O músico Pablo Vidal Mendoza, vem de lançar o seu novo albúm “Orixe” com Pablo Vidal Trio, “Orixe” está dedicado à Mãe Terra. Em feminino. Além do seu trabalho individual o contra-baixista colaborou com artistas de diferentes estilos como Os Resentidos, Sérgio Tannus, Najla Shami, Uxia, Aline Frazão, João Afonso ou António Azambujo. Esta semana, Ramiro Torrres entrevista-o para a Palavra Comum.
– Ramiro Torres: Que é para ti a música?
– Pablo Vidal: Unha lingua, unha vía de expresión dende o máis fondo; a miña forma de vida.
– Ramiro Torres: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação musical?
– Pablo Vidal: Dunha forma intuitiva. Dunha forma consciente, deixo traballar ao subconsciente. Despois aplico técnicas de composición, mais sempre gosto da primeira impresión. Ás veces ata compoño en soños! (Risas)
– Ramiro Torres: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, fotografia, banda desenhada, artes plásticas, etc.)? Como são as tuas experiências neste sentido?
– Pablo Vidal: Sinerxia pura. As artes pódense combinar para dar ao espectador experiencias máis complexas. Cando se xuntan varias disciplinas artísticas o resultado soe ser marabilloso. Hai uns poucos anos o pintor Xaquín Chaves e máis eu tivemos un encontro no seu estudio ao que lle chamamos “sinestesias”. Xaquín pintou un cadro de grandes dimensións mentres eu compuña sobre a marcha e tocaba o contrabaixo inspirándonos mutuamente. Toda a sesión estaba sendo gravada con dúas cámaras por Gonzalo Veloso e Santi Teiva a tempo real, dando lugar a un documental (que aínda agarda o seu momento de ser emitido). Xerouse moita sinerxia no estudio. O cadro resultante, que tamén se chamou “Sinestesias”, foi o primeiro en ser vendido na seguinte exposición de Chaves. Algunhas das ideas que alí tiven utiliceinas poco despois no meu disco “JAZZ PAGANO”. Como podes ver, neste caso a partir dun so feito, foron tres as disciplinas artísticas que alí interactuabamos: pintura, música e fotografía.
– Ramiro Torres: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?
– Pablo Vidal: Moitos e moi variados. Dende músicos a filósofos… Uns poucos misturados: dende a muller -ou home- de Altamira, o grande Da Vinci, os impresionistas, Picasso, o surrealismo de Dalí, Einstein, Freud, Schönberg, Stravinsky, Debussy, Henry Mancini, Bill Evans, Miles Davis, Gil Evans, Jimy Hendrix, Quincy Jones, Ella Fitzgerald, Sting, Tom Jobim, Caetano Veloso, Paco de Lucía, Patitucci, McBride, Chaplin, Lang, Stanley Kubrick, Hedy Lamarr, Isaac Asimov, Carl Sagan, Marx, Chomsky, Galeano, Rosalía de Castro, Saramago, Os Simpsons…
Vivimos nuha época marabillosa para o coñecemento. Agardo que esto axude a afastarnos da mezquindade e da autodestrucción.
– Ramiro Torres: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para as artes, na sua comunicação com a sociedade a dia de hoje?
– Pablo Vidal: Calquera vía de creación é válida sempre que sexa libre e independente. Non debería haber xente na cadea polo que pensa, escrebe ou canta. Inevitablemente o artista vese influenciado e reflicte o tempo que lle tocou vivir converténdose nun cronista atemporal e universal.
Na música a tendéncia é hedonista.
No último CD da arpista e cantante Clara Pino, que está producido por min, hai incluída unha canción chamada “MORTE LENTA” que denuncia inxustizas que deberían ser anacrónicas: a violencia de xénero, os desafiuzamentos, o desamor… Pero quizais ao gran público lle interese máis o reggaeton.
Pola miña banda que participo de varias escenas musicais, eso permíteme compoñer e facer músicas diversas, achegarme a beleza, protestar e tamén facer cousas máis comercias.
O jazz e as músicas improvisadas gústanme especialmente para desenvolver as miñas ideas.
– Ramiro Torres: Que vínculos há, para ti, entre Arte(s) e Vida?
– Pablo Vidal: A vida é unha creación perfecta da natureza. A nosa arte revela que estamos vivos. As artes xurdiron cando evolucionamos a sapiens sapiens. Son unha proba da nosa evolución, intelectual, de cando se producíu, de cando nos convertimos en humanos modernos… sen dúbida axudáronnos a desenvolver a nosa intelixencia. Na nosa arte, como nos nosos soños, reflíctense a nosa forma de vida e as nosas inquedanzas. Por outra banda coido que deberiamos ter un equilibrio “artístico” da vida, vivir con armonía, “vivir a vida con arte”.
Equilibrio entre traballo e ocio, ter espazo para ser un mesmo… coherentemente co que un mesmo pensa… senón prodúcense enfermidades… e hai moitas. A sociedade que temos inventado é cada vez máis complexa, poñémonos moitas barreiras e estamos perdendo moita liberdade. Os “minijobs” non deixan tempo para o lecer nin aportan cartos para mercar arte… Internet é a canle dominante. Todo tenderá a dixitalizarse. Crearemos museos virtuais… (Desaparecerán as artes plásticas como as coñecemos?)
– Ramiro Torres: Que perspectiva tens sobre o estado da música e a cultura galegas (e as suas conexões com outros espaços, nomeadamente com a Lusofonia)?
– Pablo Vidal: A produción musical e cultural galega pasa polo seu mellor momento, é abundante e de gran calidade… avanzouse moito nese sentido, pero non no autoconsumo. É preciso exportar, que se coñeza e recoñeza fóra… A lusofonía como gran espazo común de entendemento é un gran marco axeitado. Hai que seguir traballando nese sentido.
– Ramiro Torres: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já, do teu ponto de vista?
– Pablo Vidal: Coido que si. Nos últimos anos avanzouse moito en educación e superáronse moitos complexos. Agora temos que acabar con esterotipos, e lucir orgullos@s os nosos sinais de identidade.
Creo nunha Galiza solidaria, moderna e limpa. Desenvolvida e respectuosa co medio ambiente. Cosmopolita e rural. Orgullosa do seu, sen soberbia, acolledora e tolerante. Cos recursos desenvoltos limpamente, Coas Rías desenvolvidas pero limpas. O monte verde e sen lumes… Internacional dende a propia identidade.
– Ramiro Torres: Que projectos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Pablo Vidal: Acabo de editar o meu último disco que se titula “ORIXE”. É un traballo do que estou orgulloso e que está adicado a todas as mulleres. Vén sendo a continuación da tetraloxía que comezou con “JAZZ PAGANO” (2015) que estaba inspirado no noso mar, nas nosas rías. “ORIXE” está adicado á Nai Terra. En feminino. Gravado tamén con Noli Torres (batería) e Gabriel Peso (piano) contamos ademais coas colaboracións marabillosas de Narci Rodriguez (canto), Ton Risco (vibráfono) e Sarunas Pupelis (saxo). A esta bandaampliada chamámoslle PABLO VIDAL GROUP.
Tamén seguimos interpretando NOWHERE Clara Pino, Sabela Dacal e un servidor. A última actuación foi na ASAMBLEA de UNIVERSIDADES POPULARES na Illa de Arousa a bordo dun barco a seguinte na Igrexa de Sta. María en Cambados polo Albariño.
Deixamo-vos com o último vídeo do tema Candela do albúm “Orixe”.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …