Un dos maiores misterios relativos á literatura medieval é a suposta ausencia de xéneros teatrais. Nunha época en que todo, absolutamente todo o acto literario era esencialmente un acto de fala ou de canto habitualmente acompañado de música e danza, é incomprensíbel que a crítica maioritaria teña negado a existencia dun teatro medieval. Sobre todas as razoábeis intuicións que esta situación de oralidade comporta, nos meus anos na Universidade da Coruña tiven a posibilidade de coñecer a teoría de Francisco Nodar Manso quen, co aplauso de personalidades como Rodrigues Lapa, defende desde os oitenta a existencia dun teatro galego-portugués no século XIII. A súa tese doutoral, defendida na Universidade de Mcgill no Canadá e publicada en 1990 grazas á sensibilidade do editor alemán Reichenberger, apóiase no seguinte:
- Os medievalistas hispánicos son demasiado restritivos á hora de admitir a existencia de xéneros dramáticos. Consideran paradramáticos todos os xéneros que non sigan os patróns da comedia e a traxedia clásicas, e nese burato negro afogan todas as hipóteses de auténtica dramaticidade. Os investigadores franceses, entre os máis abertos, aceptan a teatralidade de xéneros como os xogos, os diálogos e monólogos dramáticos e os diceres.
- Os testemuños conservados sobre a actividade dos xograis indican unha patente actividade teatral. O problema reside en que a crítica non recoñece a alma dramática da canción medieval. Así as cousas, o que hoxe chamamos poesía medieval son cancións ou textos mélicos que eran representados perante un público através do canto, a declamación, a música, a danza, a caracterización de personaxes e diversos códigos escénicos de época que deben ser tamén investigados.
- O estudo dos cancioneiros medievais galegos desde a perspectiva de Nodar permite observar que os textos dos cancioneiros son organizábeis en liñas narrativas con principio e fin, e abre a posibilidade da reconstrución de pezas recoñecíbeis de teatro menor; unha vez se contemplan os textos ligados como elos dunha mesma cadea anteriormente esparexidos, todas as potencialidades até o momento ocultas resaltan cun brillo extraordinariamente dramático.
Francisco Nodar é un galego que voltou da diáspora co tesouro que a distancia da Terra lle inspirou. Traballou duro até lograr o máximo recoñecemento nunha prestixiosa universidade estranxeira e tropezou á volta co desinterese dos seus paisanos sobre unha cuestión que non só revoluciona os estudos medievais, senón que sitúa a literatura galega medieval no foco do presente e do máis dourado pasado. Ese que, segundo defendo nesta tribuna, restablece con xustiza a heranza dos antergos así como constrúe un futuro digno para os que nos suceden.
Mais aquí topamos co segundo grande misterio da nosa literatura medieval: por que os medievalistas galegos non asumiron o interese por discutir unha tese potencialmente tan valiosa? Por que ollaron para o lado até o momento en lugar de desenvolver uns argumentos válidos ou, o que tamén sería posíbel, descubrir as eivas desta tese, para maior avance dos nosos estudos medievais? Non é certo que ás veces a crítica dun camiño errado ilumina sendeiros insospeitados? Varios son os motivos que acho para tal feito, e gustaba que alguén, para me ilustrar nun punto que considero fulcral, me discutise:
1. A crítica medieval galega é herdeira da edición de textos convencional, en que os textos dos cancioneiros son interpretados isoladamente, como poemas breves de autor. Isto impide combinalos seguindo unha mesma liña narrativa para atopar unha unidade argumental sen afociñar con graves problemas de autoría, nos termos de todo o publicado até o momento.
2. Os especialistas en literatura medieval galega non desexan contestar as perspectivas dos medievalistas hispánicos máis recoñecidos, senón conseguir que a crítica galega sexa recoñecida co máximo prestixio no cadro internacional.
Teño para min que entre os eruditos galegos que eluden a cuestión do teatro galego medieval hai grandes investigadores que merecen o aplauso, entre eles algúns dos que me orgullo de coñecer persoalmente. No entanto, esta pasividade nun asunto de tal calibre sempre foi incomprensíbel para min; se fose noutro país, nun deses en que o idioma propio se pon en valor, así como a cultura tradicional, a fauna autóctona e todos os tesouros que a nación conserva, transforma e aproveita por xeracións, outro eco tería unha teoría como esta. Mais confiemos en que os nosos estudos críticos medievais acorden do seu sono do mesmo modo que a historiografía se vai liberando do tinte obscurecedor con que os estudos españoleiros e mesmo internacionais ocultan a nosa Historia. {20/08/2012, en Praza Pública}
NOTA: Unha referencia xeral ao estado da cuestión pode lerse en “Juglares y trovadores”, de Julio I. González Montañés.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …