Vem de publicar-se Lúa Plenur, de Alfonso Rodríguez, que contém dois livros de poemas e colagens. Um é Araña estupefacta no teito branco e o outro Paper. Os livros estão embrulhados e personalizados conjuntamente. As pessoas interessadas em adquirir este projeto de autoedição podem informar-se aqui.
Reproduzimos a continuação a entrevista mantida com o autor:
– Palavra Comum: Lúa Plenur, um projeto novidoso e potente. Como é o seu processo de criação?
– Alfonso Rodríguez: Lúa Plenur é un compendio de dous “poemarios” ou como se diga. Un deles, Araña estupefacta no teito branco, é unha especie de antoloxía que estivo saltando dalgunhas editoriais a outras e que semella non convenceu á hora de ser editado por estas vías. Teño que recoñecer isto porque aínda que eu estiven sempre mergullado en moitos proxectos de autoedición tamén procurei noutros intres e procurarei, quizais si quizais non, outras cousas máis, digamos, “convencionais”.
Foron pasando os anos e fun xuntando outra chea de poemas aos que me interesaba dar saída. Tamén probei sorte con Paper, o outro “poemario”, pero dunha maneira máis tímida porque na miña cachola comezou a fraguarse a idea do que rematou sendo Lúa Plenur, isto é, facer unha autoedición como noutrora facía pero máis “tocho”. Ademais, así serviume para poder facer o que me deu a gaña, que no fondo era o que quería. Tamén saquei este “dobre LP”, como lle chamo por testán, que o son bastante.
Os dous libros están completamente ilustrados por colaxes realizadas tamén por un servidor. Todo feito a man e logo posto en páxina e escaneado para a súa impresión. Estética moi de fanzine, algo que sempre me encantou. Ademais está todo rematado nun deseño personalizado con algún detalliño para facelo máis suxestivo.
– Palavra Comum: Que vínculos achas que existem entre as artes, e que caminhos sentes preciso andar nesse sentido?
– Alfonso Rodríguez: Penso que todas as persoas pegámoslle en xeral, xa non só nas artes, mellor a unhas cousas que a outras mais sen pretender ser Leonardo da Vinci nin un home completo, considero que entendendo as artes coma algo positivo, desencadeante e mobilizador, coido que todas elas están vinculadas e teñen ligazóns entre si a explorar por todo o mundo e aproveitables para ese mesmo mundo. Mais para o meu modo de ver, eludindo totalmente o elitismo, a impostura e a manipulación que fai moita xente e o poder delas para o seu beneficio no mal sentido da palabra. A arte institucional, e as institucións en xeral, non me seducen, senón ao contrario.
Os camiños das artes penso que son a inmersión e a exploración de nós mesm@s a partires delas e en case todas elas, a ser posible, mais tamén para compartir por unha banda e por outra evidenciar os desaxustes sociais, económicos e políticos; tamén emocionais, íntimos, globais. Tocar a nada e o todo.
– Palavra Comum: Como entendes a relação entre a arte e a sociedade, entre a arte e a vida?
– Alfonso Rodríguez: Están intrinsecamente ligadas, como é obvio. A través da arte (e comento que tampouco é que me guste moito o termo) sublimamos o mollo das nosas vidas nas sociedades que nos toca vivir, convivir e, máis ben, sufrir. Unha saída, unha diagonal de vento podería ser. Ar que respirar.
Foucault, do que só teño lido algúns artigos, falou dunha cousa que me fascinou: o por que un individuo non pode ser unha obra de arte, por que teñen que ser sempre os obxectos, e por que a arte ten que ser cousa de expertos? Eu reivindico con respecto a arte, como á vida tamén, a eterna aprendizaxe xuntas e fóra de excelencias, institucións e formas de poder e control.
– Palavra Comum: Que referentes (culturais, artísticos, etc.) tens em conta à hora de realizar a tua obra?
– Alfonso Rodríguez: Mentiría se non dixera que a miña base “kultural”, con k e máis ben musical, é a que vén do movemento chamado Punk. O que ocorre é que a súa estética e digamos ideoloxía e letras dos seus grupos leváronme cos anos a descubrir, claro está, un abano grandísimo de posibilidades que partiron dese núcleo que influíu en min xa a unha tenra idade. Ou sexa, que unhas cousas levaron a outras. A poesía gustoume moito por moi boas letras de grupos que se fixeron os meus preferidos nun primeiro momento. E a nivel xa máis plástico, digamos, mamei tamén das capas e interiores de moitos vinilos de bandas do estilo do que falo. Despois, claro, decateime de que todos e todas eles/as xa se viran influenciados/as por cousas que me chamaron a atención posteriormente tanto do mundo da escrita, da arte, da mesma música e tirando, tirando así foi. E por min mesmo tamén fun vendo cousas máis alá do Punk, claro.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Alfonso Rodríguez: Ben, desde hai perto de dous anos teño un lokal que me está servindo para facer bastantes cousiñas. Xa teño feito algunhas exposicións de pintura, fotografía e Lúa Plenur maquetouse nel, onde tamén toco música coa miña compañeira e un colega. Teño con ela unha web desde hai moitos anos en internet, e agora mesmo, por primeira vez, dentro da nosa páxina cun blog específico, Ultragráfico, aberto a colaboracións.
Penso levar con calma o tema de darlle saída a Lúa Plenur para que se poda saborear mellor e despois virán máis proxectos porque a cabeciña non para, ás veces por desgraza.