Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot.
Meu pranto
Meu pranto é a cruz que me condena,
meu pranto vai pola xustiza escrava,
meu pranto é cadea que me ata,
a todos os oprobios cometidos.
Meu pranto é unha selva de promesas,
perdida en labirinto de xacintos,
meu pranto é un martelo que golpea
a todos aqueles que dominan.
Meu pranto é un río desbordado,
que sempre vai en contra da maldade,
meu pranto é unha ferida aberta,
meu pranto é conciencia proclamada.
Meu pranto é por fin, afín a un berro,
que se escoita nun planeta desolado.
Meu pranto é unha inmensa bágoa.
Lágrima, que xamais será vencida.
*
A miña risa
A miña risa é concerto inesperado
de sons recreados nun gran soño.
A miña risa é bailarina executante
en tubos de cristal e alegre xeo.
A miña risa é un clamor de mil campás,
desatadas no limiar da túa estrela.
A miña risa é unha choiva azul de dardos,
que acenden e aceleran as cometas.
A miña risa é o ritmo dunha onda
que rompe o equilibrio contra o vento.
A miña risa é un don que ao tempo escuro,
axóuxeres de prata lle regala.
A miña risa soa a auga de cen fontes,
a miña risa é un arco de promesas.
A miña risa e o relampo dunha risa,
é un ruído estrepitoso de metais.
A miña risa é toda túa; a ti cha entrego.
*
Anxos
Anxos que perdedes aos cativos,
que os deixades esvarar polas rompentes,
anxos que afogades baixo as augas
os sorrisos confiados e inocentes.
Anxos que vestides brancas túnicas,
e portades espadas de tres gumes,
anxos que destruídes nun instante,
castelos de ilusións que son lexítimos.
Anxos de voo devastador,
que obrigades os nenos a rezar,
e a ter medo deses ollos, que son brasas,
anxos que estades en todo e en ningures,
proclamados nun rumor de abellas negras.
Anxos avaros do seu mel,
anxos destrutores da inocencia,
anxos que sorrides como ortigas
e apestades a mercurial veleno.
Anxos que tedes dedos coma serpes,
e con eles dispersades as tristezas.
E partides corazóns igual ca noces.
Multiplicándovos
na escuridade dos días.
*
A miña pena
A miña pena é sentimento irrenunciable,
a miña pena xurdiu cun primeiro pranto.
A miña pena é un berro de silencio,
é unha dor, lacerante, unha condena.
A miña pena enraizou na miña alma,
a miña pena é un deserto desolado.
A miña pena é un vento que me abrasa,
a miña pena é a couza que me roe.
A miña pena é como unha fiestra cega,
a miña pena é un pozo de secretos…
A miña pena encadeada ao meu destino,
sempre vai comigo e non me deixa.
A miña voz
A miña voz son eu mesma na palabra,
a miña voz é un don que me enaltece,
a miña voz é o martelo que golpea.
A miña voz é o son que me distingue
das sombras e da mudez das pedras.
A miña voz de manancial, é voz de río,
que xurdiu para ser sempre escoitada.
A miña voz é o cantar que anaina un neno
A miña voz é grito aberto que condena.
A miña voz é un lamento de xasmíns.
A miña voz ole a rosas de azafrán.
Resonancia que se escoita en todas partes.
A miña voz son as cores dunha idea.
*
A tarde
A tarde é un cadaleito de cobre.
A tarde é un proceso xa gastado.
A tarde é unha luz indecisa.
A tarde e un xardín baixo das augas.
A tarde é confín dos meus temores.
A tarde é unha nube adurmiñada.
A tarde son lembranzas que regresan.
A tarde é a escola do meu tempo.
A tarde é o ritmo dunha tregua.
A tarde e un suspiro moi profundo,
dividida en cen mil berros desgarrados.
A tarde que proclama as súas estrelas.
E fere a súa sombra o meu espazo.
A tarde é limiar da escuridade,
A tarde lentamente nace cega.
A tarde é para min desasosego.
A tarde é silencio e desamparo.
A tarde e a ausencia dunha voz.
A tarde é no forno o pan do medo.
É un debuxo de merlos que agonizan.
*
Numeral
O un busca ao dous desesperado,
o dous ten a chave dun terceiro,
o tres é obxecto deses dous,
o catro é un enlace programado.
O cinco é coma o vento e a semente,
o seis é multitude dispersándose,
o sete xa é un pobo engrandecido.
o oito resístese, mais é cercado.
O nove triúnfa sempre nas batallas,
o dez foi vencedor, vencido agora,
o once queda en medio extraviado,
o doce é perfecto e pecha o círculo.
O trece desaxusta o equilibrio,
catorce e quince son exércitos de rosas,
o dezaseis é clamor de espada e dardo.
Os demais encadéanse os uns aos outros.
E así, ata contar por infinitos.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
De oficio sepultureiro
Sebas era sepultureiro, como o foran o seu pai, o avó, seu bisavó e máis o tataravó. Era o seu …