Catherine Parayre
(Études littéraires, vol. 40, nº 2, 2009)
O occitano, lingua tradicional da maior parte do sur de Francia, así como do Vall d’Aran en España e algún vales alpinos en Italia, comporta seis grupos lingüísticos (o auvergnat, o gascón, o languedociano, o lemosino, o provenzal e o vivaro-alpino). Lingua florecente até o século XIII –é, por exemplo, a lingua dos trobadores, que tiveron unha influencia importante no desenvolvemento da literatura europea–, entra en declive logo da cruzada chamada albixense (1209-1229), cando os territorios onde é falada caen baixo o control da coroa de Francia. A represión é violenta e destrúe as estruturas existentes. Ao longo dos séculos, o occitano acaba cada vez máis por ser considerado un agregado de patois. As leis de educación dos anos 1880, denominadas leis Jules Ferry, fornecen un exemplo desta ideoloxía. Impoñen o francés na escola e indican explicitamente a vontade dos poderes públicos de eliminar o uso das outras linguas de Francia. Nos nosos días, o occitano está a piques de desaparecer, cando representaba aínda na primeira metade do século XX unha ampla minoría lingüística de Europa, con case trece millóns de locutores. Aínda é falado por unha parte da poboación anciá. Non ten xa locutores nativos desde os anos 1960. Non é xa lingua de comunicación, non xoga ningún papel na produción socioeconómica e non aparece xa máis que no rango de curiosidades turísticas do pasado. Certamente, as institucións francesas fixeron algunhas concesións, por exemplo autorizando o ensino facultativo (e pouco desenvolvido) do occitano como lingua non nativa para unha minoría de alumnos e de estudantes, mais a sociedade francesa continúa a ver no occitano un patois empregado polas clases rurais e obreiras menos educadas e, economicamente, as menos favorecidas. O artigo 2 da Constitución francesa precisa que «a lingua da República é o francés» e a longa tradición centralizadora do país compromete as iniciativas tomadas por unha e outra parte para promoveren o conxunto das linguas de Francia.
Existen non obstante, por parte occitana, numerosas iniciativas para salvar a lingua e, frecuentemente, calquera que sexa a época ou a sensibilidade política dos movementos e das personalidades implicadas, concédese un lugar de elección á promoción dunha literatura nesta lingua. Así desenvolveuse desde a metade do século XIX unha literatura occitana cuxo estado presente pode ser cualificado desta maneira:
A situación actual, desde hai algúns decenios, ofrece o paradoxo dunha literatura que se desenvolve e dá o mellor de si mesma, mentres que a lingua está a piques de morrer ou, cando menos, está no seu nadir. Isto quere dicir que cada vez mellores autores e mais numerosos escriben, mentres que cada vez menos individuos (comprendidos os lectores) falan a lingua. Por tanto, dado que estes escritores se achan separados da base dialectal da lingua, vense obrigados a utilizaren unha lingua de alta cultura –sintética, plástica, química– da súa propia creación, así como a incorporaren todo o que está dispoñíbel na literatura mundial. Crean o seu propio universo literario para substituíren aquel, concreto, que se afunde arredor deles (1).
Unha data importante nesta evolución é a de 1854, coa creación do Felibrige, movemento provenzal cuxo líder é Frédéric Mistral. O Felibrige inclúe no seu programa diversas actividades culturais, numerosas festividades, a publicación de revistas e a produción dunha literatura escrita. En particular, Mistral publica Mireiò en 1859 (2). Bastante ben recibido en París na súa tradución francesa, entusiasmando a Alphonse de Lamartine, esta epopea provenzal, dobrada dunha historia de amor romántico, vale ao seu autor a obtención do premio Nobel de literatura en 1904. En 1945, acabada a Segunda Guerra Mundial e como reacción ao tradicionalismo e conservadorismo do Felibrige, créase en Toulouse o Instituto de Estudos Occitanos. Podemos citar a Robert Lafont entre os autores máis comprometidos.
O desenvolvemento dunha literatura nunha lingua que, durante séculos, non tivo case soporte escrito, testemuña, con toda evidencia, compromisos socioculturais e sociolingüísticos. Ao experimentar con formas literarias (por exemplo, a novela) que durante moito tempo lle foron descoñecidas, xa que estaban reservadas ás literaturas dominantes, semellante literatura é a miúdo de natureza programática, portadora dunha mensaxe militante. Lafont define esta situación da maneira seguinte:
No seu esforzo por compensaren, colléndolle as súas armas, a literatura dominante, ou desmarcarse dela para recaeren nos seus dominios, os escritores en lingua dominada fabrican non a literatura equivalente á ama do xogo, como eles pretenden, senón unha literatura en segundo grao, […] como unha hiper- literatura (3).
En razón da debilitación da lingua, «todo individuo no espazo occitano» e na literatura occitana «reinterpreta o drama da occitaneidade. É actor e drama el mesmo» (4). A morte da lingua convértese no feito maior da literatura e de toda consciencia de occitaneidade entre os individuos que a falan.
En suma, a literatura occitana, cargada dunha pesada problemática, traballa incansabelmente a idea, a posibilidade ou, máis ben, a ilusión dunha identidade colectiva que estaría ancorada na lingua e nun pasado realizado, mentres que en opinión de moitos escritores e nas imaxes de obras aínda máis numerosas, esta identidade non acharía paradoxalmente ningunha realización, é dicir, que sería formulada, a miúdo con virulencia, na consciencia de que ela non existe. O discurso occitano é nisto típico do discurso minoritario confrontado á «ideoloxía hexemónica de Occidente» (5). Con efecto, segundo Abdul JanMohamed e David Lloyd, o discurso minoritario é moitas veces o produto da súa relación antagonista e desigual co discurso dominante (6). Para retomarmos os termos de Karl Marx, expresa xeralmente unha miseria que sublima (7). En certos casos, o discurso minoritario e, xa que logo, a literatura minoritaria aplícanse precisamente a revalorizaren e re-tematizaren os valores e prácticas que o discurso maioritario critica (8). Noutros termos, o discurso minoritario non se enfronta tanto cunha cuestión de identidade como coa noción de «non-identidade» que lle asigna o discurso dominante (9).
Ademais, a perda da lingua conxúgase, no caso occitano, coa perda dun modo de vida, rural ás máis das veces. Por ruralidade enténdese o traballo agrícola tradicional, o artesanado, mais tamén os oficios relativos á actividade fluvial. A progresión do francés prodúcese nunha sociedade en mutación: o campo baléirase, a industrialización crecente conduce á deslocación dos empregos do medio rural ao medio cidadán e, cos medios de comunicación modernos, o uso do francés progresa en detrimento do occitano. A literatura reflicte estas condicións socioeconómicas, e isto, baixo diferentes formas, sexa para evocar con nostalxia e cun ton idílico a ruralidade desaparecida, sexa para servir de motivo literario, frecuentemente co obxectivo de evocar un espazo literario e lingüístico fantasmagórico, inzado de ciencia-ficción e de maxia. Un crítico como Philippe Gardy declara nun estudo sobre a ruralidade nos textos occitanos que estes «manteñen con esta “terriña” que verdadeiramente xa non existe unhas relacións estrañas. Á vez distendidas e tiránicas, retorcidas senón torturadas. Porque a relación lingua/territorio é ao mesmo tempo desfeita, liberada […] e recomposta doutra maneira» (10).
A evolución dos últimos anos anuncia no entanto unha nova orientación e convén sinalarmos que as obras de literatura occitana máis recente abandonan pouco a pouco a cuestión lingüística. Non fan xa dela un tema literario, igualmente describen cada vez menos o medio en que a lingua foi máis empregada.
Non obstante, a ruralidade (o traballo agrícola e o artesanado) foi durante moito tempo un motivo de predilección nas letras occitanas, até o punto de que esta temática foi a miúdo interpretada como o signo dun repregamento identitario e dunha literatura empobrecida. Ora, unha lectura diferente é posíbel, que matice e contextualice a primeira, ás veces mesmo a refute. Con efecto, ao analizarmos algunhas destas obras, ponse de manifesto que o tema do traballo en medio rural dóbrase, dunha parte, de consideracións que afirman sutilmente a necesidade de se liberaren de semellante modo de vida e que, doutra, salienta o papel do escritor en tanto que actor social exterior ao ambiente descrito. Así, o discurso sobre a ruralidade en numerosas obras occitanas pode ser comprendido como sintomático dun período e dunha literatura en mutación, tanto en Mistral, cuxa influencia considerábel sobre os medios occitanófonos non pode ignorarse, como noutros autores menos coñecidos, sexan os seus textos de natureza intimista, testemuño do cotián ou, pola contra, obras utópicas que transforman a ruralidade nun mundo irreal (11).
O líder: Frédéric Mistral
Desde os inicios do Felibrige, Mistral cantou os méritos da vida rural na súa Provenza natal: a vida no mas (12) é un lugar autárquico e próspero baixo a autoridade do patriarca; os membros da familia, os empregados e os veciños únense para as colleitas; o duro labor é tamén a ocasión para gozos; a beleza da natureza e da cultura occitana son idealmente fontes de felicidade. A ilustración máis concluínte é a que contén Mireiò. Filla dun rico propietario, Mireiò namórase dun mozo de condición modesta. Mais os pais, que desexan para a súa única filla unha unión socialmente vantaxosa a fin de aseguraren a sucesión do mas, opóñense ao casamento e expulsan esta última. Desesperada, Mireiò busca refuxio nunha igrexa afastada, onde morre de esgotamento. Mesmo se o poema é un canto á vida rural provenzal, como non achar nel unha condena inapelábel deste medio? A vida dos mas, certamente idealizada, conduce a Mireiò á morte. Neste ambiente –suxíresenos–, só contan os cartos e o estatus social, precisamente para reproduciren as estruturas desta sociedade agrícola. Mireiò morre por non querer integrarse nas estruturas sociais tradicionais. Herdeira moza, encarna o futuro, o da familia, mais tamén o do mas e o da lingua. Mais, ao se opor a seus pais, fuxindo, rexeita esta herdanza. A vida idílica do mas e dos traballos agrícolas é, aos seus ollos, un inferno. Mistral, líder dun movemento de defensa do occitano, chantre da ruralidade máis tradicional, pinta o fin desta na súa máis grande obra mestra e, máis aínda, invalida calquera idea de adhesión nostálxica e idealizada á sociedade que se propón defender.
Semellante problemática expresarase algúns anos máis tarde en Lou pouémo dóu Rose (O poema do Ródano) (1897), relato fantástico que pon en escena unha moza aureá das beiras do Ródano e un príncipe vido do Norte que descende o río para encontrar as súas orixes provenzais. A relación vira a drama; os dous mozos morren afogados cando o vello barco que os transporta, querendo evitar un barco de vapor, innovación técnica aínda pouco espallada no Ródano, choca contra o piar dunha ponte e causa o naufraxio. O barqueiro, que ve o seu barco afundirse, declara laconicamente: «É o fin do oficio» (13). A un nivel figurativo, o accidente é o símbolo do cambio radical das relacións económicas na rexión. O antigo transporte fluvial, que, como o mostran diversas descricións do poema, enriquecera as vilas do cal do Ródano, non é xa rendíbel; os barcos de vapor son máis rápidos e empregan menos tripulación que os barcos de antano, que baixaban o río seguindo as correntes e o remontaban grazas á sirga. Como en Mireiò, a pequena aureá do Ródano representa a cultura provenzal. Chámase Angloro que, en occitano, designa unha lagarta gris, mentres que o príncipe vido de Holanda se transforma en «drac», monstro acuático, especie de serpe maligna frecuente nas augas do sur de Francia, tanto na obra mistraliana como na tradición oral e en numerosos textos doutros autores occitanos; no poema de Mistral, o «drac» consigue devorar a lagarta cando os dous amantes son engulidos polas augas. De feito, os amigos da rapaza pensan que o afogamento e o accidente do barco foron conscientemente causados polo príncipe que, como os barcos de vapor, vén do Norte e que, polo seu poder máxico, conseguiría arruinar o transporte fluvial de antano, mais tamén, coa desaparición de Angloro, o traballos dos aureáns, pequeno oficio que consiste en recoller as pebidas nas beiras dos ríos, e simbolicamente toda unha economía. Texto dunha gran poesía, Lou pouémo dóu Rose asocia brillantemente unha historia de amor romántico á adaptación de lendas occitanas e á evocación de luminosas paisaxes mediterráneas. Mais, fundada sobre unha base sociohistórica, a trama desta historia ofrece tamén un fresco grandioso da morte dun medio e dunha lingua. Máis unha vez, Mistral, defensor da súa lingua e da súa rexión, mostra a debilidade económica e a súa incapacidade para producir un modo de vida mellor adaptado aos progresos de finais do século XIX.
NOTAS
(1) Willian Calin, Minority Litteratures and Modernism, 2000, p. 320.
(2) Frédéric Mistral, Mireió/ Mireille, 1966. Anotemos que os autores occitanos traducen a miúdo eles mesmos as súas obras, como é o caso de Mistral, así como os autores aquí estudados, agás Jean Boudou.
(3) R. Lafont, «Bilinguisme d’écriture et ton littéraire», 1995, p. 44.
(4) R. Lafont, «Productivité culturelle et domination», 1979, p. 16.
(5) Abdul R. JanMohamed e David Lloyd, The Nature and Concept of Minority Discourse, 1969, p. 8.
(6) Ibid., p. 4
(7) Ibid., p. 5.
(8) Ibid., p. 8.
(9) Ibid., p. 16.
(10) Philippe Gardy, «Ruralité et modernité dans la littérature occitane conremporaine: l’exemple du roman entre 1950 et 1990», 1993, p. 100.
(11) Tres dos cinco autores cuxa obra foi considerada para o presente estudo son mulleres. A razón é dupla. Por unha parte, a literatura occitana fixo frecuentemente da muller un símbolo lingüístico. Mistral, en diversas ocasións, explicou en termos explícitos o papel que proxecta para as mulleres provenzais, ao ver nestas o símbolo da cultura e da lingua occitanas, indo até crear festas populares para celebrar a súa beleza. Pola súa parte, Joseph d’Arbaud, outro autor de fama en Provenza, reprochou a estas mesmas mulleres ser as primeiras en abandonaren o occitano polo francés e en descoidaren a transmisión do saber tradicional (ver Joseph d’Arbaud, «Préface», en E. D. Farfantello, Li lambrusco, Avignon, Caburle, 1934, p. x-xix; e Frédéric Mistral, Discours de Mistral, Aix-en-Provence, Felibrige, 1941). Por outra parte, numerosas mulleres produciron obras literarias nas linguas rexionais a fins do século XIX e inicios do XX en Francia, sen dúbida porque o dominio literario lles estaría cerrado por pouco que intentaran facerse un lugar na literatura de lingua francesa, e ante as editoriais parisienses. Sobre este punto ver Colette Cosnier, Le silence des filles: de l’aiguille à la plume, París, Fayard, 2001, p. 59; e Anne-Marie Thiesse, Écrire la France: le mouvement littéraire et régionaliste de langue française entre la Belle Époque et la Libération, París, Presses Universitaires de France, 1991, p. 149-151.
(12) Casa rural típica de Provenza e outros lugares de Francia e España, como Cataluña, onde viven os agricultores que cultivan o campo próximo e este mesmo campo. (N. d.T.)
(13) Frédéric Mistral, Lou Pouémo dóu Rose/ Le poème du Rhône, 1966, p. 337. O orixinal occitano é o seguinte: «Es la fin dóu mestié», p. 337.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …