Veño de escribirme con Xosé Carlos Caneiro por primeira vez. As miñas espectativas era enormes, pois se trata do escritor a quen máis lle ouvín e lin dicir que unha das grandes necesidades deste país era a creación de debate cultural. No entanto toda a ilusión foi deitada no lixo na primeira ocasión. Aconteceu que, aínda que el se permite criticar todo o que se lle pon diante dos ollos, ante unha leve crítica de Martin Pawley sobre a calidade da lingua literaria da súa ultima novela, xa se puxo a repartir fungueirazos sen cesar. A a miña sorpresa por esta actitude foi absoluta, pois el é quen se reclama inouvido dinamizador do debate cultural. Escribinlle entón unhas liñas para mostrarlle o exceso da súa reacción:
«Señor Caneiro:
Vostede sempre di que non hai abondo debate cultural neste país, mais parece que encaixa mal as críticas negativas por pequenas que sexan. Esa é sen dúbida unha actitude pouco favorábel ao debate, e máis nesta ágora, onde tantos podemos falar case a un tempo.
Por outro lado, penso que o seu incomodo é excesivo para as palabras de Pawley quen, na realidade, só valorou o seu estilo literario. Cre que unha afirmación tan breve debe provocar en vostede tanta queixa, tanto lamento, tanta interrogante, tanta, en definitiva, verborrea emotivamente desmedida? Non me diga que vostede só viviu coa súa aboa até onte, pois todos sabemos que é un escritor recoñecido como poucos e que non deixa de prodigarse nos medios opinando das obras, dos pensamentos e das accións dos máis.
Aguante un pouquiño o tirón, señor Caneiro, é a miña recomendación, e permita que todas as afirmacións que deita nos medios ao cabo do mes podan ter algunha resposta dos seus ouvintes e lectores, aínda que non sexa sempre favorábel. O desexo de debate cultural obríganos, como mínimo, a este esforzo.
Por certo, o Martin Pawley fala con tal nome nun medio radiofónico no que vostede tamén colabora. É ben coñecido no ámbito dos blogues, do cinema, da literatura e da radio. Non me diga que vostede só escoita a radio para ouvirse a si mesmo?
Por outro lado, cando se dirixe ás persoas como “redactor de ínfimo talento” [v. g. Santiago Jareguizar] e “muchachote grispálido” [v. g. Martin Pawley] vostede non elude os calificativos lapidares. “Se vos mancan a arrebolardes pedras non veñades dicindo que as vosas eran máis pequenas”, dicíanos a avoa cando cativos.»
Ao que el respondeu:
«Sr. Alfredo Ferreiro, tamén denominado o levantador de minas (blog onde tamén se profesa un desmedido cariño con respecto á miña obra); 1, cando eu emprego o menosprezo é sempre porque ese menosprezo (multiplicado) foi utilizado en contra de min. 2, e reitero, critíquenme vostedes dende a literatura, será un pracer escoitar as súas leccións e aprender delas. 3, ¿vostede cre realmente que non me teño que sentir ofendido con que lapiden unha obra que me rabuñou as entrañas cun simple “delirio romanticón” desargumentado e categórico? Un saúdo.»
Así as cousas, eu repliquei:
«Señor Caneiro:
Di vostede ironicamente que no meu blogue se profesa un desmedido cariño con respecto á súa obra, dando a entender que é abertamente deostada nese ámbito. Eu non valorei a súa obra, que non coñezo, e só falo do que leo esforzándome moito por afirmar con argumentacións propias, e nunca falando por terceiros sen recoñecelo (pode ver que tampouco permito a proliferación de comentarios desrespeitosos). Se se fixa mininamente sobre o que dixen da súa obra verá que critico unicamente: a) a confusa e venenosa redacción dunha coluna da Voz; b) o seu libro “Os dominios de Caín”, do que digo que é antes do que nada un exaxerado exercicio de egocentrismo, o que se pode comprobar con asombrosa facilidade cuantificando pronomes singulares de primeira persoa (o libro compreino e teño subliñados todos os casos, o que permitiría elaborar unha estatística reveladora a respecto do total do volume). Así as cousas, saco en conclusión no primeiro contacto directo con vostede que se revela como unha persoa maniquea e desmesurada, coa que é realmente difícil debater sen baterse.
Teña por certo que nunca falto ao respecto ás persoas, e se pensa que por unas breves opinións sobre unha obra súa xa a valoro negativamente na súa integridade entón prefiro absterme de escribir sobre o que fai. Non me merece a pena prestarlle atención á obra de alguén que non acepta os termos universais de debate. Máxime cando é alguén que non se priva de afundir na miseria total cos seus comentarios non só a obra de calquera (”Pérez-Reverte escribe unha literatura (chamémola taquigrafía) plana, profusamente informativa, carente de matices”), senón a literatura galega enteira: “Vivimos na ditadura do simplismo”; “A estética dominante é pois a estética da mediocridade, da vulgaridade, da morneza ou medianía intelectual”; “A estética da mediocridade reside no mundo global que habitamos”; “Eu, evidentemente, négome a entrar nese círculo de sometemento e inanición literaria”; “a infinita potencialidade do talento galego […] está por riba das cotas alcanzadas na actualidade”; “as estéticas reinantes son as das medianías, as da banalidade, as do todo vale por ocupar un lugar nos medios de comunicación”, etc (de “Os dominios de Caín”). Recoñece as súas palabras poñendo na picota todos os escritores galegos salvo algún morto e o que ve no espello?
Como intúo o traballo que dá escribir unha novela tan só mediocre, e non quero que pense que como escritor desvalorizo ese esforzo, aquí termino. Ten todo o meu respeito como persoa, e teña tamén a partir de agora o meu desinterese por crear con vostede calquera debate cultural. Xente sobra neste país máis interesante intelectualmente. Semella que con vostede só se pode xogar a facerlle cóxegas no embigo.»
Despois de todo isto, e tendo en conta o pouco que escribín sobre el neste blogue, pois máis ben o deixei falar através de citacións da súa obra, quero anunciar que perdín o interese por reflexionar sobre a obra deste autor. Parece inevitábel que calquera crítica ten de ser interpretada como un ataque á súa persoa, e non desexo referenciar obra súa con estes condicionamentos. Deséxolle que continúe a publicar sen máis acompañamento que as lindas palabras de quen o adora, se é iso o que quere. E rógolle que non nos amole máis coa necesidade de debate cultural.
Revisión 26/08/08: a conversa con Xosé Carlos Caneiro continuou un bocadiño máis no seu blogue. Teño que admitir que as hipóteses de debate entre nós melloraron coas últimas intervencións, pasando da imposibilidade a unha patente incerteza.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …