Ler teatro ten, entre a maioría dos lectores, mesmo sexan estes compulsivos, mala fama. É verdade que o teatro se escribe para ser representado, mais tamén é verdade que non todas as obras teatrais que se escriben, se publican, se representan. E se temos en conta todas as obras teatrais do pasado, que espectador pode afirmar que tivo a sorte de ver representados todos os tráxicos gregos, todas as obras de Shakespeare, de Molière, de Racine, de Corneille, de Lope de Vega, de Calderon, de S. Marlowe, de Musset, Schiller, von Kleist, de Pirandello, de Brecht, de Ibsen, de Beckett, etc. etc.? Penso que ningún. Así que ao amante do teatro só lle queda a opción de ler as obras. Ademais, a maioría das pezas teatrais poden lerse, en verdade, como unha novela. Así como hai novelas que só son diálogo: Compton-Burnett, G. Josopovici, algunha novela de Max Frisch, etcétera. Novelas que nin mesmo teñen, como a maioría das obras teatrais, acoutamentos. Por que, xa que logo, esa mala fama da lectura de obras teatrais?
Por outra parte, todos sabemos que o texto dunha obra teatral nunca se representa, ou case nunca, tal e como o escribiu o seu autor. Normalmente, desde hai anos, realízase o que se denomina unha «dramaturxia» sobre o texto escrito, sobre todo do teatro dos «clásicos». Dramaturxia que ás veces ten importancia e outras non tanto e outras, demasiadas, «escaralla» a obra escrita. Por exemplo, no teatro español é mítico o estrago que fixo Gonzalo Torrente Ballester cando adaptou para José Tamayo Divinas palabras, de Valle-Inclán. Seica o autor de Los gozos y las sombras recorreu ao melodrama, ao tratamento superficial dos personaxes, mutilou o texto eliminando algunhas das escenas máis expresivas e mesmo deuse o luxo de retocar a linguaxe de Valle. Segundo a maioría dos comentaristas, Torrente fixo unha lectura «benaventiana» (de Jacinto Benavente, por se alguén non se lembra) do teatro de Valle e deste só quedaba o nome nos carteis que anunciaban a obra. Outro exemplo, que quen isto asina tivo a desgraza de «visionar» foi a adaptación que de A morte de Danton, de Georg Büchner, fixo Emilio Romero para Alberto González Vergel, en 1973: de Bücher non quedaba nin unha r do seu nome e do seu apelido.
A dramaturxia deu lugar ao dramaturgo, ou foi antes o ovo que a galiña? Mais que é un dramaturgo? En poucas palabras: un escritor que a partir das obras de outros autores fai unha nova obra; non unha adaptación ou unha versión, senón unha obra que conserva todos os elementos do orixinal, sendo outra obra mais sen deixar de ser a obra orixinal. Polo tanto, o dramaturgo pode ser autor dunha obra que non é súa, mais debe conservar todos os elementos da obra primitiva, non traizoala, o que talvez nos conduza a un canellón sen saída. Hai que lembrar que para Heiner Muller a «dramaturxia era a morte do teatro» e que «o período en que a dramaturxia tivo máis importancia [en Alemaña] foi no período nazi». O gran director francés Antoine Vitez afirmaba que «o dramaturgo converteuse nun poli [flic]», etc. Todo isto escríbese, ou lémbrase, para afirmar que a maioría das veces talvez sexa mellor ler a peza teatral que vela representada, porque a peza na súa posta en escena foi «retocada» e en realidade estamos a ver outra obra, a que fixo o «dramaturgo». Ora, tamén nos enfrontamos cun problema. Para Walter Benjamin (A obra de arte na época da súa reprodutibilidade técnica): «A máis decadente representación de Fausto nunha cidade de provincias presupón, con respecto a un filme tirado do Fausto, o feito de estar nunha relación de competencia ideal coa estrea de Weimar. E todo o que se pode lembrar, no que respecta ao contido tradicional, fronte ao escenario, é inutilizábel fronte á pantalla cinematográfica –por exemplo, que no personaxe de Mefistófeles se agacha un amigo de mocidade de Goethe, Johann Heinrich Merck, e cousas parecidas»1. O que quere dicir Benjamin é que calquera representación do Fausto, por mala que sexa, é máis auténtica que calquera filme, por grande que sexa a súa calidade, tirado da mesma obra. Podemos discutilo, mais penso que non chegariamos moi lonxe. Se é certo o que afirma o pensador alemán, podiamos tamén reflexionar ou discutir sobre que é máis auténtico, o texto ou a súa representación escénica? O que talvez nos conduciría a pensar que só o autor do texto debe ser o seu adaptador á escena, etc. Tamén, botando man doutro exemplo, penso que poucos lectores, diría que ningún, que lea, no orixinal ou nunha boa tradución, o Hamlet, ou calquera grande obra teatral, dificilmente deixara o libro, mais penso que moitos «espectadores» dun Hamlet mal adaptado e mal representado poden moi doadamente abandonar a sala.
Mais non continuaremos por ese camiño que á parte de levarnos, como xa dixemos, a un canellón sen saída, pode introducirnos dun labirinto cuxos corredores só nos conducen a xirar sempre neles, e estas liñas só queren ser chamamento á lectura de textos teatrais, polo que, para «dar exemplo», iniciaremos unha sección de recensión de obras teatrais, galegas ou traducidas ao galego, e de libros sobre teatro e temas teatrais en diversos idiomas.
1 Walter Benjamin, L’opera d’arte nell’epoca della sua riproducibilità tecnica, Turin, Giulio Einaudi editore, 1967, p. 49, nota 4.
You might also like
More from Ensaio
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez
50 anos do 25 de abril | Enrique Sáez lembra aquele tempo, «quando alguns jovens esperavam o fim de um …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …