– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Raúl Gómez Pato: Eu non sabería definir a poesía, e probabelmente tampouco sabería definir ningún tipo de arte. Un intento podería ser algo así como “a poesía é a arte de non dicir nada significándoo todo ritmicamente”. Pero quizá isto sexa algo pedante… Algo máis simple: “a poesía é a palabra sagrada”.
– Palavra Comum: Como é, no teu caso, o processo de criação literária?
– Raúl Gómez Pato: O meu proceso de creación literaria é moi lento e sucede sobre todo antes de durmirme. Escribo na miña cabeza, tumbado na cama, e deixo que os versos formen parte desa especie de transo que é o espacio temporal que vai da vixilia ao sono. Despois póñoos a macerar un tempo. Máis tarde, ás veces días, ou semanas, ou meses, escribo. Logo sempre corrixo. Corrixo moito, trato de que as palabras vaian un pouco máis alá do que nun principio ían, como preparalas para un camiño longo. E entón comezo a compor un libro, con fortes nexos de unión entre os poemas. Eu concibo libros, fundamentalmente, non poemas soltos.
– Palavra Comum: Que representa para ti a tradução? Como é o teu processo (re)criativo, neste caso?
– Raúl Gómez Pato: Para min é fundamental, persoal e colectivamente. Persoal, porque me sinto tremendamente cómodo traducindo. É un labor arduo, pero acarrea tamén enorme satisfacción cando te dás conta do que realmente significa o texto escrito por outra persoa. Traducir é a mellor forma de achegarse ao coñecemento total dunha obra, que, por outra banda, nunca é total. É un camiño cheo de atrancos, pero moi enriquecedor para o tradutor ou tradutora.
Colectivamente a tradución é fundamental para a nosa lingua. A nosa lingua carece de Século de Ouro e Barroco, que é a parte esencial no proceso de consolidación das literaturas nas demais linguas europeas que se caracteriza precisamente por unha enorme tarefa de tradución, non só do latín e do grego, senón tamén dunhas linguas vivas a outras. Foi o momento máis importante, penso eu, para establecer un canon e darlle asentamento á literatura. Nin Cervantes, nin Shakespeare, nin Rosalía ou Pondal terían escrito o que escribiron se non fosen capaces de ler na súa lingua outros autores que escribían en linguas distintas á súa. Por isto creo que a tradución é vital no proceso de facer máis rica, máis literaria, unha lingua.
O traballo editorial á hora de publicar novos e novas autoras é fundamental, pero non o é menos o de publicar obras traducidas ao galego.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens, neste sentido?
– Raúl Gómez Pato: A relación é absoluta en todos os sentidos. No deseño, no proceso e mesmo na connotación e na denotación. A arte, en termos globais, é un proceso de elaborar, de crear. Que relación hai entre cores, formas, notas musicais ou palabras? Aquí está a diferenza, só nisto. É o medio, non é outra cousa. Ademais, se partimos da base de que a arte actual é un gran mosaico de interinfluencias, pois non queda moito máis que dicir. A relación é total.
Respecto da miña experiencia nesta relación, é abundante. Eu pinto (agora menos), e gustaríame moitísimo ser capaz de crear música, tocar un instrumento, esculpir ou facer fotografía; claro, facéndoo ben.
Polo demais, teño moi boa relación con algúns músicos, actores e actrices, fotógrafos, videocreadores… e comparto con eles moitos sentimentos e preocupacións, co cal pódese dicir que a influencia é mutua.
Ademais, teño algúns poemas publicados que xa foron musicados, e, en setembro Xerais publicarame un libro de poemas, titulado Cousas de papá, destinado ao público infantil, ilustrado marabillosamente por Blanca Barrio, e que leva un cd con varios poemas do libro musicados por Héctor Lorenzo, que conseguíu que participasen neste fermoso proxecto Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sérgio Tannus, Quim Farinha e Uxía. Estou desexando que saia porque estou moi orgulloso dos traballos da ilustradora e dos músicos e músicas.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-?
– Raúl Gómez Pato: Se teño que contestar esta pregunta vinte anos atrás diríache uns cantos libros e outros tantos autores e autoras. Hoxe, xa me resulta dificilísimo falar de referentes. Por suposto, a tradición clásica greco-latina sempre está aí, pero tamén están Manolo Rivas, Ferrín, Rosalía, Pessoa, Raymond Carver, Baudelaire, Ángel González, Whitman, Celso Fernández Sanmartín, Kiko Neves, Mª Xosé Queizán, Pilar Pallarés, Valente, e podería seguir e seguir ata o chegar a uns cantos centos ou miles. Pero quixera aproveitar a ocasión para recomendar vivamente a obra dun poeta que faleceu, lamentabelmente, no 2008, e do que a súa obra está aínda por descubrir nun sentido profundo: Ramiro Fonte.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras e @s escritor@s com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, mais em geral-?
– Raúl Gómez Pato: Non sei… A sociedade mudou nos últimos 20 anos máis que nos anteriores 2000. Hoxe todo é moi rápido e hai unha sobreabundancia de información que se reflicte nunha sobreabundancia de creación rápida, de fast art, que moitas veces está tan carente de valor como a fast food… Eu sempre digo que para a cultura galega é necesario chegar a ter esta fast art, porque o mundo camiña por eses tránsitos e non podemos nin debemos quedar atrás. Pero tamén é necesaria unha unha arte cociñada a lume lento. Ambas as cousas son necesarias.
A cultura galega necesita de best-sellers coma Pedro Feijoo ou coma Domingo Villar, por exemplo. Sempre afirmo que eles fan máis pola cultura galega, entendendo coma cultura galega a comunicación en galego entre obras escritas en galego con lectores galegos que finalmente crean cultura en galego, que moitos outros que escribimos obras que só van ser lidas, no mellor dos casos, por un cento de persoas. Pero ambas as cousas son necesarias. Sen querer con isto dicir que a obra de Pedro Feijoo ou Domingo Villar carezan de calidade, que quede claro.
Dáme moita envexa, por exemplo, o fenómeno acaecido con Manel, o grupo catalán, que se fixo internacionalmente coñecido cantando na súa lingua e é admirado e seguido por españois… Ou o éxito que tivo Pere Gimferrer na movida dos oitenta, ou o que ten e tivo Bernardo Atxaga ou Tàpies ou Miquel Barceló… Eles son creadores que parten dun mundo diferenciado cultural e lingüisticamente pero que tiveron a grandeza de exportalo sen traizoalo.
Claro, tería que dicir que isto ocorre se entendemos o galego como unha lingua diferenciada do portugués, algo que eu non teño moi claro…
– Palavra Comum: Como vês a literatura galega nestes momentos?
– Raúl Gómez Pato: Politicamente este país é un desastre.
Que temos ou que tivemos? Ou o PP, que é o brazo estendido e longuísimo do franquismo, ou o PSOE, que non deixa de ser un neocapitalismo a l’avangarde e bien pensant, ou uns novos partidos que tratan desesperadamente de converterse no PP ou no PSOE aproveitando a conxuntura e que mudan as ideoloxías coma se non as tivesen -e efectivamente non parece que as teñan- ou un nacionalismo digno de ser estudado por Oliver Sacks se este non tivese morto hai pouco… (probabelmente Sacks podería dicir do nacionalismo galego aquilo de “os nacionalistas que confundiron aos seus compañeiros cun sombreiro”).
E a sociedade está amortecida porque os golpes que foi levando desde a guerra civil, pasando polo absolutamente demencial fraguismo, pola bicefalia neurótica do bipartito golpeado cruel e inmoralmente, por outra banda, polos medios de comunicación, nomeadamente pola Voz de Galicia, e pola esquizofrenia de Feijoo/Feixoo, non parece que poida facer moito máis… Despois destas inxeccións políticas históricas paralizantes, bastante ten con subsistir…
Como contraste, temos unha literatura, non só literatura, senón unha capacidade de creación no noso país que está a anos luz do resto da sociedade. Quizá sexa porque este, o espazo creativo, é un recuncho onde poder respirar, onde poder erguer un pouco a cabeza… Dá a sensación de que o espazo creativo é unha especie de lareira onde nos sentamos a acalmar a friaxe que vai fóra da casa, e, xa que ninguén nos molesta, comezamos a fabular, a crear…
As e os creadores neste momento son unha salvagarda do que queda do país. Mortas as vacas e os peixes, quedan os artistas, os que fan arte. Esperemos que alguén conecte este mundo creativo coa sociedade en xeral, porque a capacidade de subsistencia de Galiza como país está esgotándose. E esperemos que os novos e novas artistas sigan apostando por facelo na nosa lingua, na nosa forma de pensar, na nosa particular e idiosincrática forma de ver o mundo.
– Palavra Comum: Fala-nos de como seria a tua Galiza imaginária…
– Raúl Gómez Pato: Estado republicano independente, solidario e conectado sistematicamente co resto do mundo, orgulloso de si mesmo, cheo de fragas e soutos, cos portos coloridos polos barcos de pesca, co mesmo clima, galegofalante, claro, … celebrando por todo o alto o 24 de febreiro e o 13 de xuño, que é cando naceu Pessoa, a parella perfecta de poetas se ela non tivese coñecido a Murguía antes de ter nacido Fernando.
Saír, en fin, desta distopía na que vivimos.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Raúl Gómez Pato: Estiven atarefado coa dirección da colección Vetera da editorial Rinoceronte, un proxecto a medio prazo, fermoso e ilusionante, no que participamos máis dunha ducia de tradutores e tradutoras. Grazas a Rinoceronte Editora que nos brinda o seu espazo editorial, poderemos ir publicando as traducións que estamos levando a cabo. De feito acaba de publicarse a primeira delas, A Arte de Amar e os Remedios do Amor, de Ovidio, nunha fermosísima tradución feita por Lucía Gómez Fariña, que vai ser presentada na Facultade de Filoloxía en Compostela.
Gustaríame poder escribir unha novela, pero creo que aínda non me vexo capacitado para iso, e tamén me gustaría retomar a miña actividade pictórica, pero carezo de tempo suficiente.
Co cal seguirei escribindo poesía e traducindo, que é no que máis me sinto máis cómodo. Quen sabe?
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …