A poesía do Quebec non foi, que saibamos nós, moi traducida ao galego. Que lembremos, só no número 21 de Grial (xullo-agosto-setembro 1968), Xesús Cambre Mariño (un deses nomes que brillaron durante un tempo no noso firmamento e despois non soubemos máis del, como aconteceu con Xesús B. Pena Trapero, Xosé Antón Arxona e tantos outros que sería longo enumerar) traduciu tres poemas de tres poetas quebequeses co título “Pequena amostra da poesía do Canadá francés”. Cambre Mariño traducía un poema de cada autor, tres poetas: Saint-Denys Garneau, talvez o poeta máis importante do Canadá francés na primeira metade do século pasado (morreu novo, aos trinta e un anos, nacera en 1912), Jean-Guy Pilon (1930) e Jacques Brault, nacido en 1933, aínda que por erro Cambre Mariño, ou erro de imprenta, dábao como nacido no 1913. Quen isto asina, pola súa banda, ten traducido algún poema do poeta surrealista quebequés Roland Guiguère que deben andar perdidos polas páxinas de Faro de Vigo e El Progreso.
Nós, hoxe, presentamos trinta poemas de vinte e catro poetas quebequeses do século XX, sen escolmar ningún dos tres traducidos por Cambre Mariño. Algúns deles están felizmente vivos, polo que continúan a escribir e publicar poemas. Quen queira saber máis sobre estes/as poetas, non ten máis que “clicar” enriba do seu nome e serán enviados á wikipedia. Outro día falaremos da riqueza da poesía do Quebec. Por hoxe, só unha mostra de poetas e poemas.
XGG
*
Cuarzo e Mica
O sol poñente ilumina de rosa as árbores de Central Park
estou dereita diante da fiestra cun Perrier na man
a delegada xeral desprázase graciosamente entre os convidados
celébrase a festa nacional de Quebec no New York Athletic Club
un músico convidado toca Suite Villageoise de Claude Champagne
globos flordelizados flotan no teito
un deseñador con gafas vermellas fálame dun San Xoán en Los Angeles
os buildings de Upper East Side recórtanse sobre o pastel do ceo
agradaríame estar emocionada mais isto non é emocionante
*
Estamos sós agora na praia baixo o vento
dime ámote en francés
New York afástase a miles de anos luz
sinto o seu corazón latexarlle na man
choro de felicidade
aloumíñame os cabelos tenramente
o espírito do vento murmúrame ao oído
o espírito maligno dime insanidades
prego ao ceo que me deixe amar
*
traduzo a caixa negra dun aparato chegado da Osa Maior
can talmac yinko hobike ugh om ulak lock
son oceanógrafa e lingüista
chego do Centro de Desprogramación de Mendeleev
fíxenme mal no noelo durante a teletransportación
aínda sinto as mans do estranxeiro nos meus peitos
pregúntolle se lembra vivir antes desta vida
do que lembra que eu era unha científica
que el era o encargado de desprogramarme e que me amou
*
A realidade
1
A realidade:
como se descubrísemos que o mecanismo da ollada
está ligado ao da fuxida.
Na paisaxe,
como se as arbores resistisen,
mais os transeúntes, non.
Despois, o ceo moldeado sobre esta paisaxe,
furado por detrás, deconstelado,
como se algunha cousa que quixera sempre
sempre retroceder.
Ou máis ben:
cuberta de neve, con pegadas;
a chuvia que a atravesa
libera os cheiros e as voces.
2
A neve como leite;
os paseos como pan.
Supoño que o que avanza cara a min,
turbado polo vento,
irá axiña se perder
no que deixei atrás.
É a orde, é menos rápido.
Pouco importa despois se son eu quen respira:
o fume sae pola miña boca;
o verdadeiro mundo, polas dos outros.
Se volvo do traballo, teño demasiado frío,
escribo novelas curtas.
Non levei ningún instrumento
para medir o interior marelo das casas.
Non hai máis que unha verdade: a túa, logo a miña.
3
O ritmo, o río, a sucesión dos pasos,
a ollada dirixida cara a un mesmo,
cada paso cara ao río que deita nun sentido e no outro.
Como se se nacese a miúdo
aproximadamente sempre da mesma maneira;
sen dor, sen vontade, sen obxectivo.
Nácese cada vez, normalmente, que se prende outro cigarro.
4
Operación ler; operación devir.
A uns centímetros do chan, a alma do chan.
Cada árbore, unha apertura no ceo:
a man magnífica que sostén fortemente un sentido.
Axitar a auga que espera.
Operación camiñar:
imposíbel sen a axuda do pasado.
O poema cóllese pouco a pouco
nos poemas que non pensaba que escribira.
*
Falas na travesía do lume
Falas na travesía do lume
este resplandor e este rapto de luz azul,
este resplandor vital azul,
para indicar claramente o furor,
a fogosidade dos ollos,
o ángulo agudo da ollada.
Falas desde máis alá,
remuíño ou flutuación,
desta infatigábel vontade de xurdir.
Falas da túa carne que cobre as palabras.
Frecuentas o interior do mundo:
longos veos,
belas cores pintadas
o espazo da miña cabeza,
árbores, liques.
Pasas os teus corpos sobre as miñas pupilas.
Navegas, bordeas o descoñecido,
a desolación, a impaciencia do océano.
É aquí, agora que me nomeo.
Es a ambivalencia das cousas.
Aloumíñame co reverso da túa man.
Libérame do que levo.
Deambulas na encrucillada dos corpos e das ideas:
deuses cegos áchanse aquí,
deuses coxos mátanse,
deuses dementes xóganse as nosas vidas.
Levas os cabelos atados,
os cabelos alporizados tamén, non obstante.
Es a ambivalencia das cousas
Este enigma engaiólame.
Fálasme ao oído:
ondulación do teu canto.
A voz, a voz sen fin.
Ves buscarme?
Escríboche para ser amado.
*
A beleza dos rostros non pesa sobre a terra
A miña alma prolóngase no medio da calma
mentres os campos se animan de novo
uns paxaros partirán todos xuntos
estou contigo, son as sete e media
os nosos ollos vivos non se opoñen á fraxilidade do serán
a través dunha fiestra escóitase o ruído peneirado da auga
a nosa sombra pasa por diante de nós, móstrasme unha mazá verde
tocaremos a primeira persoa que chegue
*
paseo até que a penumbra chega sen me preguntar por que
deben ser as nove da noite
os ollos escintilan cun resplandor riseiro
unha luz préndese no interior dun coche
achegámonos un ao outro para beixármonos
vai un pouco menos frío que onte
traballo até tarde no serán antes de ir deitarme
esta mañá dúas mulleres correron para non perder o último autobús
o tempo é malva, síntome como baleiro de lembranzas
un señor lanza unha ollada ao seu chapeu ao pasar moi preto dun aparador
as palabras que escoitei non fe fan ningún efecto
prendo un segundo cigarro
a verdade é que a cada intre volvemos caer sobre a terra
*
acaricio o candor dos teus seos
as túas pálpebras féchanse, o visíbel non ten xa o mesmo sentido
a data do día morre sen morrer
un raio de sol ilumina nun recanto da alfombra
escoitamos o que nunca foi por vez primeira
somos esta infancia que non coñecemos
somos a frescura do orballo caído sobre as cousas
o noso imaxinario despregado colorea o pobo deserto
o verán toca ao seu fin
unha araña corre para se refuxiar baixo a cómoda
recoñecinte nunha vella fotografía
mírasme con insistencia e no mesmo momento unha nube agacha o sol
o serán vén perderse por enriba do leito
falar non é a unha cousa indispensábel
*
cantaruxo un anaco de música dentro da cabeza
o frío fura a tela do meu abrigo
no reloxo hai unha grande agulla negra
as persianas están baixadas, a memoria semella irreal
un país anónimo arde sen cesar nalgures
o ar sóñanos, o ar énchenos
o sentimento de amar confúndese coa morte abraiante
que podo ver
*
Decimacións (1)
Que o tempo terrestre pase
e tornaremos
á eternidade
É a besta que devora a outra,
O espazo e a necesidade
No meu corpo desexaba a perda
do máis pequeno que un mesmo
Na pesada natureza das nosas bágoas
axítase o océano,
evapórase
De noite
durmo baixo as escamas ancestrais
dos primeiros paxaros
Pertenzo á eternidade
Conservaredes o tempo da morte
e a materia imposíbel
baixo a coacción
baixo a natureza nunca atinxida
Non engadades xa ao ceo
este azul
Porque pertencedes á orde
que nutre o caos
Das estrelas
e de macacos polígrafos
Camiñarei cara á luz cansada
sen esperar o universo,
futuro buraco negro
Camiñarei sobre os pasos
invisíbeis
ao espazo e ao tempo
Teño a soidade gredosa
do primeiro berro
Entre os xistos e a arxila
o ceo desaparece,
tributario do ar e da auga
A especie persígnase
e encalla no bivaque
O depredador aguza o oído,
aperta o queixo
Velaí a finalización
sen coacción
sen memoria
Descendedes esta cuíña
en busca do vento
erguendo
o berro
Fuxides
e volvedes
Cun futuro buraco negro no corazón
NOTA
(1) Décimations, substantivo creado a partir do verbo décimer: decimar.
You might also like
More from Poesia
Uma dose de poesia com Isa Corgosinho | Carla Nepomuceno
O Café con Português oferece cinco poemas do livro PANÓPTICOS & GIRASSÓIS da escritora brasileira Isa Corgosinho. «...Para ser capaz …
Uma dose de poesia com Renata Magliano | Carla Nepomuceno
Renata Magliano transmite realidades sobre os assuntos humanos e o conhecimento, através dos mais variados afetos. Para saber um pouco …