Bébesme Cízico no canto das sereas nace a partir da lectura dun mito grego, relatado nos Cantos argonáuticos de Caio Valerio Flaco, e tamén na Viaxe dos Argonautas de Apolonio de Rodas. Clite era a muller de Cízico, rei de Cízico (reino situado no mar Negro, hoxe Bal Kiz, en Turquía), un pobo pequeno de pesca. Vivían en paz ata o día en que chegaron Xasón e os Argonautas e, despois de grandes festas en amizade, cando xa pensaban voltar no seu barco, por unha confusión, mataron a Cízico. Cando Clite se enteirou da morte do seu home quitouse a vida, aforcándose nunha árbore. No lugar do suicidio as ninfas fixeron brotar unha fonte.
Neste poema, Clite é a muller dun home do mar, Cízico, a quen espera cada día, sen saber xa se desexa ou non o seu regreso, pois ela sabe que un día non voltará. Cízico morre no mar e ela, como a Clite do mito, suicídase.
É esta a versión electrónica do libro de artista Bébesme Cízico no canto das sereas, editado por arTeu, con 15 exemplares asinados e numerados, impresos en papel Canson edition 250 gr. e ilustrado con cianotipias, tamén da autora (aquí amósanse unha selección das mesmas).
Creado para o proxecto de intercambio artístico con Londres e Ullapool, Portable. Algúns dos versos do poema foron traducidos ao inglés por Tati Mancebo, acompañando o libro na exposición de Londres.
***
Enviareiche os ollos
cando a noite narcotice os peixes
enviareiche a boca
aberta en sílabas de anémonas
enviareiche a voz
en arroaces que soñan
enviareiche o corazón
latexando silencios
enviareiche o corpo
vestido de cinzas de lirios brancos
***
***
Precipitouse o soño na noite
unha sombra tingue o leito
de salmoira
e empezoña o aire co medo
achégome á fiestra
a morte atravesa veloz o asfalto
cun lapis gris
tiro unha liña que divide o leito
unha liña que debuxa o océano
***
Pecháronse os ollos cos dentes dos peixes narcotizados
Extraviouse o canto
as anémonas selaron as sílabas do bico lento
calou a voz no soño dos arroaces
o silencio deixou o corazón mudo
e a cinza dos lírios
cubriu o corpo de nubes.
***
Quixen enfeitizar o niño do tempo
atarlle ás cunha soga
e tirar delas ata amarralas
no comezo das túas bágoas
mais non fun eu quen te precipitou
no fío dun ronsel de morte
foi a estirpe do mar
quen te ofrendou ao alento dos mascatos.
***
***
Morrerei en ti
sobre un leito de augamás
despoxada do camisón de liño
morrerei en ti
prendida a nudez no tránsito do andamán.
Cheira o mar a corpo de sal
a silencio de bolboreta
pero eu de auga
a fonte e o río.
***
Non hai tempo de espera
repousan os corpos sobre a liña gris
e comeza a chover
na copa azul que adormece.
***
O libro artista Bébesme Cízico no canto das sereas está formado por 15 exemplares asinados e numerados, impresos en papel Canson edition 250 gr. e ilustrado con cianotipias. Nesta versión hai unha selección das cianotipias da edición orixinal.
Creado para o proxecto de intercambio artístico con Londres e Ullapool, Portable, con traducións dalgúns versos ao inglés realizada por Tati Mancebo.
Inma Doval Porto
Cecebre, 2015
You might also like
More from Ilustração
NOVAS VELLAS MARXES: Afra Torrado, multidescendencia do eu | Emma Pedreira
Proxecto Nómades: mostra "Mete coitelo, bota tripas", de Afra Torrado; crítica realizada por Emma Pedreira.
Ariella Aïsha Azoulay & Charlotte Posenenske
Ariella Aïsha Azoulay & Charlotte Posenenske. Na Fundació Antoni Tàpies as investigacións de Ariella Aïsha Azoulay e no MACBA as …