Empeza sempre cun tremor.
Un asubío constante
a frecuencias altísimas.
As pantallas anúnciano de maneira obsesiva
os días previos
—tormenta eléctrica da hora cuarta á quinta,
permanezan a cuberto—.
Logo vén a interferencia.
Todo canto ven os ollos
descomponse en arestas movedizas
—o que os antigos chamaban glitch—.
A cor estoura frenética
e custa termar do corpo.
Durante esas horas
os cantos dentados das nubes son
terriblemente perigosos,
un tren pode descarrilar sobre a terraza do bar
e a casa
percorrer nunha parábola varios quilómetros
sobre o mar
para despois
regresar intacta.
*
Noite. Verán.
Un exército de lucecús invade o espazo.
Ninguén baila.
Entre a multitude
ti, a única coas mans baleiras,
lamentas
—oxalá o brillo da pantalla
para escoitar mellor a música—.
*
Amencer.
O LED
—o que os antigos chamaban sol—
préndese
á hora programada.
Cambia de intensidade
en función da violencia dos días.
Hoxe preséntase unha xornada
alegremente sobreexposta.
Hai unha certa suavidade naquilo
que carece de vértices.
A mirada navega
á deriva.
Nos días previos ás Actualizacións
todo parece velado por un manto vermello.
A pulsión do tránsito,
unha ameaza.
*
Podes saltar o anuncio en 5 segundos
Cando sorrís,
do bordo dos teus ollos emerxen
tímidos regueiros de sombra.
Na pantalla,
cada engurra é a greta
que escindiu Panxea.
Por iso aprendiches do encoro a conter o xesto.
A manterte intacta ante a tiranía do píxel.
Sabes que aquí nada escapa á
alta resolución, á
alta
definición:
Panóptico.
*
Non che abonda o poema
para compartir a intensidade daquel azul.
Si a máscara.
Prefires interpoñer un filtro
entre a realidade e ti e mailos outros.
Que a imaxe preñe de adxectivos
que o rexistro supere ao instante
a aparencia á experiencia
e na túa man
un contador de impresións para medir
se ese momento
mereceu a pena.
*
Suxeito 01000011
Investín 262.800 horas en ensamblar cada píxel
desa imaxe que ves na pantalla.
87.600 horas naquilo que non podes ver, pero intúes.
O códec que me define.
Iso foi o máis difícil.
Pensar: que quero pensar,
como quero parecer,
como quero perfilar
a miña eu.
Todo o que está no envés da imaxe.
Todo o que, sabemos, pouco importa.
175.000 horas custoume cicelar o que falará
por min
aínda que enmudeza.
Dedico 4 horas cada día
a alimentar esa imaxe de min nas pantallas.
Unha vez exporto a versión final do deseño,
consagro as horas en mantelo intacto.
Non saír á rúa, non falar demasiado longo.
Non quero que se descubra que
eu
non son tan eu
como dixen ser.
*
Suxeito 01000111
Cando desaparezamos
e de nós só quede
un rastro de decibelios
crepitando a ras de chan
saberá alguén rescatar
os nosos cantos
soterrados por un balbordo de
redes, tráfico e metadatos
e destilar
do que dixemos
o que queriamos dicir?
*
**
Celia Parra (Ourense, 1990) dedícase á produción audiovisual e á poesía. En 2018 publica o seu segundo poemario, Pantallas, na Editorial Galaxia. Co seu primeiro poemario No berce das mareas (Ed. Fervenza, 2009) acadou o Premio Avelina Valladares, ao que seguiron diversos recoñecementos. Neste tempo, ten publicado poemas en revistas como Dorna, sèrieAlfa, Luzes, Oculta Lit e HeadStuff. Forma parte das antoloxías No seu despregar (Ed. Apiario, 2016), 13. Antoloxía da poesía galega próxima (en edición bilingüe Galego-Castelán por Ed. Chan da Pólvora e Papeles Mínimos, 2017) e Calpurnias, mulleres poetas ourensás (Ed. Cuestión de Belleza, 2019), entre outras.
Foi creadora da idea orixinal e produtora executiva do documental sobre videopoesía Versogramas (dirixido por Belén Montero e Juan Lesta, 2018), publicado tamén en formato libroDVD pola Editorial Galaxia. Os seus videopoemas propios como autora foron seleccionados e galardoados en numerosos festivais internacionais. Actualmente traballa como asistente de produción executiva en Setembro Cine e como coordinadora da Asociación Sindical Galega de Guionistas. (Fotografía da autora por Alba G. Gallego)

7 poemas do libro Pantallas (Parra, Celia. Editorial Galaxia, 2018)
Cura
Curadoria de Tiago Alves Costa.
You might also like
More from Celia Parra
Versogramas, por Celia Parra
O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía, Versogramas, presenta campaña de crowdfunding. O directores Juan Lesta e Belén Montero …
Entrevista | Celia Parra: “Entendo as artes como expresións dun sentimento”
- Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia e o audiovisual? - Celia Parra: Poesía e audiovisual sempre foron para …