«No Principado de Lu, o Analista das Palabras escribiu:
“Durante o vixésimo quinto ano do reinado do Príncipe Chao, Ki Ping Zi convocou o Grande Conselleiro e pronunciou este discurso:
—A miña familia non cesou de prosperar. A riqueza e os trofeos acumulados polos meus Antepasados son boa proba da nosa Virtude. A profecía que lles foi revelada, que aseguraba un glorioso porvir para os seus descendentes, mostra que o Ceo está connosco. Non podo comportarme como un covarde nin fuxir do meu destino. É propio do Poder o medrar sen cesar e da Virtude manifestarse mediante actos. Todos saben que debe reinar aquel cuxo Prestixio supere o dos máis. Credes que infrinxiría a lei se un día tomase o posto do Príncipe Chao?
O Grande Conselleiro respondeu:
—Debo, en xustiza, contestar o seguinte: a Virtude do Príncipe Chao esgótase. O Espírito dos seus Antepasados está desfalecido pola fame e a sede. Xa non ten descendentes dignos que os podan honrar. Quen non pode alimentar os seus Antepasados non pode alimentar un país. Os tempos mudan, e os ciclos alternan. Tras a seca vén a inundación, tras a paz vén a guerra.» [Do capítulo O PRÍNCIPE CANIBAL, páxinas 52-53]
Caminos bajo el agua
(Título orixinal: Les chemins sous l’eau)
Catherine François
1999 | Pre-textos
Este libro é sen dúbida unha das obras que máis me teñen impresionado nos últimos anos. Son tantas as emocións que me produciu a súa lectura que debo recoñecer que non sei moi ben como renderlle a homenaxe que merece. Non me facía facía falta, estimo eu, terme aproximado durante anos ás artes marciais chinesas e a algúns textos taoístas para desfrutar dunha obra que contén tanta sensibilidade, tanta humanidade e tanta poesía, no sentido máis amplo do termo. Mais por ese lado tamén deu no alvo.
Fixádevos na existencia dese personaxe denominado Analista das Palabras, ou no cometido do Grande Conselleiro, especialista na proxección da tradición familiar no destino persoal, o que vai afectar directamente a decisións políticas de máxima relevancia. E sobre a frase “Quen non pode alimentar os seus Antepasados non pode alimentar un país”, non tedes a intuición de que contén unha verdade universal que por non atendida está a pasar factura ao noso vello país, como se se tratase da fada zangada que por non ter sido convidada enfeitiza a Bela adormecida?
Estas e moitas outras cuestións poden razoarse destes Camiños baixo a auga, obra que se alimenta das fazañas bélicas, as obras civís, as reflexións filosóficas, políticas e espirituais que foron conservadas nos textos tradicionais chineses á volta do Río Amarelo. A partir de lendas dispersas e un inxente traballo de documentación histórica, estes acontecementos míticos chineses cobran un valor literario solidamente erguido grazas á mestría narrativa e a sensibilidade poética de Catherine François. Eu só pretendo mostrar algúns trechos do moito que neste libro atopei, até porque escribir algo intelixente sobre un texto tan redondo é algo que non me atrevo a encetar ante un risco tan evidente de ficar lonxe, moi lonxe, da elegancia e profundidade discursivas que se precisa para estar á altura. Así as cousas, presentarei excertos escollidos que adaptarei ao galego, para a que conto co permiso da autora.
A. F.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …