A lectura de “Esferas” de Peter Sloterdijk fíxome pensar, de xeito figurativo, no furacán. O furacán como forza perturbadora da natureza achégame unha referencia sobre o individuo no espazo.
Na astronomía de Aristóteles existe o que é movido, o que se move, e o termo medio, o que se move sen ser movido: esencia pura, ser eterno. O espazo estático sería o tempo sen tempo.
No furacán as melenas de forzas viran elipticamente cara a unha dirección. O furacán é un meteoro que se despraza pola atmosfera coñecida. O meteoro, polo contrario, é unha masa compacta que se despraza polo espazo, fóra da atmosfera. Conforman, ambos os dous, un interior e un exterior dun corpo que é o noso planeta.
O furacán está formado de materia leve, aérea que vira destruíndo. No centro: a calma. No centro do furacán o círculo aniña. Aniña o ciclo círculo, o ciclo de vida, morte e resurrección. O que o budismo, o hinduísmo e outras relixións, chaman o samsára. As forzas xiratorias das accións da vida (o dharma: accións do ben, e o karma: consecuencias das accións) determinan a involución ou a evolución nun futuro.
O círculo oriental do samsára é ciclo vital, determinante, actúa dentro do tempo. Pero o círculo da calma occidental é un estado de ánimo determinado pola ausencia do tempo e que está influído e déixase influír pola súa percepción íntima e subxectiva: a psique, na súa definición clásica: “Conxunto de procesos conscientes e inconscientes propios da mente humana, en oposición aos que son puramente orgánicos”. Separación diádica entre mente e corpo, dous círculos concéntricos. Porque o planeta, o furacán, a psique, son díadas. Sería interesante destacar aquí, a distancia que establecen Félix Guattari e Gilles Deleuze no Anti-Edipo contra Freud e Lacan e a súa interpretación psíquica das motivaciones orgánicas. O ser como máquina deséxante fronte aos arquetipos Freudianos. Pero esta é outra cuestión, aínda que nos obriga a recoñecer dous círculos, diádicos, de percepción ao redor do ser.
O círculo interior da calma é a xema do ovo rodeada pola clara. A clara é o núcleo, lugar xenerativo; rodeado do útero, matriz, círculo concéntrico, lugar exterior. A psique, ollo sen pálpebra, ve a súa configuración psíquica rodeándoa, pero sen, aparentemente, poder modificala. É arrastrada sen que ningunha forza a mova. Debatese no perfecto éter do ser en ebulición estático, vendo á súa ao redor, desatadas todas as posibilidades do seu ser en constante destrución.
Átomo primario creador do cosmos no big-bang, o eu estala en choro de separación ao aparecer fronte ao mundo, un mundo que nace aos seus ollos segundo os seus ollos fan nacer ao mundo. Nese estado de unidade diádica permanecerá para sempre. O perfecto equilibrio do ser, rodeado de forzas extremas que lle agardan e que son a vida e que lle obrigan, para preservarse, a formar outras díadas de protección. Da díada placenta-feto, ás díadas nai-fillo, cidadán-estado. Lugares de protección influídos pola primeira estancia no seo materno e que busca a similitude diádica.
O furacán é a destrución creada por elementos ordenados doutra forma á que, no seu estado anterior, aínda que aleatorio, estaba conformado. A temperatura alterada na auga do mar e no ar, xúntanse para crear o furacán. Os elementos exteriores, magmáticos, reorganízanse para xerar, e no centro da xeración destrutiva, a calma.
O eu do ser é este centro de gravidade rodeado de forzas extremas. E chamamos psique a esa percepción. Unha percepción do mundo quebrado e que, aparentemente, non podemos modificar. Freud, Lacan e outros psicanalistas intentan romper esa dualidade e buscan deconstruir (volver reorganizar sintacticamente) os flocos destrutivos do furacán e concentrar todo no núcleo da calma, a estática contemplación dun eu tan etéreo e fóra do tempo como os místicos pensan na contemplación divina.
Por iso lembramos o que posuímos e posúenos: esa calma extrema do círculo rodeado de flocos do noso pensar e do noso sentir que flúen fóra de nós, destruíndo. Lembramos o que tamén somos, un centro de calma etérea cercada por pantasmas que se desataron, ou foron vistos desde o noso interior, para exteriorizarse. Seica a memoria non pode ser un círculo de recordos destrutivos que aniquilan ao eu quedo fronte a un ser quebrado e que busca desesperadamente ese ciclo de calma tan anestesiante como terapéutica?
O furacán é o eu do ser fronte ao mundo. O interior do eu fronte ao eu exteriorizado. O eu que se ve polarizado en dous estados que son Un, porque o un emana do outro e o outro xorde do Un. A dualidade do eu. O eu na súa díada, é o seu propio dobre. Pero vive esa experiencia perturbadora da visión das forzas destrutivas nunha lembranza de algo que xa posúe, a calma. Unha calma edénica na súa lembranza.
Pero é un Edén non perdido, non bíblico. Non é un Edén que se lembre para o retorno. Este é un Edén que permanece estático fronte á contemplación do propio ser fragmentado polas súas propias accións, ou o que a súa psique proxecta como accións que poden ser causantes da destrución do eu.
O centro do furacán é unha das esferas de Peter Sloterdijk: un espazo de inmunidade para protexernos fronte a un exterior ameazante.
O furacán é o noso dobre que envexa unha calma da que el é parte centrífuga.
Saber vivir no centro da calma do furacán, mentres ao noso arredor están desatadas as forzas máis extremas que o noso interior proxectou, ou o mundo fai visibles para deformar a nosa visión, é o achado de que fronte ao metafísico ollo de Deus, fracaso monoteísta dunha realidade compacta, queda o ser espido, que afronta a fragmentación destrutiva do seu ser coa calma xenerativa dun eu aclimatado, coñecedor do seu dualidade e da capacidade de reordenación desa díada no intre en que a acepta para convivir con ela.
En “Esferas III”, Peter Sloterdijk proponnos, ante a imaxe do ser convertido en furacán, a figura de Espumas, forma multiforme que se adapta ás tensións sen necesidade dun centro. Centro sen centro. Círculos en expansión onde o individuo manéxase nas complexas relacións do mundo actual, multiforme, afastado das conviccións clásicas dun Todo que se pechaba en si mesmo e a un individuo que vía a rotura do círculo exterior desde un interior arelado e sen vivilo.
*
*
You might also like
More from Ensaio
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez lembra aquele tempo, «quando alguns jovens esperavam o fim de um …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …