da conservación, divulgación e investigación do noso patrimonio cultural. Publicamos todos os anos o anuario Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza, temos unha colección de monografías, levamos unha decena de libros publicados, seis documentais realizados, ducias de charlas, roteiros culturais, xornadas e incluso algunha que outra viaxe de investigación polo estranxeiro. En resumo, o noso traballo vertébrase en tres eixos fundamentais: a investigación, a divulgación e a posta en valor.
Para levar a cabo todo este labor, a SAGA conta coa colaboración dun amplo número de profesionais das distintas áreas que abrangue o proxecto, cítense: antropólogos, etnógrafos, arqueólogos, historiadores, filólogos, artistas plásticos, restauradores de arte, técnicos en audiovisuais, músicos e moitos outros colaboradores comprometidos coa nosa aventura cultural e social a prol do noso patrimonio cultural como pobo.
You might also like
More from Antropologia
Entrevista a Manuel Gago
- Palavra Comum: Que é para ti a cultura, nas suas diversas manifestações? - Manuel Gago: Pois se partimos da definición …
Amor(es), permacultura(s) e outras lerias
Beka Iglesias Se penso no amor, nas relacións afectivas na miña vida, aparece sempre unha continua procura da experimentación, da mudanza. …