É este que tes entre as mans un libro intenso, dos que non deberían quedar sen ler nos andeis das nosas librarías. É un libro que berra desde o silencio e visibiliza a dor desde o centro do corpo da muller.
Polas súas páxinas escorregan baldosas hidráulicas encharcadas en sangue. Sangue que mana desde «o fío exquisito da alma/ (…) que non sabía que tiña». Este chan hidráulico que lle quitaron de debaixo dos pés e xa non ten superficie sobre a que camiñar por iso debe ficar inmóbil, agardando a que o outono pase, «podería estar deitada todo o outono como nunha enfermidade estraña». O libro sitúase na eternidade do momento exacto no que deixas de crer e descrés. Colócase na perda da infancia, da parella, d@s bebés non nad@s «… en todos os idiomas hai unha palabra para perda».
Mentres aínda están vívidos os saloucos do amor, caen ao mesmo tempo todos os recordos que gardara para expor nas vitrinas ao mundo. Nese intre xorde o sentimento de estrañamento, de alleamento dunha propia e nace a autoexclusión necesaria, a matriosca perversa e o lugar onde ficar inmóbil con todas ascrebas do amor sen recoller e sen poder colocar, «agora o sangue de que non fomos/ estame tinguindo de lume nas pestanas».
Só resta chorar sen descanso perante os restos arqueolóxicos dos nosos soños, «quen recolle os restos desta furna», o propio corpo como furna funeraria estéril. Soa ante tal feito, porque os homes sempre están a librar, supostamente, algunha batalla máis importante en Baltimore ou noutro lugar calquera e non contestan «ás chamadas de auxilio».
*
Nota: este texto forma parte do limiar do libro “O único lugar onde ficar inmóbil” de Arancha Nogueira de Urutau Editora. Autora que no 2017 gaña o primeiro premio de poesía do Concello de Ames, o primeiro premio literario Mazarelos da USC e o segundo premio de poesía Xuventude Crea, da Xunta de Galicia, e participa no encontro de artistas Cultura que Une, entre Galiza e o norte de Portugal, cuxo fin é a edición dun libro de creación colectiva.
*
Foto de Verónica Martínez por Adrián Ferreiro
You might also like
More from Letras
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …