O vídeo The Boat of Plenty de Narf (Fran Pérez) está incluido no DVD que acompaña a O libro das pontes invisibles / The Book of Invisible Bridges de Xelís de Toro, publicado por Pighog Press 2012. O libro é unha colección de textos poéticos en galego (páxinas da esquerda) e traducidos ao inglés (páxinas da dereita), que inclue un DVD co traballo que realizaron 14 artistas internacionais (tres deles galegos: Narf, Chévere e Dolores Sánchez Calvo) utilizando os textos como base. Como parte do mesmo proxecto realizáronse dúas exposicións co traballo dos artistas que tiveron lugar en Brighton, Reino Unido (Phoenix Gallery) e Compostela (Galería Metro). Os textos, o libro e o proxecto explora as posibilidades da literatura e a arte como ponte invisible, como canle de comunicación cos outros pero tamén coas partes ailladas dentro dun mesmo. A ponte invisible tamén serve de metáfora, non só de comunicación senón tamén de busca, ruptura, exploración cara ao descoñecido, que nos permite chegar ao que nin sabiamos que andabamos a buscar.
O libro das pontes invisibles / The Book of Invisible Bridges distribúeo en Galiza Edicións Positivas.
Os textos exploran estilos moi diferentes, desde poesía visual, grafismos, escrita automática, diminutas obras de teatro, ou a escrita de mitos, como The Boat of Plenty – A barca abonda. Narf utilizou a versión inglesa da primeira parte do texto. Un texto? Dous textos, un continúa o outro? Dous textos simplesmente relacionados pola temática da barca?
A versión galega de The Boat of Plenty é a seguinte:
A barca abonda (A invención dunha lenda)
Houbo un tempo en que unha nube moura e mesta coma un algodón enzoufado en cinsa cubría todo o país e non deixaba pasar os raios de sol. A nube gardou a chuvia para si e a terra medrou erma. A fame debuxouse nos rostros, un terrible andazo percorreu os campos e as vilas ficaron soas. Unha procesión de esfameados botouse aos camiños. Empuxadas por pulo antigo, as xentes camiñaron cara á praia en procura do bico do mar. Alí á beira xuntouse a multitude sombriza. Patrucios e novos, mulleres parideiras e homes outrora barís e agora apoucados. Alí, apoiándose uns nos outros, compartindo as derradeiras febras de vida que gardaban, lograron emitir un berro só, un berro de xenreira e desafío, un chío saído dunha única gorxa en mancomún, e que se dirixía á nube que sementara a peste en todo o territorio. Era un ouveo humano, roto e alimentado por todas as bocas. Foi así que o berro unido, feriu e furou a nube. Primeiro, a luz pasou por un buraco do tamaño dun botón e despois medrou nunha columna de luz que baixou ao mar. Alí onde a luzada alumeaba, nas altas ondas, abaneaba por vez primeira a Barca Abonda. E disque a Barca Abonda foi todo para todos. Para uns deitou mercadorías na area que escorrentaron a fame e forneceron as despensas. Tamén serviu de dorna para aprenderen as artes da pesca e deste xeito colleitar os frutos ao mar. A outros serviulles de navío para soñar co máis alá, abríndolles as portas da viaxe e dunha nova singradura de aventuras e exploración. E disque a Barca Abonda está sempre aí, invisible no máis alto das ondas, agardando o momento en que a xente nosa máis a necesite.
*****************************
Os nosos corazóns estaban abertos de par en par pola dor. O berro dunha muller a piques de parir sumouse a un trono que iluminou a escuridade; este dobre estalo borrou momentaneamente da nosa memoria os prantos desesperados dos vellos e doentes que tivemos que deixar atrás na nosa fuxida, porque non cabían na barca. A nosa historia, a nosa tradición ficaran atrás, na memoria dos patrucios abandonados. Os nosos corazóns estaban comestos polos bechos da dor e a vergoña. As nubes abríronse e enchouparon os corpos aterecidos que buscaban acubillo nos currunchos da grande barca. Escoitouse o berro do recén nado e a parteira levantouno contra o ceo para que a chuvia limpase o seu sangue. Mirei a nai, o neno e todos os rostros medorentos e fríos. Batín cos ollos dunha rapaza que apertaba un caderno e díxenlle: Escribe: “Ao principio houbo unha barca…”
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Café com Português
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Café com Português
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.