Nesta entrevista falo, ademais de sobre o meu último libro, sobre política e lingua, o que parece xa levantou algunhas pústulas nos máis exaltados.
Galicia Confidencial (GC).- ‘Versos fatídicos’, é o nome do teu último poemario… E, por que “fatídicos”?
Alfredo Ferreiro (AF).- “Fatídico” é esencialmente unha referencia explícita ao destino, e nese sentido entendo o traballo poético como un proceso gnóstico, como procura persoal de coñecemento; na mesma liña, asumo a poesía e a lingua secular da miña familia como descubertas coas que debo manter o meu compromiso, porque me tocan tan de perto que me definen e axudan a camiñar. Ao tempo, no plano social “fatídico” implica unha predición ou un vaticinio negativo: é o estigma, por un lado, que sofre esta cultura milenaria que foi o faro de media Europa no medievo e que agora, moribunda, non é recoñecida nen polos fillos que amamentou; por outro, a cruz que habemos de portar os escritores comprometidos co país… Non, mellor quero rectificar isto: a actitude dos escritores en galego non é unha cruz senón un facho que portamos desde hai moito con dignidade, e que vai indisolubelmente unida a outras reivindicacións conducentes á liberdade do individuo e da sociedade, tanto no sexual canto no social ou no nacional. Deste modo o esforzo persoal alimenta o compromiso social, e viceversa.
Que tratas de expresar con este novo libro?
Resposta: No sentido do argumentado acima, no libro tento xogar un solitario literario a partir das cartas que a vida me deu, mais como é evidente é un xogo á vista do público o que convida tamén a participar. En que sentido? Primeiro, eu boto as cartas á vista de todos e resitúo e interpreto as imaxes conforme o meu criterio; segundo, ofrezo a configuración das imaxes e dos sons ao lector, que fará as súas valorizacións. Cada man de cartas é un poema, se cadra por iso aparecen tanto no meu texto o destino, o amor, o ceu, a terra, etc. Entendo que todas as autoras e autores fan o mesmo: partir do persoal para tentar atinxir o universal, sen esquecer a sanción do lector, porque ao final a publicación implica un acto comunicativo.
Prefacio de François Davo e ilustracións de Esperante. Unha aposta forte, non?
Resposta: François Davo é un dos autores que máis de perto ten acompañado a miña vida poética. Baste dicir que cando nos coñecemos, a finais de 80, iniciamos de facto a nosa relación facendo escritura automática a catro mans. El daquela viña moi instruído no surrealismo francés e eu estaba fascinado polo surrealismo portugués, que desfrutaba como froito sorprendente dunha literatura que se expresaba na miña lingua.
De Alberto Esperante baste dicir que é un ilustrador sorprendente que a vida e a súa carencia de vaidade fan que permaneza oculto. Polo momento sinto que me aproveito da súa arte ofrecéndolle ben pouca compensación. Oxalá isto o incite a prodigarse máis, cousa que moitos lle agradecerán.
Ti es membro do GSG. Cal é o obxectivo deste grupo?
Resposta: A principios de 90 non me atrevín, co François, a promover unha iniciativa como esta. Parecíame unha actitude pretensiosa demais e o respeito que lle tiña aos movemento surrealista histórico freaba atribucións deste calibre. Nestes tempos, cando os amigos Abeleira, Torres e Davo, entre outros, tomaron a inciativa eu mudei de perspectiva: nada hai de respeitoso en tratar o movemento surrealista como unha institución común ou como unha etiqueta caduca, cando sempre foi presidido por un espírito autenticamente libertario. Con esta determinación abracei a idea de instituírmos o Grupo Surrealista Galego, sen a vergoña que a tantos obstaculiza e cun orgullo pleno sobre a esencia do traballo poético e o obxectivo da revolución surrealista, que son ao final a mesma cousa. Neste momento entendo que o obxectivo do GSG é dar luz sobre unha perspectiva do poético que abranxe as artes todas e que nos lembra que a Poesía, quere dicir a creación artística, é unha ferramenta de coñecemento que, debidamente situada no ámbito social, contribúe desde que a Humanidade existe á harmonía persoal e social.
E levando a poética á realidade… Definirías a actual situación política e económica de surrealista?
Resposta: Xa vexo que usas “surrealista” como “estraño” ou “sorprendente”. Mais se cadra o adxectivo ideal sería “grotesca”, non cres? Se vou ser sincero, non son capaz de valorizar a situación fóra de Galiza, que é o ámbito emotivo que coñezo. A este respeito, o que menos me sorprende é a pasividade social perante o latrocinio dos grandes capitalistas e dos seus aliados nas institucións públicas. Non temos máis que lembrar que até principios do século XX fomos esquilmados por un Antigo Réxime que nos colonizaba desde Madrid, e que sen que chegasen a consolidarse a principios dos século XX os froitos do humanitarismo, o ecoloxismo, o naturismo, o feminismo, etc… que son truncados co golpe militar franquista, voltan aínda con máis forza os paus do autoritarismo. Hoxe non esquecemos aínda a educación que nos inocularon os militares e os sacerdotes. Por iso o traballo principal da intelectualidade é loitar contra a inercia do fundamentalismo católico, do caciquismo, do machismo e da pasividade política dos paisanos afeitos a seren vilipendiados por propios e alleos.
E a situación da lingua?
Resposta: Derivado de todo o anterior, a lingua vai á mingua, claro. No entanto, non debemos deixarnos derrotar por unha cuestión cuantitativa. Trátase sempre do mesmo, á hora de defender o que é xusto: non importa canto digan que se perde ou se gaña, porque o que defende a verdade sempre gaña. Hai algo en que todas as relixións coinciden, cando non as manipulan as igrexas correspondentes: o paraíso e o inferno están dentro dun mesmo, e quen coñece o seu destino coñece a deus. Isto lévanos de novo ao fatídico, como nos lembraba tamén a máxima do templo de Delfos.
Que supón, logo, escribir poesía en galego hoxendía?
Resposta: Non coñezo as razóns que todas as autoras e os autores teñen para escribir poesía en galego. Para min, despois do xa explicitado, é simplemente algo necesario. Desde o punto de vista do país aínda me parece un recurso pouco explotado. Moitos outros países terían aproveitado comercialmente esta característica, felizmente coincidente con outros países do atlántico europeo, como Portugal e Irlanda. Non hai dúbida de que temos unha produción poética impresionante na Galiza que se debería publicitar, igual que o Camiño de Santiago, o potencial turístico das rías ou do monte atlántico. E por favor, que ninguén argumente que a cantidade é contraria á calidade, porque a pouca cantidade non asegura a calidade. Ao contrario, cando hai Escola, no mellor sentido da palabra, é cando o xenio mellor pode florecer, como é evidente.
Sen embargo, aínda hai unha ferida aberta no tocante á normativa, non?
Resposta: Esta cuestión está adormecida, mais lonxe de ter sido resolta. Eu vexo moitas virtudes no reintegracionismo e algunhas necesidades no isolacionismo. Este último triunfou nos últimos tempos porque convenceu unha grande parte da intelectualidade, vencellada ao ensino, de que non era pragmático propoñer a escrita “difícil” do portugués, aínda que fose histórica e por tanto autenticamente galega. Nos anos precedentes estimo que esta postura triunfou porque resultaba evidente para moitos que se ben era difícil loitar contra o descrédito do claramente galego, cargar co adxectivo “portugués” faría a defensa da lingua algo imposíbel. Esta decisión, dun punto de vista pragmático e no curto prazo, é fácil de comprender.
No entanto, a evolución do uso do galego e o retroceso que gobernos como o actual lle imprimen coa súa vontade de matar a España plurinacional, indican que esta estratexia era fráxil no curto prazo, inadecuada no medio e suicida no longo. O que acontece é que non todas as actitudes están fundamentadas no ben da lingua, senón no reparto de poder institucional, nas ambicións persoais e, noutros casos que comprendo un pouco mellor, na necesidade de consolidar un mercado cultural propio.
E como cres que se podería solucionar?
Resposta: Sen abrirnos de par en par á lusofonía nin teremos futuro nin seremos capaces de asumir o pasado, as dúas caras da moeda da nosa identidade. Podemos falar de novos procesos de adaptación ortográfica, mais para min este aspecto formal ten que vir a continuación doutros de carácter semántico: temos que instaurar un novo cadro de referencias. Neste sentido, cando leo poesía en portugués desfruto non só porque, aínda que co sotaque de Trás-Deza da miña familia, podo lela na miña lingua, tamén aproveito que o poema foi pensado orixinalmente na e para a miña lingua. É algo que na poesía, por iso tantas veces difícil de traducir, resulta particularmente evidente.
Mais para sermos ben pragmáticos, nos tempos que corren eu pediría dúas cousas para comezar:
A) Que o galeguismo ao completo recoñecese todo o traballo dos galeguistas, sen excepción. Así sería posíbel baixarlle a galleta a vultos como Carvalho Calero, e aproveitar o seu traballo en beneficio do país. Non facelo demostra unha inmadurez incomprensíbel por temeraria.
B) Promover, aínda o contacto coa lingua portuguesa e as culturas lusófonas en todos os ámbito educativos e culturais, como estratexia básica para dinamizar a cultura lembrándolle o que lle é propio e ofrecéndolle alternativas a unha españolización groseira e constante.
Logo de “versos fatídicos”, en que andas metido?
Resposta: Teño varios proxectos iniciados. Para alén dos poéticos, tamén no ámbito narrativo e no ensaio. Estimo que non vou ficar nun único xénero. De calquera modo, tento non esquecer un sentido poético de todo o traballo literario, o que vén ser aplicarlle moito máis corazón que sentido comercial, para sermos claros. Un libro que realmente non é preciso non debe ser publicado. O poeta é un finxidor, mais non nun plano profundo, onde toda a sinceridade é precisa, como sucede coa mellor interpretación dun actor.
{Galicia Confidencial :: “A produción poética deberíase publicitar igual que o Camiño”}
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …