Afundía o fociño no alpiste, mentres ollaba con desconfianza ao camareiro. –Diría que estes graos están abondo salgados!- Cuspía pequenas frangullas sobre a cunca da que era contrario a sacar a faciana. -Seica non sabedes descansar nin en festas? Todo se vos vai en gañar cartos!- Aseguraba volto sobre a barra, á que permanecía fortemente anexionado, grazas a uns brazos endurecidos polo traballo, e a unhas mans non menos contundentes que se aferraban ao extremo metálico, co brillante dourado dos anos relucindo entre a penumbra da estancia. -Esta cousa non a come nin mariasantísima!- Comía emporcando o rostro con fruición e miraba a indiferenza do camareiro, que a uns metros de distancia, fregaba con insistencia obsesiva unha copa apenas saída do lavalouzas. -Pensades que somos bestas. Que habemos achegarnos aquí por calquera merda, só porque non temos onde ir? Pois sabede que eu teño casa, que non me dades nada que eu non poda conseguir aló, da miña muller, que cociña ben mellor ca ti e que esa fulana que chamades cociñeira. Si, ti, porcona, que non lavaches as mans dende que te trouxo o teu chulo por unha orella, hai xa vinte anos- Deixou de falar, por un instante, tan só para coller aire e tragar a masa informe que rebulía, abalada polos recorrentes movementos da lingua que procuraba buscarse un oco para emitir sons recoñecibles entre toda aquela maseira. -Oes ti. Hasme poñer outro viño! Tinto, si. Este que me puxeches antes, xa queceu e non hai quen o trague.- O camareiro, consciente que a espera aínda ía ser longa, accedeu a poñerlle outro viño, afastándose deseguido ao lugar que ocupaba, para realizar a idéntica tarefa. Fóra facía frío e caía unha auganeve en diagonal, procedente do nordeste. As luces penduradas na noite sobre a estrada, loitando por prevalecer, inducían a cuestionar a conveniencia da festa. O murmurio dun vehículo íase facendo máis perceptible a medida que andaban os persistentes segundos do inverno. O ruído da freada silenciou ao comedor de alpiste e freou a actividade do camareiro, que, ofrecendo a ollada á fiestra empanada, viron as luces dun coche fronte ao establecemento. As portas abríronse e pecháronse de seguido e uns pasos húmidos e pastosos dirixíronse ás carreiras até a porta do bar. Os brazos inertes dun chuvasqueiro fluían entre a tormenta, caendo pesadamente no momento no que o impetrante accedeu ao interior. –Oes ti, pasmón! Seica os teus pais non che ensinaron a poñer ben o chuvasqueiro.- Falou o comedor de alpiste, provocando un silencio que o camareiro, na súa natural indiferenza, procurou non romper. –Teñen que desculpar, pero ando buscando unha estación de servizo. Hai uns trinta quilómetros que quedei na reserva. O GPS do coche indícame que neste lugar hai unha gasolineira, pero só hai este bar. Poderíanme indicar onde podo atopala.- Calquera dos dous homes podería terlle indicado ao descoñecido que detrás mesmo do bar había un surtidor de diesel, tanto para maquinaria agrícola como para outros vehículos de tracción. Poderían chamar incluso polo dono do mesmo, que adormecía na casa, ao quente, mentres os clientes se ausentaban para satisfacer outros compromisos. Poderían, incluso, ofrecerlle un paraugas para realizar o traxecto, de escasos cincuenta metros, que o separaban do ansiado combustible. Pero preferiron que o silencio gobernase a estancia. –Ben, eu vou, logo. A ver se ides mamar ti e esta merda de viño que serves, mamalón!- entorpeceu a calma o comedor de alpiste para saír fóra, apartando ao estraño dun empurrón. O camareiro, pola súa banda, deixouse caer nunha banqueta permitindo a fuxida, de entre os beizos, dun salouco. –Desculpe, non sei se entendeu a miña demanda?- Rompeu a falar o estraño. –Ben sei, ben sei. Tómelle unha cunquiña. De tapa temos lura á romana, tortilla, orella, macarróns con tomate e paella. Se prefire algo frío, temos lacón, chourizo ou queixo.- Absorto na resposta o estraño virouse cara o exterior sinalando o coche aínda aceso e cun aceno mostrou o seu destino máis inmediato. –Non se preocupe, Ô! Total, co gasoil que lle queda non ha chegar moito máis aló do acceso á autoestrada, e con esta choiva, ningunha grúa se vai achegar por vostede até mañá pola mañá. Chame por teléfono a quen queira e sente, á primeira convido eu.
Artigo do autor, quem facilitou o mesmo para Palavra comum. Fora publicado inicialmente no número 40 da revista Atenea, no início de 2011.
A fotografia do autor foi feita por Nelson Silva no 2009.
You might also like
More from Alberte Momán Noval
“Condição de abril”
"Condição de Abril" é um conjunto de onze poemas do poeta, escritor e editor galego Alberte Momán Noval.
Erótica, de Alberte Momán
Erótica (PDF), de Alberte Momán Naval, é mais uma obra anteriormente publicada na Arcosonline, um projeto digital de Victor Domingos.