Crespo. Vascular (5), 2024
A arte, en calquera das súas manifestacións, é unha necesidade vital, alimento para os espiritos. Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que regueiros de vitalidade creadora circulan polas obras presentadas? Que novos vieiros se abren para a escultura do terceiro milenio?
❧
June Crespo. Vascular. Museo Guggenheim. Ecoloxía
La confluencia de materiales y motivos conforma un léxico que parece resolverse en una contradicción. Por un lado, algunos motivos provienen de objetos producidos industrialmente atendiendo a cuestiones como la ergonomía y la organicidad formal. Del otro, motivos vegetales y orgánicos como los que aparecen en esta exposición, se presentan como los frutos de sistemas de producción y representación altamente tecnificados. Unos y otros responden a la exploración de una tipología de cuerpo-objeto en tránsito, que, tras fragmentarse y recomponerse, renuncia a su forma original y a sus significados. (Marc Navarro, 2023).
June Crespo (Pamplona, 1982) é unha artista ben coñecida, habitual en moitas das mostras que sobre escultura se prodigan por toda a península Ibérica (a salientar a súa participación en mostras organizadas na cidade portuguesa de Porto). Os seus traballos interesan, e leva décadas recibindo bolsas de estudos e premios polos seus traballos. Xa tivo unha bolsa de Artes Pla´sticas da Fundación Botín, por exemplo, ou o Premio Internacional de Arte concedido pola Fundación Mª José Jove. E agora, nada máis e nada menos que o Museo Guggenheim Bilbao acolle nas súas salas unha extensa e individual exposición titulada Vascular. Unha exposición que se poderá ver nese “templo” da modernidade perante varios meses. Vascular, adxectivo vital, enérxico, dador de vida. Que sinerxías circulan polo museo, por entre as diversas pezas?
A artista June Crespo non é unha escultora no senso tradicional; é unha traballadora plástica destes tempos postindustriais polos que discorren as primeiras décadas do novo milenio. Crespo aproveita calquera materia e restos que poida atopar de construcións, de instalacións, etc. ¿Por tras desas prácticas vén estando a conciencia ecolóxica que impregna a vida no planeta, as loitas pola supervivencia da vida neste planeta tan maltratado? O reaproveitamento de materiais que xa proceden doutros usos, é reciclaxe escultórico? Hai xusto un ano, Crespo presentaba en Madrid, no atractivo Centro de Arte 2 de Mayo, a individual e monográfica mostra que levou por título Vieron su casa hacerse campo, (comisariada por Marc Navarro). Que significa ese xogo de palabras? Casas invadidas pola natureza? Que cómpre regresar á natureza para disfrutar dunha vida plena?
A evidencia das agresións do mundo actual sobre ecosistemas, que afectan a todos os seres vivos (humanos, incluídos) quizais xere na conciencia da artista a idea de que a reciclaxe é posible e necesaria. Tamén á hora de crear, non só ao botar nun recipiente específico, e público, plásticos ou vidros ou papeis. Aproveitar restos de materiais industriais, de canalizacións, de tubos de calquera dimensión, non vai nesa liña? Neste caso concreto, Vascular, a recipientes ou encofrados de cemento engádense, ademais, pólas de árbores, anacos de flores ou follas, e todo de grandes dimensións. Follas, ramas, situadas de xeitos moi dinámicos e en formatos que en nada lembran á realidade natural. Estará a facer, June Crespo, choscadelas á Pop Art? Eses xeitos de agrandar as cousas, facendo de pequenos obxectos -de veas polas que viaxan fluídos esenciais- unhas estruturas descomunais, foi (e aínda é) unha práctica habitual de artistas da Pop Art como van Bruggen e mais Oldenburg (Estes dous artistas -responsables de tantas pezas, “megapezas”, que inzan espazos públicos de calquera continente- crearon para o concello de Barcelona, en tempos das Olimpiadas, a obra Mistos –unha xigantesca caixa de mistos que ocupa unha praza enteira-).
Precisamente nestes meses, e paralelamente á mostra Vascular de Crespo, o Museo Giggenheim presenta a exposición Signos y objetos. Arte Pop de la Colección Guggenheim, onde é doado asistir a eses xogos -entre o consumismo e a crítica social- que tanto practicaron, e practican, os artistas da Pop Art. Gustaralle a Crespo apuntarse a este xogo, dinámico, irónico, que permite a manipulación da realidade tal e como se concibe na consumista e dilapidadora lóxica neoliberal?
A carón da exposición da Pop Art e mais de Vascular de Crespo o Museo Guggenheim ten instalada, tamén, unha terceira mostra: Giovanni Anselmo. Más allá del horizonte, a presentación dun escultor amante das esencias, das preguntas metafísicas e mais dos xogos de forzas físicas. Por tanto, as propostas copulativas de Vascular non están illadas, forman parte dun todo expositivo onde as canalizacións de Crespo sobrepasan as salas e achéganse a obras doutros escultores, mesmo se achegan ás patas da famosa escultura Mamá, de Louise Bourgeois, que se atopa nas aforas do museo. Que plasma creador percorre tantas pezas?, que esencias produtivas ocupan todo o Museo Guggenheim actualmente?
As pezas que Crespo presenta nas salas do Guggenheim (realmente semellan creadas para habitar ese interior), entre xogo e pulsións, favorecen a fluidez de esencias básicas. Todo vai rodando dunha obra a outra, e mesmo chega a outras mostras e espazos do museo. Ante a proposta de Crespo, Vascular, tense a impresión de estar a escoitar un río de blues, tal como os que entoa John Lee Hooker, saba de queixa e pracer, ou o que acontece cando se len e asimilan os relatos de Lucía Berlin: o palpito de asistir á celebración de Literatura con letras grandes e presenciar, ao tempo, o discorrer da atribulada biografía desta formidable escribidora.
June Crespo. Vascular. Téxtiles, artesanía tradicionalmente feminina?
Tengo una intuición de por dónde ir, también la experiencia pasada de hacer otras piezas y, sobre todo, empiezo por el impulso o ganas de hacer algo o juntar algo. La certeza es intermitente, hay muchos desvíos, accidentes, cosas que técnicamente no salen, cosas que hago con un propósito pero que terminan en otro lado. Soy bastante flexible para adaptarme y trabajar con lo que sí hay y no tanto con lo que me imaginaba. (…) Lo importante para mí es mantenerme en acción, aunque también me estanco, claro. (J. Crespo, en conversa co pintor Iñaki Imaz, 2017).
Nalgunha entrevista concedida pola excelente escultora, Crespo ten afirmado que se sente próxima, nos xeitos de traballar e mesmo nos contidos das súas creacións, a compañeiras súas de formación e/ou polo feito de ter idades similares. Para coñecer os eidos polos que se moven as inquietudes da escultora, ten citado a Elena Aitzkoa, un verdadeiro vendaval creador: para pulsar con toda a forza as realidades nas que se move, practica a pintura, a escultura, o debuxo, e mesmo é poeta e fai performences. Polo que se refire a outra das súas coetáneas, Claudia Rebeca Lorenzo, as súas prioridades van polos mundos antropocéntricos, con dedicación especial ao tema dos bustos (a súa presenza na historia da arte), botando man para iso tamén de diversos materiais e acabados. Ou tamén Lorea Alfaro, neste caso interesada principalmente polas imaxes en movemento, polo vídeo. Tense dito de Crespo que as súas obras enténdense moi ben se se analizan dentro das liñas definidoras da arte en Euskadi nas últimas décadas. Todas as artista agora citadas (e June Crespo tamén) viven e traballan en Bilbao, o que axuda a que se teña formado un grupo moi interesante de artistas que expoñen xuntas e que intercambian as orientacións das súas inquietudes.
A magnífica exposición Vascular presenta nesa escultura habitable que é o Museo Guggenheim de Bilbao un total dunhas 30 obras. Algunhas xa coñecidas, mentres que a meirande parte foron concibidas ex profeso para estar situadas nas salas do Guggenheim. Vascular é un substantivo, un concepto, que refire directamente a circulación de fluídos esenciais por dentro de vexetais (a sabia, por suposto) e mais dos animais (o sangue). Xa se dixo que algúns dos elementos que Crespo emprega para elaborar as súas pezas son elementos recollidos de producións industriais como anacos de canalizacións, tubos, etc. Tales materiais xa dan pistas sobre o propio titular da mostra. A colocación e disposición das pezas que a propia escultora decidiu ten como propósito que haxa comunicación entre todas as obras presentadas, como se un fluír de enerxía, de vasos comunicantes, estivese dando alento a ese todo escultórico e matérico. Crear vida.
No ano 2021 a Fundació Miró de Barcelona organizou unha interesatísima exposición temporal que levaba por título El Sentit de l’Escultura onde se viña a investigar se o tratamento de novos materiais, de novas tecnoloxías, viñan tendo tanto ou máis peso nas creacións escultóricas do século XXI como aqueles temas que antano mandaban. Para aquela ocasión, a artista June Crespo estaba representada pola súa obra Cheek to cheek, 2015. Crespo, que traballa moito con formigón, con pezas metálicas, … decidiu neste caso concreto confrontar corpos humanos (ou partes deles). Ese xogo teno feito noutros casos, e con toda a ironía posible: con dous anacos de radiadores de ferro, un por riba do outro. No caso de Cheek to cheek executa o mesmo criterio: dous anacos de formigón (que parecen insinuar as partes do ventre e comezos das pernas de dous corpos diferentes) un montado no outro, e vestidos con diminutos anacos de pantalóns, diríase que texanos. Cómpre reparar que a expresión Cheek to cheek (Meixela con meixela) está tirada dunha canción que cantaba e bailaba Fred Astaire (Cheek to cheek).Tamén aquí Crespo botas man do xogo, de combinar materiais tan pouco “carnosos” como pode ser o formigón para ofrecer unha composición entre cómica e erótica, pube con pube, a aproximación sexual de dous bloques de cemento. Esas partes tan particulares de dous corpos humanos van, por riba, vestidos. A dúbida pode ser: o anaco de formigón que parece representar un corpo feminino ten que ir en cor rosa necesariamente?
Unha constante en moitas das pezas de June Crespo é o emprego, a carón de materiais metálicos, de produtos téxtiles. Xa se viu na peza comentada anteriormente. As pezas ou anacos de tecidos serven para unir, para dar outra dimensión ás obras. Dimensións máis humanas. Tal é o que acontece en Am I a object (2022). A posible interrogante diríxea a autora a un tubo cilíndrico posto de pé dentro do cal hai un saco de durmir. Un autorretrato, quizais? No uso habitual de elementos téxtiles proxecta Crespo sororidade?, certa identificación dos tecidos co traballo artesanal que, perante milenios, executaron prioritariamente as mulleres? Nos derradeiros tempos estase a ver que moitas artistas traballan e reivindican os traballos con tecidos, con materiais téxtiles. Un dos casos máis coñecidos é o da artista bencoñecida e comprometida coas loitas feministas Teresa Lanceta. Hai un par de anos o MACBA presentou unha ampla e excelente mostra dos traballos de Lanceta: Teixir com a codi obert. Neses traballos hai reivindicacións da artesanía, hai reivindicacións dos traballos milenarios que de xeito anónimo e calado foron exercendo as mulleres principalmente? Segundo declarou Lanceta: Reclamo que la belleza de una alfombra sea considerada una unidad de tiempo, no contada en horas o machacada como mercancía. Las alfombras son pensadas y sentidas más allá de esas horas fijadas en el taller.
Non sería a primeira vez que se reivindican como Arte con todos os dereitos unha actividade que perante moito tempo se tivo como “menor”, artesanal. No ano 20 O MNAC presentou unha espectacular exposición titulada William Morris i el moviment Arts & Crafts a Gran Bretanya. Esa mostra foi unha ocasión excelente para admirar como artistas do século XIX reivindicaban, contra vento e marea, a artesanía, o traballo das mulleres.
Agora Vascular é unha oportunidade excelente para viaxar polas veas dos pensamentos da escultora June Crespo.
❧
EXPOSICIÓN: Vascular, Museo Guggenheim Bilbao, ata o 9 de xuño de 2024
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.