Amencer
Cegado polas ventás do amencer
vexo o perfil da sombra limpa
invadir de novo día
e sométome a lembranza coa íntegra nudez
do náufrago
e aí están, entre os veos,
a somnolencia e o espertar,
o canto solemne da herba co vento entre os dedos,
o murmurio da luz no vértice da fonte,
a serenidade fabril das raíces,
o grilo no pico do pardal
e todo crepita no lume das horas
e eu, que me derramo co sangue do río,
que sento a miña cicatriz de rocha bañada
polas gretas do mofo,
subo pola crecente aurora tinguida aínda de cinza
e amolezo a almofada das pálpebras
pensando nese sono que sempre me acompaña,
suxerindo ao devalar da noite labirintos coñecidos,
portas pechadas
e unha ventá aberta co aire puro entre as pestanas
dobrando de cénit a luz, cara á vida.
Cara á vida, as pupilas inician o regreso.
Fame
Eu teño un anaco de pan entre os dentes, da voltas de roda
na miña boca,
o seu zume asolaga o meu ventre de mar cheo de baleas
saciadas de plancto e algas.
É un día eterno con horas de serra e minutos de gadaña,
nel as gallas dos bidueiros lamben o zume dos picos das gaivotas,
lobos espidos adornan a gorxa coa lingua de cal
e nas montañas o horizonte lima os pes das nubes.
Un só pensamento é a cobiza da febre do sentir
onde se mesturan razóns
coa a ansia de xustificar a intuición.
Así é a fame, ateigarse de ausencia,
a sospeita da incerteza,
a cisterna chea de fume, a cheminea chea de auga,
o sal dos ríos, o vinagre das feridas,
os nenos co bico agochado nas meixelas
e a vida con cortinas nas ventás, e unha soa árbore
sen vento nas gallas. Paxaro sen ás.
As agullas do trigo agochan o pan entre eses dedos
para a lingua dos pobres e a súa saliva de area.
A fame é o misterio entre o prodixio da abundancia
nun planeta co ventre de mazá
para nenos que reclaman a súa merenda.
O espírito da fame está nos murchos peitos dunha nai africana
labrados pola seca
no ritual do espanto. Alguén chora polas esquinas,
sacio de bágoas a miña xordeira.
Pan de seixo.
Sabedoría
Eu sei que amei, porque estando a carón túa as augas devólvenme o teu rostro
coas meixelas aloumiñadas coa lentitude branda do limo.
E miña man molla os dedos achegándote. E non deixo de abrir esas cortinas
líquidas admirando a espeleoloxía da túa alma.
Non foi só unha impresión súbita do sol reflectindo nos teus ígneos ollos
co esplendor flotando no meu abraio. En non deixa de cegarme a luz
mentres embazo os ollos coa febre dos teus.
Eu sei que amei porque non acompañei a soidade no seu exilio
nin lle din de comer o meu pan oxidado polo vento que entra baixo as portas.
Sabíao antes do coñecemento.
Deixabas pendurados os labios entre as miñas pestanas, xusto cando o ceo
se apuraba a ocultarse baixo as sabas
e eu sabía do abeiro da noite na túa pel.
Tamén mordín as túas meixelas cando tiña sede. E non respectaba a avaricia.
Por iso dobro os bicos para absorberte coa insistencia propia do delirio
e un coñecemento que soamente a túa carne me transmite para levalo
nos meus petos coma tenaz lembranza dun algo que aínda acontecerá
e por iso se repite.
Día a día as vagas amosan a súa insistencia en acariñar
a lámina do mar. E non se atopan.
Tampouco o sal que escapa asperxido deses rizos leitosos
sabe como ser rescatado do vento. E búscase.
Quen pode oír as bucinas que esconden o son
baixo as pálpebras do mar?
Quen pode sentir o petar da escuma contra as rochas
se ese ritual apenas demora o xermolar dun gran no gran da multiplicación
dos poros dese magma iniciático. E logo é nu pé
e a pegada avanza dentro nesa entrega bautismal do corpo
para a materia líquida
na elevación sacramental do meu ser.
Eu seino e ti tamén que o meu peito de neno absorbe as túas apertas
e vai na procura do teu alento de tempestade entre os cantís
onde a miña nudez xoga un infantil decoro que racha
como a pel do lago co mármore brando do teu pé.
Eu seino e ti tamén. Tamén adías o aire entre os dedos
para as velas do navío sen fronteiras do meu desexo.
Sabes que dou voltas no meu flotante cabalo de madeiras ecuestres
para evitar o naufraxio
e que o meu salvavidas son as dúas meixelas acariñadas polas augas
onde gardas os teus bicos para depositalos no cáliz da miña boca.
Eu sei que amo. Seino e non me digas como.
Podo mentir co vinagre nas feridas
e podo salvar, con oracións nas que nomeo os teus peitos, o sacrificio
da inocencia. Pero nada pode derivar o meu voo cara ao país do teu corpo.
E non deixo de voar.
You might also like
More from Poesia
VII Festival Internacional de Poesia de Moçambique convida autoras galegas
A Associação Cultural Xitende e o Conselho Municipal da cidade de Xai-Xai (Moçambique) convidaram autoras e autores galegos e portugueses
Emília Souza: “sabá” | Café com Português
Emília Souza estreou na poesia com o livro Vem segura a minha mão, publicado pela Editora Patuá. Faz parte dos …