La Justice, fundado en 1880 por Georges Clemenceau, autodenominábase «xornal republicano do serán», era un xornal dirixido á pequena burguesía republicana, laica, herdeira máis que dos xacobinos dos xirondinos, é dicir, unha pequena burguesía que en momento de perigo se divide en dás unha parte se alía coas forzas emerxentes (de dereita ou de esquerdas) e a outra cae en brazos da reacción conservadora ou por dicilo con outras palabras, unha parte desa pequena burguesía se alía ao proletariado, outra ás forzas revolucionarios de dereitas (partidos fascistas ou parafascistas) e a outra acóllese aos brazos da gran burguesía. En cultura, esta pequena burguesía adoita ser o que se denomina «filistea», e filisteo é o comentario,sen asinar, mais debido ao seu crítico oficial, Charles Demestre, que sobre a estrea de Ubu Roi aparece neste xornal parisiense do serán. Compróbeo o lector:
COURIER DES THÉÂTRES
[…]
A estrea de Ubu Roi en l’Oeuvre foi moi movida. Ouveouse, asubiouse e os berros de «Bravo!» mesturados cos de «Fóra!» interromperon o espectáculo durante moito tempo. Debéronse eliminar un certo número de escenas, a do oso, entre outras, que algúns espectadores reclamaban con grandes berros.
Esta peza que debe alegrar a Cambronne na súa caixa de piñeiro, levantou protestas. [palabra ilexíbel] e esta noite a festa promete ser tamén divertida!
La justice, 12 de decembro de 1896.
——–
Cando Henri Rochefort, personaxe nada claro, que creara un xornal anti Napoleón III e que se distribuía clandestinamente, La Lanterne, fecha o xornal en 1877 para crear La Marsellaise, reconvertérase: fora un loitador da Comuna, fora deportado a Nova Caledonia, onde fixera amizade con Louise Michel, etc., e se pasara ao anti-semitismo e ao nacionalismo con tintas sociais: será un dos máis notorios anti-drefuysards, aínda que sempre defenderá a Comuna, chegando a afirmar en 1898 que o único goberno decente que houbera en Francia en todo o século fora o formado por esta última. Abandonada esa cabeceira, retomouna Victor Ballay, que se pode situar na esquerda burguesa e anticlerical da Terceira República Francesa. Entre os seus colaboradores cóntanse escritores como Zola ou Maupassant. A nova La Lanterne abandonou o ton satírico que fóra o que fixera a fama de La Lanterne de Rochefort para pasar a ser un xornal «serio». O seu crítico teatral oficial nos anos da estrea de Ubu Roi era Paul Marrot, quen defendera un pouco causticamente a Salomé, de Oscar Wilde, estreada polo mesmo teatro que estrearía a obra de Jarry. A súa recensión, como comprobará o lector, é daquelas que nada e garda a roupa, cousa moi típica da clase á que se dirixía este xornal.
LES PREMIÈRES
Théâtre de l’Oeuvre. – Ubu Roi, pièce en trois actes, de M. Alfred Jarry.
Ubu Roi, que l’Oeuvre representou onte, é unha comedia dramática, como a titularon algúns, ou unha comedia guiñolesca, como foi igualmente impreso? O autor semella inclinarse por esta última definición, polo que se pode deducir das confidencias escritas que fixo ao público antes de erguer o pano na mesa de conferenciantes.
Erguido o pano, a primeira palabra que lanza Ubu é a célebre palabra de Cambronne. Velaí que o público fica advertido. Despois disto, Ubu pode permitirse todo o que queira, está claro que viaxa con franqueza.
Ubu é Polaco, e sempre está bébedo, naturalmente. Mata o rei Venceslas, non menos bébedo que el, toma o seu lugar, lanza nun pozo ou nun subterráneo caótico os nobres do reino e os maxistrados e comete cen tolemias da que a maior é ir cobrar os impostos en persoa.
Entra na casa dos seus súbditos seguido dun pequeno auto para meter os impostos que recollerá e ameaza con matar a todos os que se resistan. Este só é un trazo entre moitos outros, se ben estas historias chegan a oídos do tsar que declara a guerra a Ubu.
A covardía de Ubu estala dunha maneira estraña. Os seus soldados dispérsanse e perde o seu reino despois de moitas aventuras. Convértese en Xefe de finanzas en París, un posto creado para el. Así acaba o rei Ubu cuxas alegres observacións axitaron a sala toda a velada.
Non é, por outra parte, a súa falta de distinción o que me choca, nin mesmo a incoherencia, é o baleiro desas escenas rápidas que se suceden sen un achado. As ideas curiosas de argumento que puideron impresionar aos que o leron, non producen case nada. Están apenas vestidas ás veces cun farrapo de diálogo e só alcanzan algunha intención cómica polos efectos dos intérpretes.
Sei ben que me dirán: esta nudez é querida; o rei Ubu é un Guiñol ou mais ben un Polichinela novo ao que só lle falta o prestixio da lenda para facer rir aos grandes nenos como o antigo fai rir aos pequenos: é unha especie de bufonaría prerrafaélica con liñas apenas deseñadas; o autor balbucía apenas cando esta creación escapou da súa alma inxenuamente bufona –non é isto, porque o autor intentou moi ben en diversos lugares alardear de enxeño e de pintoresco–, polo que é correcto acusar a hibridez da súa peza, que se preferiría mellor sen ningún ornamento.
Esta peza puido enganar ao lela a aqueles que a recibiron e que fixeron o seu eloxio preventivo? Acredítoo. E mañá as opinións estarán divididas como onte o estaba a sala, turbulenta, moi combativa, curiosa, estoupando en aplausos e en protestas, os risos e os asubíos mesturados cos bravos.
Estaremos, no entanto, de acordo nun punto, a valentía e o talento con que foi defendida polo Sr. Gémier e a Sra. France, por non citar máis que os dous papeis principais.
Gémier fixo de rei Ubu, dese odre de cheo de excrementos e de viño, dese Falstaff da pequena Polonia, unha especie de creación –todo o que lle permitiu o texto e incluso máis. Os actores actuaban con máscara, mais para harmonizar os intérpretes e a peza destinada desde o inicio, seica, foi interpretada por fantoches.
É isto o que evidentemente comprometeu a l’Oeuvre a representala; e solucionouna dunha maneira curiosa, pensando que podería producir unha novidade de efectos. É preciso aceptar esta tentativa como un intermedio na serie de obras de alto valor que este teatro ousado e investigador nos deu e nos dará no curso da temporada.
Paul Marrot,
La Lanterne, 12 de decembro de 1896.
———
Le Rappel foi un xornal fundado en 1869 por Victor Hugo, Henri Rochefort e outros para loitar contra Napoleón III. Cando a Comuna, tomou partido por París contra os versalleses, é dicir, polos revolucionarios contra a reacción, e unha vez esmagado a sangue e fogo o movemento revolucionario, todos os seus redactores foron parar á cadea. En 1873 puido volver publicarse, a pesar de que era multado e fechado constantemente. Xa a mediados dos anos 1890 a pequena burguesía dereitista fíxose co xornal, e entre os seus colaboradores contábanse homes como Francisque Sarcey ou Henry Fouquier, que xa coñecemos. O seu crítico teatral era Ernest Grenet-Dancourt, quen, á parte de traballar nun banco, foi actor e dedicouse a argallar pezas teatrais dunha calidade mínima, que mereceron que en 1900 o seu autor fose condecorado coa Lexión de honra. A súa recensión tamén era merecedora de tal distinción.
SOIRÉE THÉATRALE
Théâtre de l’Oeuvre. – Ubu Roi
Inesquecíbel velada, na que maxistralmente triunfou a arte que fixo a fortuna (?) de Lemice-Terrieux (16).
En primeiro lugar, un mozo, tan imberbe como pálido, acaba de se sentar diante dunha mesa cuberta cun vello mantelo de carbón, e, cun aspecto particularmente limpo das conmocións deste mundo, dá a lectura ao público dunha especie de prólogo do que ninguén logra percibir unha maldita palabra.
O lector, que a primeira vista todo o mundo toma por unha dama, non é outro que o Sr. Jarry, o autor de Ubu Roi. Saúda, retírase e o pano érguese no primeiro acto da súa… do seu… de… non sei como chamar a isto.
A… cousa iníciase cunha palabra asombrosamente expresiva, unha palabra que sempre di ben o que quere dicir, unha palabra que se evita ordinariamente usar na boa sociedade, que non se emprega en todo caso nun salón máis que nun momento de impaciencia. Por exemplo, cando se está a piques de estreitar unha moza á que se acaba de invitar a valsear e non consegue abotoar a súa luva; unha palabra que define exactamente a materia na que este século agoniza; a palabra en fín que, en Waterloo, inmortalizou Cambronne!
Comprenderon?… Perfecto! –non insisto.
Esta palabra, o autor de Ubu Roi pensou que debía alongala nunha letra, cun R, que introduciu entre a consonante e a vogal que a terminan.
Hai que dar algunha satisfacción aos que reclaman novidades.
Inútil dicirlles que o Todo París das premières, ese Todo París que fai e desfai en menos dunha hora as famas, árbitro de elegancia e dispensador de gloria, asiste á representación.
E se simula protestar, este Todo París cada vez que volve aos labios dos actores a palabra da que lles acabo de falar, no fondo está encantado de oíla e por un pouco berraría: «Bis!».
Triste!! triste!! triste!!
Na mesma xornada tivo lugar no hospicio de Bicêtre unha matinée na que participaban o Sr. Villé e a Sra. Dora, do Concert-Parisien –percibín pola noite que todos os loucos non están en Bicêtre.
[…]
Grenet-Dancourt.
Le Rappel, 12 de decembro de 1896.
———
La presse foi un xornal fundado en 1836 por Émile Girardin. Con este xornal inaugurábase a era dos xornais populares a baixo prezo e dos folletíns. As vicisitudes deste xornal foron, por así dicilo, inmensas, xa que defendeu unhas posicións para ao pouco tempo pasar a defender as contrarias. Foi un dos grandes xornais franceses do XIX, mais nos anos 1890 xa estaba en franca decadencia, aínda que continuaba a ser un xornal dirixido a aqueles que non len xornais, é dicir, cheo de anuncios e de noticias curtas, con pouca opinión e abondo reaccionario. O seu crítico teatral era, entón, un «pipiolo»: tiña 21 anos e xa prometía. Trátase de Henri Duvernois, que logo se dedicou a escribir obras teatrais, operetas e guións cinematográficos alcanzado gran fama e sendo apreciado, din, por Proust, Colette, Simenon, etc. El, pola contra, non apreciaba, naqueles momentos, a Jarry. Os seus ídolos serían outros.
LA VIE À CÔTÉ
NOTAS DUN TRANSEÚNTE
[…]
III. – Ubu Roi. Da representación díxose todo. Mais despois… despois… unha dor de cabeza feroz de inicio. Os asubíos barrenan o cerebro, martirizan o tímpano. Noxento modo de protesta; non se podería atopar un que enervase un pouco menos?
E no soño Ubu persíguevos coa súa dupla xibosidade, co seu só acento queixoso, co seu cranio en forma de pera. Felices os que puideron volver á súa casa, se deitaron e intentaron durmir malia o pesadelo.
Mais os críticos, os que boamente executaron ou os que foron forzados a descifraren o pensamento do autor, a tiraren algo deste tumulto, a extraeren unha frase desta barafunda formidábel, que martirio!
[…]
Henri Duvernois
La presse, 14 de decembro de 1896.
———-
Sábese, desde que o mundo é mundo, que hai xente que sempre confunde o touciño coa velocidade e a fame coas ganas de comer, sempre aconteceu e, infelizmente, sempre acontecerá: é o que lles acontecía aos antigos alumnos da Escola Polaca de París. Ben, a verdade é que o sentido de humor de antigos alumnos reunidos, sexan polacos ou non, sempre deixa moito que desexar. E os antigos alumnos de escolas polacas non é que sexan paradigma de nada, simplemente repiten as mesmas parvadas que repiten antigos alumnos de calquera país do mundo. E, ademais, como bos alumnos reunidos, piden peras ao olmo e así pasa o que pasa, que confunden literatura con historia e historia con literatura, coma calquera escritor galego de novelas históricas que se prece e algún que outro historiador ou aprendiz de historiador. Vexan senón os lectores as confusións mentais ás que chegaron os antigos alumnos desa escola polaca de París:
Hai que falar da comedia guiñolesca (sic) do Sr. Alfred Jarry representada polo Théâtre de l’Oeuvre co título: Ubu Roi? Guiñolesca en verdade, é a peza e o tema, e sobre todo os autores. Por que, xa que logo, ocuparnos dela? É que nos enviaron unha pequena folla, titulada La Critique, en que o propio Alfred Jarry, en estilo cada vez máis guiñolesco, comenta a súa obra mestra e na que lemos cousas abracadabrantes que sen dúbida animarán aos nosos lectores: «O pano desvela un decorado que quixese representar Ningures, con árbores ao pé das camas, neve branca nun ceo moi azul, así como tamén a acción se desenvolve en Polonia, país bastante lendario (?) e desmembrado (ah, si) para ser este Ningures, ou cando menos segundo unha verosimilitude etimolóxica franco-grega (?), moi lonxe algunha parte interrogativa (??!!)
»Bastante despois de escrita a obra decateime de que houbo en tempos antigos (E velaí os estudos históricos que fan os nosos dramaturgos contemporáneos) un país en que foi o primeiro rei Pyast (sic), home rústico, un tal Rogatka ou Henry cun gran bandullo (?), que sucedeu (?) a un rei Wenceslas e aos tres fillos do devandito, Boleslas e Ladislas…» Supoño que teñen vostedes abondo. Non obstante, unha cita máis: «Ubu é un pouco enfant terrible e ninguén o contradi en tanto non fala do Tsar, que é o que todos respectamos». Guiñol deixaríase aquí levar pola ironía? Oh!, non! Pois ben, que non se moleste, non é a este potentado que el lanzaría unha exclamación que rima con perdre. Hai que respectaR algunha cousa. Era outra cousa o que se respectaba noutrora en Francia, a empezar por un mesmo.
[…]
S. E.
Bulletin polonais littéraire, scientifique et artistique/ Association des anciens élèves de l’école polonaise, núm. 102, 15 de xaneiro de 1897.
———
La caricature era un semanario ilustrado de humor, aínda que se quería satírico (e unha mostra é a recensión que fai o seu colaborador da obra de Jarry), editado por Éditions Fayard e no que todos os seus colaboradores usaban de pseudónimo. Vexan os lectores o estraño humor, ou a estraña sátira, que usaban os humoristas (sic) franceses de finais do XIX –hai máis humor e sátira en dous diálogos de Ubu roi que en toda esta revista.
LA SEMAINE THÉÂTRALE
Un día que tiven unha discusión co Sr. Lugné-Poé deixeime levar e chameille Lugné-Poé de baño. Despois –as querelas esquécense rapidamente en París– un amigo común reconciliounos e, por suposto, sen facer partícipe a ninguén máis que a min mesmo, avergónzome do rigor desa palabra. Ora, non podo abrir un xornal desde hai dous días sen achalo en todas as crónicas. É que o bo Lugné acaba de ofrecer un prato de defecacións aos seus abonados. Representou unha peza na que Cambronne escribiu o 99 por cento do diálogo. Non se trata de Le Marchard de M***, a admirábel farsa de Lesage, senón de Ubu Roi.
Ubu Roi desconcertou ao público porque se nos quixo persuadir de que é unha obra que encerra profundos símbolos e unha admirábel psicoloxía. Ora, non hai nada de todo iso aquí dentro; hai mistificación mediocre e baixa escatoloxía. A única escena que nos semella dotada dalgunha intelectualidade é a dos ambiciosos que corren tras a recompensa dunha caixa baleira; e poderíase ver tamén a cobiza de ganancia e a ferocidade cruel do burgués convertido en soberano. Polo que respecta ao resto, se é literatura de vangarda (avant-garde), é literatura de antes-garda-roupa (avant-garde-robe (17)).
Lugné-Poe fixo máis que vinte directores parisienses pola arte dramática; é moi irritante que perda abonados e que comprometa a súa virtude de renovador teatral nunha aventura tan groseira; todo o mundo, na súa casa, entusiasmase por medo. Un crítico ten medo de non achar xenio na peza; Lugné-Poe ten medo deste crítico, Gimier (sic), o intérprete, ten medo do seu director. E o resultado de todos estes terrores foi, naturalmente, a desfeita. Isto é un Ubu (18) de confianza, se podo expresarme así: podo.
[…]
YSEULT
La Caricature, 19 de decembro de 1896.
——–
Nos xornais non encontramos máis recensións da estrea de Ubu roi, tamén cabe dicirmos que non puidemos consultar todos os que se publicaban naquel intre na capital francesa. Si apareceron pequenos comentarios en revistas semanais que, ás veces, nada tiñan a ver coa literatura. Vexamos uns exemplos. A primeira noticia coa que demos aparece nunha revista dedicada á política internacional, velaí o seu pequeno comentario abondo reaccionario:
LES THÉÂTRES
Se o Sr. Alfred Jarry quixo simplemente moquearse –é a palabra– do público, conseguiuno totalmente coa súa pretendida comedia guiñolesca, que non é máis que unha mala broma, representada no Théâtre de l’Oeuvre.
Ubu Roi é un título serio a invocar para un autor que desexaría para os seus días de vellez un cuarto nun asilo de alienados.
Pero estaría de máis insistir nun mal ensaio que precisa máis dos servizos de limpeza municipal que da crítica.
Julius
La Revue diplomatique. Moniteur des consulats, núm. 50, 20 de decembro de 1896.
——–
Se nesta revista dedicada á política internacional se desprezaba Ubu Roi, en La revue hebdomadaire: romans, histoire, voyages, unha especie de Reader’s digest «avant la lettre», pasaba outro tanto, e a reprodución do seu comentario dispénsanos de calquera puntualización, aínda que nos gustaría saber se o autor deste comentario foi Georges Pioch, que logo foi comentarista teatral de Le Libertaire (en 1900) e, finalmente, militou no Partido comunista francés, do que foi excluído xa na temprana data de 1923, procedía do anarquismo, e fundou logo a Union sociale-communiste e en 1931 a Liga internacional dos combatentes pola paz, morrendo en 1953 (durante a ocupación, era denunciado, día si e dia non, como xudeu e masón pola prensa colaboracionista). Pioch, que empezou como poeta, fixo recensión teatrais para La Revue hebdomadaire a partir de 1890, polo que podemos imaxinar que estes comentarios son seus:
CHRONIQUE
[…]
A «xornada» Sara Bernhardt acabara ás seis e a maior parte dos traxes negros que tomaran parte nela se volveron encontrar pola noite no ensaio xeral de Ubu Roi. A vida ofrece estes contrastes. Era a «xornada» do Sr. Henry Bauër que continuaba. Promotor da festa en honra de Sarah, avalara coa súa admiración Ubu Roi. Non se comentará aquí esta insípida e porca broma mediante a cal se pretendeu mistificarnos, escribimos soamente para sinalar a intelixencia esclarecida, o espírito ecléctico e o bo gusto do letrado e do crítico que oscila así da arte divina de Sarah ás incongruencias de Ubu. Unha tan fermosa xornada acabou, xa que logo, en asubíos.
[…]
La revue hebdomadaire: romans, histoire, voyages, decembro de 1896.
——–
E en xaneiro de 1897, en revistas semanais ou mensuais, ou en anuarios, aparecen novos comentarios e críticas sobre Ubu Roi. Dificilmente o lector achará unha recensión ou comentario que defenda a Jarry e a súa obra, mais algún defensor tivo. E o defensor, con dúbidas e algún que outro reproche, será un amigo de Jarry, compañeiro en La Revue Blanche e tamén autor teatral representado polo Théâtre de l’Oeuvre: Romain Coolus. Segundo Henri Bérhar, no seu mencionado libro, o comentario de Coolus era a apreciación máis conforme ás intencións do autor. Ora, a pesar de todo Jarry non podía estar de acordo con esta recensión demasiado, digamos, razoadora. Para Béhar Ubu Roi non contén ningunha mensaxe: «fíxose soamente para actuar sobre o espectador» (op. cit., p. 109). É dicir, por primeira vez no teatro se usaba o que anteriormente denominamos, e que é unha das características do teatro da modernidade, a estratexia do disturbio. Mais isto, talvez, naquel momento non o podían percibir os críticos, aínda que Bauër lembraba que Jarry quixera moquearse dos espectadores e del propio (de Jarry).
NOTAS DRAMÁTICAS
L’Oeuvre: Ubu Roi, por Alfred Jarry. – Théâtre Français: L’Evasion, por Brieux. – Vaudeville: Divorçons (reestrea), por Sardou. – Nouveautés: Le Sursis, por Sylvane e Gascogne. – Odéon: Plutus, por Galvaut segundo Aristófanes; Les Syracusaines, por Marcel Collière segundo Teócrito.
Ah!, foi unha fermosa velada a estrea de Ubu Roi e polo tanto histórica! Despois, a literatura, a arte, a política están impregnadas de Ubu; por todas as partes chéirase Ubu; bátase por Ubu e por Ubu destrípase. Choven primeiros-París formidábeis destinados a esmagaren os infames; os infames axítanse como fermosos diabos nas pías de auga bendita! É verdadeiramente unha hora deliciosa que en moito tempo non volveremos encontrar. Saboreemos esta hora incomparábel dando grazas á Providencia, que en verdade non nos prodiga distraccións. Mais esta vez fixo ben as cousas.
O Sr. Jarry foi duramente reprendido e a prensa mallou nel de mala maneira; deféndese nestas mesmas páxinas e remítolles ao seu discurso (19). Mais permitirame dicirlle que é un pouco responsábel do barullo que desencadeou o seu Ubu? Éralle tan fácil impedir que o público se confundise, porque decidira presentar el mesmo a súa obra aos espectadores. Paréceme que a velada transcorrería sen incidentes barullentos se o seu papel colocado sobre o saco de carbón que lle servía de tribuna oratoria, discursease da seguinte maneira: «Señoras, señores, tomo a precaución de avisalos, e neste caso a precaución non é inútil. Vostedes imaxinan quizais que van asistir a unha tentativa de arte destinada a revolucionar a estética teatral por miles de anos. Esta opinión sería moi prexudicial para Ubu e rógolles que a deixen no vestíbulo. Mais velaí: teño polo guiñol e polas farsas guiñolescas unha forte paixón. Vostedes tamén, acho: os monicreques son seres deliciosos, irreais e caprichosos, mil veces máis suxestivos que personaxes vivos porque son homes simplificados e os seus xestos mecánicos evocan os xestos eternos da humanidade. Polo tanto, divertirme escenificando marionetas caricaturais, deformacións enormes da realidade que non pretenden ningunha verdade e que, non obstante, para os espíritos inventivos poderán significar algo. Isto concirne ás súas imaxinacións; eu estou contento de vestir homiños e de lles facer manter discursos que concorden coas súas caras lavadas e bandullos.
Con todo, explicareime a respecto do pai Ubu. Non é nin o señor Thiers (20), nin o Burgués esencial, nin o xeneral Boulanger (21), nin Francisque Sarcey, nin vostedes, nin eu, nin ninguén: é o pai Ubu, é dicir, un espantallo destinado a aterrar os rapaciños. Porque é moi divertido pórlle medo aos rapaces que van ver un espectáculo de guiñol, e por outra parte vanse encantados se pasaron medo até deshonrar o fondo dos seus pantalóns. O pai Ubu, tanto máis terríbel canto máis grotesco, non debe ter unha psicoloxía máis complicada que o rapaz máis inepto; é necesario que os máis obtusos poidan divertirse e asustarse. Terá por tanto como os nenos, como todos os nenos, paixóns moi simples e moi violentas; a gula (papará como catro e comerase el só toda a cea); a ferocidade (esgazará as xentes, meterá o escarvadentes nas orellas, retorcerá o nariz e descerebrará); a cobiza (matará a todo o mundo para ter phinanza, e esta palabra non cesará de soar nos seus porcos beizos); finalmente a grosaría e o gusto polo lixo (inxuriará a uns, rifará a outros, enmerdará o mundo enteiro). Entendo que é covarde, vil, fachendoso, besta como un rexemento de parvos e que fai retrousos idiotas. É, xa que logo, o heroe de todas as guiñoladas: vírono moitas veces e recoñéceno. É aquí particularmente brutal e dunha violencia excepcional, porque a nosa farsa se dirixe a nenos un pouco maiores é que é preciso axitar na súa apatía dixestiva.
Quero insistir nun último punto. O pai Ubu adora dicir, como todos os colexiais, a palabra escatolóxica. Non ten importancia e suplícolles non ver nesta defecación verbal continua a menor audacia. É unha maneira de falar que nin mesmo pretende ser estrafalaria. Alá onde un home de mundo diría «N. de D.» el berra «M…!». Isto simplemente proba que non é un habitual da casa da Sr. Aubernon (22). Ademais, amplía a palabra heroica cun r adicional, porque acha un pracer pueril en deformar as palabras máis elementais. Non rían por tanto ao primeiro M…, asubiarían ao decimoquinto. Acepten esta maneira completamente natural de apostrofar nun, demo de madeira e de cartón, polo tanto todo o máis posíbel preto da natureza primitiva e da materia universal.
Engadirei que sendo os delicados xentes facilmente infelices e o meu guiñol non quere entristecer a ninguén, se rogará aos devanditos delicados que pasen polo control no que se lles agasallará cun bono para o Théâtre-Blanc (23), da venerábel madame Samary.
Por outra parte, probabelmente o Sr. Jarry non aceptaría unha palabra desta conferencia; mais imaxino que desanimaría certas claves e impediría a tales e cales tomar Ubu por Fasltaff e reclamar Shakespeare. Sexa o que for, nesta velada divertímonos abondo! Así o Sr. Jarry non ten mediocramente dereito ao noso recoñecemento?
Con todo, só amo Ubu Roi a medias: gustaría máis vehemencia e inesperado na fantasía; admitido o ton, non me parece que o autor tirara todo o partido posíbel da absoluta, da integral liberdade que se concedera. Cando o pai Ubu no escena épica do 2º cadro berra: «teño unha idea!», estou seguro que vai enviar o pincel para enzoufar as caretas. Lonxe de reprocharlle ao Sr. Jarry o exceso, estou tentado a me queixar de que non levara até a extravagancia o seu verbo excesivo. Nunha palabra, na miña opinión equivocouse ao non desconcertar bastante violentamente.
Ademais, a linguaxe que presta aos seus burgueses podía ser excesiva, dun arrouto e dunha truculencia completamente rabelesiana. Acheina demasiada clásica, demasiado correcta, demasiado moderada. Gustaría que usase neoloxismos e deformacións verbais máis interesantes que a substitución de oneilles por oreilles. Desde todos os puntos de vista, á obra fáltalle lirismo e este reproche contén todos os outros.
Non obstante, é certo que excepcionalmente e presentado como cousa única, Ubu Roi constituía un espectáculo curioso que foi acollido de maneira un pouco parva. En xeral decepcionou, como se Jarry prometera ao mundo o evanxeo dunha arte futura. Non é en verdade culpa súa e foise inxusto con el. Que eu saiba, nunca pretendeu que a súa peza fose unha iniciación e que en catro anos o teatro universal, francés e estranxeiro, daría a coñecer as súas fórmulas.
Gémier, coa vontade rabiosa de crear que admiramos nel, fixo do pai Ubu un tipo inesquecíbel. Tivo achados de voz, de xestos, de compostura, contraccións de mans e de pés verdadeiramente extraordinarias. Non coñezo outro actor que puidera presentar con semellante relevo este personaxe arrepiante. A nai Ubu-France mostrouse, sobre todo cara ao fin, a digna femia, a necesaria femia dun basto pai. O personaxe da Raíña Rosemonde descubriu as calidades auvergnates (24) da Sr. Irma Perto. Polo que respecta ao capitán Bordure, foi simplemente execrábel. Convén sinalar certos detalles da posta en escena particularmente felices. O decorado non cambia, tratábase de evocar, no canto de os presentar directamente, os diversos lugares en que se desenvolve a acción. Para isto recorreuse a un certo número de signos susceptíbeis de suxeriren o que non se podía mostrar: algunhas, accións abreviadas e moi expresivamente sintéticas –a carreira; o ascenso á cuíña; a batalla –constitúen unha especie de linguaxe teatral novo sobre o cal deberemos volver.
[…]
Romain Coolus
La Révue Blanche, 1 de xaneiro de 1897.
——–
O suplemento literario de Les Temps nouveaux gozaba de certo prestixo entre os literatos socialistas e anarquistas, non en van publicabas a Tolstoi, Wagner, E. Réclus, P. Kropotkin, Félix Nadar, C. Pissarro, etc. Era, como pode albiscar o lector, un xornal anarquista. No entanto, en 1914, cando estala a Primeira Guerra mundial, uniuse á unión sagrada, esquecendo a loita de clases para apoiar a unión de todos os franceses na súa loita contra os bárbaros xermanos. Se os socialistas e comunistas nunca brillaron (como partidos) polas súas alturas de miras literarias, que podemos dicir dos anarquistas? Referímonos, claro a socialistas, anarquistas e comunistas como grupos, non como individualidades, xa que moitos anarquistas, socialistas e comunistas nada tiñan a ver coa literatura ou a arte que pregoaban as súas asociacións. Podiamos afirmar, sen medo a nos equivocarmos, que as agrupación políticas, en literatura, en arte, nunca comprenderán, pasa usarmos unha expresión de Aimé Césaire, o ruxido do trige, como comprobará o lector das dúas recensións que reproducimos a continuación.
BIBLIOGRAPHIE
[…]
Xa que estamos nas edicións de La Revue Blanche, anotemos a reedición de Ubu Roi (25), seguido de Ubu enchaîné.
Os que asistiron á súa representación en L’Oeuvre non esquecerán nunca esa velada inenarrábel, en que os espectadores, á espera das belezas prometidas, se esforzaban por comprender o que debía estar agachado baixo as incoherencias que oían.
Con efecto, algúns literatos, antes da representación, falaran de Ubu Roi con entusiasmo, comparándoo a Shakespeare, a Rabelais. –É verdade que un deles, despois da representación, foi forzado a confesar «que a bolboreta, ao voar, se lesionara un pouco as alas»!
Acredito en ti!, mesmo as rompeu, porque o seu éxito foi máis ben o dunha ruidosa hilaridade, a merdrrra a voar por todos os lados da sala. É todo o que se puidera comprender da peza.
Imaxinen unha peza escrita por un neno de seis anos –con algunhas groserías de máis– e dará Ubu Roi. Teño a idea de que o autor, ao nos entregar isto, tivo unha dupla idea: utilizar, inicialmente, esta obra de extrema mocidade, e logo tomarlle o pelo a un milleiro de espectadores, achando moi curioso molestalos para facelos asistir a un espectáculo que poderían pagarse a domicilio encargando aos seus fillos a representación.
Ubu enchaîné é digno do seu primoxénito.
Les temps nouveaux. Supplément littéraire, núm. 46, 1897.
——–
Isto escribían no xornal anarquista. En La Revue socialiste, a revista teórica na que confluían os diversos grupos socialistas franceses da época, e onde hai de todo, como na viña do señor, non ían á zaga dos seus irmáns-adversarios anarquistas, e é que para estes socialistas, o deus era Victor Hugo. O «comentarista» teatral era Gaston Stiegler, coñecido, sobre todo, por que a partir dun desafío ou concurso do xornal Le Matin fixo, seguindo o percorrido da novela homónima de Verne A volta ao mundo en 80 días, aínda que el o percorreu, non tivo os incidentes dos protagonistas da obra verniana, en 63 días e 16 horas, conseguindo así o a mellor marca de velocidade na volta ao mundo do seu tempo. É que nal quel tempo, 1901, había socialistas franceses para todo.
CHRONIQUE THÉÂTRALE
COMÉDIE-FRANÇAISE: L’Évasion, comédie en trois actes, de M. Brieux.
GYMNASE: Idylle tragique, drame en six tableaux tiré du roman de M. Paul Bourget, par MM. Pierre Decourcelle et Armand Dartois.
THÉÂTRE DE L’OEUVRE: Ubu Roi, comédie guignolesque, de M. Alfred Jarry.
[…]
Unha palabra sobre Ubu Roi, que foi asubiado escandalosamente no Théâtre de l’Oeuvre. É unha sátira fecal e inxenua contra os reis, xente brutal, cobizosa e grande explotadora de pobos. Non reprocharei a esta farsa a súa excesiva grosaría, aínda que a grosaría non sexa para nada do meu gusto. É preciso lembrar que os satíricos máis potentes, Aristófanes, Swift, Rabelais, Voltaire, servíronse e ás veces tiraron efectos extraordinarios do cómico. Mais en Ubu Roi, o Sr. Alfred Jarry non puxo ningunha invención, nada que sexa novo. Todas as súas escenas arrastráronse nas operetas; temos os ollos e a orellas mallados por elas. E ademais, por que unha comedia guiñolesca? O xénero guiñol é axeitado para os nenos: divírteos pola súa mesma enormidade. Mais non hai ningunha probabilidade de compracer a persoas adultas cuxo gusto mellor formado ten necesidade de apreciar finuras e matices.
Gaston Stiegler.
La Revue socialiste, nº 145, 1 de xaneiro de 1897.
———
Penoso, moi penoso, pola dúas bandas, talvez máis pola dos anarquistas, pois non comprenderon que estaban perante un dos seus. Ora, tanto socialistas como anarquistas apostaban por un teatro, e unha literatura, completamente burgueses, e dentro da literatura burguesa, esa máis reaccionaria, a que «entende o pobo», de aí que non comprenderan que os simbolistas estaban con eles; e só defendían a estes cando facían declaracións públicas en defensa do anarquismo ou do socialismo. O seu, tanto de anarquistas como de socialistas, deixando de lado as excepcións como Paul Lafargue, era o naturalismo zoliano, e así lles foi.
Se o de socialistas e anarquistas era o naturalismo zoliano, o das revistas especializadas era, claro, o teatro comercial, xa que era o que as mantiña. Mais antes reproduzamos as liñas que lle dedicaba a Ubu Roi, a dous meses da súa estrea La Revue Illustré pola pluma de Louis Schenider, autor dramático, tradutor, critico de de teatro e musical, que ás veces usaba o pseudónimo de «Le Pompier de service» (o bombeiro de servizo).
ÉCHO DES THÉÂTRES
[…]
En Ubu Roi, un xove bromista (gardareime moito de dar o nome deste autor) emporcou a única palabra heroica da lingua francesa, a palabra que magnificou Victor Hugo no seu relato da batalla de Waterloo. O escritor (?) de Ubu Roi debe estar encantado do ruído e da publicidade que lle fixo o engadido dunha letra ás cinco letras sacramentais desta interxección: para el… contentamento pasa por Richer, di un proverbrio (proverbre) célebre.
Sorprendémonos ao encontrarmos o excelente actor Gémier –do Odéon– aventurarse nesta lúgubre rapazada.
[…]
Louis Schneider,
Revue illustré, 15 de febreiro de 1897.
———
Como dixemos, o das revistas especializadas era o teatro comercial. Como moito, o teatro burgués de altas ínfulas. Neste tipo de publicacións, así como nos anuarios de espectáculos, Alfred Jarry e mais a súa obra dificilmente podían atopar un defensor; mais ás veces pode saltar a lebre. Comprobe o lector que ocorreu naquel tempo, naquela Francia burguesa da III República que perseguía duramente os anarquistas e na que acababa de saltar á palestra o o caso-escándalo Dreyfus:
AU THÉÂTRE
FOLIES-BERGÈRE: Chand d’habits, pantomine de M. Catulle Mendès. – RENAISSANCE: Lorenzaccio, d’Alfred Musset. – NOUVEAUTÉS: Le Sursis, vaudeville en 3 actes de MM. A. Sylvane et Jean Gascogne. – THÉÂTRE DE L’OEUVRE: Ubu Roi, comédie guignolesque de M. A. Jarry
[…]
O último espectáculo de l’Oeuvre distinguiuse polo ruído que levantou; batíase na sala, porque había prol e contra. De feito, a peza guiñolesca do Sr. Jarry merecía tanto ruído? Non o penso e estaría inclinado a pensar que non merecía nin este exceso de honra, nin esta indignidade! Porque se non é completamente boa tampouco é completamente mala. O Pai Ubu é un tipo feito de todos os outros tipos: Pulcinello italiano, Karagueuz turco, o Pai Duchêne, etc. etc. Tantos personaxes reunidos nun só non pode dar resultado, e de todos estes apadriñamentos queda a pesar de todo algunha cousa ao Pai Ubu, aínda que esta algunha cousa non fose máis que a gloria de ser o fillo de tantos pais!
En resumo, L’Oeuvre é mediocre e o ruído que se fai ao seu redor faille demasiada publicidade. Se o Pai Ubu resiste a pasa á posteridade a pesar da PALABRA á que é afeccionado (como certo director!) será necesario acollerse aos MANGRE con que se lle respondeu. Acontece con certas palabras como con certas cousas: é mellor non falar moito delas.
Riquet
La revue d’art, núm. 9, xaneiro de 1897.
———
[…]
Ignoro canto tempo aínda durará esta pequena comedia pola cal algúns comicastros das letras nos desacreditan diante das xentes serias e nos atraen os xustos epigramas do Sr. Zola, mais espero que o forno de Ubu Roi os faga volver entrar definitivamente no sumidoiro do que se esforzan en emerxer.
As xentes que aplaudiron e shakespearizaron ao Sr. Jarry déronnos finalmente a medida do seu valor e da súa boa fe.
Canto estaba na instituto, lembro ver circular nos estudos algunhas traducións de Shakespeare e de Aristófanes, nas que compracentes camaradas subliñaran con tinta vermella os pasos suxestivos para permitir ao lector futuro tomar coñecemento deles, sen se tomar a molestia de ler o resto. Non me espanto por tanto do entusiasmo testemuñado a outra noite en L’Oeuvre por algúns erotómanos. Se invocaron os nomes de Shakespeare e Aristófanes, é que só coñecen os lixos por lelos nas edicións… clásicas das que remato de falar. E teñen razón, porque, desde este punto de vista, o Sr. Jarry supera en moito os seus modelos.
Outros, máis refinados, pretenden que a analoxía existe na elección do tema, na sátira profunda, nas flaxelacións políticas… Mais, se así fose, abondaría abordar no teatro a sátira política para ser un Aristófanes, abondaría igualmente escribir odas e baladas para ser un Victor Hugo.
Non. Ubu Roi é unha parvada. Mesmo non existe.
Foi non obstante unha obra útil, porque serve para nos convencermos da vacuidade dos «mercurial» (26), que só iguala a audacia e a inxenuidade dos parviños. Cando se é capaz de aplaudir tales asneiras, non se pode ser tomado en serio.
Metamos, xa quer logo, todas a estas xente no saco do desprezo e non pensemos máis nelas.
Xa só existen para os seus propios ollos. Continuarán, talvez, como no pasado, a se admiraren completamente sós, a se hipnotizaren na contemplación do seu embigo, a se figuraren que compoñen por si sós o centro intelectual sobre o cal o mundo ten os ollos fixados. Pobres xentes! Se soubesen canto pouco no movemento literario! Pola miña parte, déixoos de agora en adiante que se fagan mutuas apoteoses: gustaría contentarme con compadecelos, mais o seu estado de intoxicación volveunos tan fétidos que o encontrarme con eles produciu en min náuseas e obrígame a tomar un anti-antiperistálico: abro, xa que logo, a Révue des Deux-Mondes na esperanza de descubrir o medio de chegar rápidamente e de maneira segura á Académie. Amor mellor ser «tardogrado» que «mercurial». Polo tanto, os «tardódragos» comigo.
Albert Clairoux
Pregunta do final:
É verdade que o Sr. Lugné-Poé apostou interpretar Ubu Roi e achar imbéciles que o aplaudisen?
L’avenir artistique. Révue de littérature, de théâtre et d’art, 1 de febreiro de 1897.
———
Ubu Roi (27), esta inepcia «shakesperiana», atrevéronse a dicir, producirá talvez o efecto procurado? Ai!, nin Tabarin, nin Turlupin (28), nin pallasos de feira, a falta do nomeado Shakespeare, cometerían isto; dirían outra cousa máis porca… e menos escatolóxica non excitando o «lexítimo desgusto dunha alma delicada», seguindo a expresión dun amigo xeneroso do autor. Na lectura, esta comedia guiñolesca, editada polo Mercure de France, que non rexeita nada, produce un efecto contrario ao procurado. A grosería democrática de Ubu e a chocheira decorativa do gran Venceslas non fan saltar ningunha faísca de espírito. Nin a palabra fatídica do heroe de Waterloo que, vento dominante, ensucia cada período, nin as mediocridades, talvez queridas, da forma que adornan este tipo de Ubu, alcanzan o nivel dun mal guiñol e dunha funambulescada feirante. Mais, na escena, xa que o Sr. Lugné-Poé atreveuse a dar aos seus abonados, crentes, do Théâtre de l’Oeuvre, despois de Ibsen, Otway, un espectáculo tan bromista, Ubu Roi semellaba por riba de calquera crítica. O público fixo xustiza real e, sexa o que for o que dixera algunha prensa indulxente, demasiado indulxente cara este perfeccionador de noxo, que lle estivo máis de dous anos rumiando estas impotentes sucidades, o espertar do sentido común nace do fastío. É necesario coñecer todo, de acordo, mais esta nova escola esterqueira que, ademais, non é divertida, debe tamén ser desenmascarada. Ah!, o espírito galo era mellor! Non hai necesidade, en verdade, de demostración máis longa.
Revue Biblio-Iconographique, 1eiro ano, 1897.
———
THÉÂTRE DE L’OEUVRE
[…]
10 DE DECEMBRO. – Non foi divertida –ah non divertida do todo– a farsa guiñolesca que un home novo, case un neno, o Sr. Alfred Jarry fixo representar co título de Ubu Roi (29), no Théâtre de L’Oeuvre, onde fora anunciada «truculenta» e esperada como tal con algunha curiosidade. Produciu un efecto penoso: era o único que podía producir semellante mistificación. Non nos enfadamos, tomamos a cousa como había que tomala: rindo, e xa que o inocente autor de Ubu Roi esquecera totalmente divertir o seu público, este tratou de se divertir por si mesmo. A partir do segundo acto, a velada non era xa máis que unha serie de bromas, das que a menos espiritual era seguramente menos inepta e, sobre todo, menos repugnante, que o que se dicía no escenario… Que se dicía, xa que logo – «M…» case en cada frase. E é por isto e tamén polos cambios de decorado, substituídos por pancartas indicadoras, que o, xove fumista se formulou, si, como descendente de Shakespeare.. Pobre Will! Temos en conta os esforzos que fixo o Sr. Gémier baixo a máscara e que –non é seguramente culpa súa – non foron coroados con éxito. Pasemos sobre esta inútil e nefasta velada de Ubu Roi. Non é soamente que isto sexa porco, senón que ocupa o seu lugar.
Edmond Stoullig
Les annales du théâtre et de la musique 1896 (publicado en 1897).
———
Esta recensión aparecera antes en Le monde artiste, sen a frase final, cando o momento da estrea da obra.
Stoullig era un escritor diletante, cuxo verdadeiro traballo consistía en ser un alto funcionario do corpo de correos que tiña como vocación ser crítico teatral, e así lle saían as recensión: funcionariais. Como tiña cartos, cada ano publicaba, pola súa conta, un anuario de teatro e de música no que recollía as súas colaboracións en diferentes revistas e daba noticias das estreas do ano en París e provincias axudado por outros escritores, que non sei se tamén eran altos funcionarios do nobre corpo de correos e telégrafos francés, mais que adoitaban «pensar» como el.
Se Stoullig era un diletante, Lucien Besnard era un home que quería, e conseguiuno, vivir do teatro, aínda que tivo que empezar como comentarista teatral en diversas revistas e algun que outro xornal. De aí, de que quixese vivir do teatro (seica o conseguiu, xa que estreou confacilidade e logrou diversos premios, entre eles o da Academia Francesa en 1926, galardoado entón coa cantidade de 5000 francos –daquelas un xornal custaba 20 céntimos de franco), que a súa recensión, sen ser favorábel, non se extralimitase e apelase á xente moza (el mesmo?).
LES CRITIQUES
Le Théâtre d’essai
THÉÂTRE DE L’OEUVRE. – Ubu Roi, comédie dramatique en cinq actes par M. ALFRED JARRY.
Dos seis actos prometidos, o Théâtre de l’Oeuvre interpretou soamente tres actos de Ubu Roi. Convén agradecerlle preservar así o poema (30) do Sr. Francis Jammes dunha promiscuidade que o prexudicaría, e condensar –non abondo– a comedia dramática do Sr. Jarry en tres pequenos cadros de vinte minutos. Porque Ubu Roi, ao non ser nin a farsa rabelesiana anunciada por artigos compracentes, nin o significativo desvío mental que desexaran alienistas crueis, decepcionou a nosa expectativa. É, con efecto, unha historia sen fin, informe e lúgubre, na que o pai Ubu, larpeón sometido á súa andorga (a terceira alma de Platón, avísanos o autor en mestos paralipómenos) é non se sabe porque misterio liberado da sensualidade carnal, solicitante inicial de calquera andorga digna deste nome. Así, máis decentes que os nosos maiores, finxiriamos non coñecer este noxento meniño, se a Sra. France e o Sr. Gémier non defendesen marabillosamente esta peza incongruente.
A Sra. France estivo excelente. Talvez gustariamos que fixese a nai Ubu máis caricaturesca, máis épica.
Se o Sr. Gémier non aceptase o papel de Ubu, a peza se interpretaría diante dos bancos a partir do segundo acto. Compuxo tan ben desde o inicio o personaxe, a súa silueta, o seu enfoque e as súas actitudes, que fixo do incoloro Ubu inventado polo autor, un fantoche hilarante e vivo, un moderno polichinela, larpeiro, moinante e terríbel. E é o mérito particular do Sr. Gémier –que ningún actor, desde Got, tivo tanto coma el– o realizar á perfección o personaxe físico dos seus papeis. Lembrémonos do seu debut no ferroviario de Blanchette. Apareceu algúns minutos en escena, dobrado en dous, consumido, tropezando. E espontaneamente toda a sala púxose a aplaudir. Esta restitución da figura exterior non é por outra máis máis que un dos atributos dunha calidade propia a todos os actores do Théâtre-Libre –entre os cales o Sr. Gémier e o Sr. Mayer foron os únicos verdadeiramente dotados–, a preocupación constante de evitar todo efecto persoal, de subordinar pasivamente desde o inicio a súa personalidade á do personaxe a crear para animar despois este personaxe con todas as súas forzas activas. O Sr. Gémier acaba de probar máis unha vez en La Révolte que posúe no máis alto grao esta intelixencia e esta forza. En fin, non poderiamos admirar demasiado a valentía do Sr. Gémier. Os que o viron en Le Ménage Brésile, en La fille d’Arban e en Ubu Roi saben como o seu verbo se excita coas pullas do público e como consegue dominar a besta ardente. Por outras parte, calquera que for o atractivo destes puxilatos, chegou o momento en que un mozo dea ao grande actor que defende tan valentemente os mozos, un papel glorioso no que poida dar a medida do seu talento e triunfar… finalmente!
Lucien Besnard,
Revue d’Art Dramatique, nov. 1896-xuño 1897
———
Estas son as recensións e comentarios sobre a estrea de Ubu Roi que demos atopado. Existen outras que non encontramos ao non poder desprazarnos á capital francesa para fozar na Biblioteca Nacional daquel país, xa que só fozamos nos seus fondos dixitalizados, entanto, acho que está claro que, fóra de Bauër, ningún dos defensores, e moito menos dos inimigos denigradores, da obra de Jarry percibiu que se estaba perante un acontecemento teatral, se entendemos por acontecemento a aparición inesperada de algo novo que debilita calquera deseño estábel. Iso foi Ubu Roi: un acontecemento, que daría lugar a un novo teatro, e isto non o podía percibir nin mesmo aqueles que como Bauër loitaban por un novo teatro, por unha nova cultura, que estaban pola revolución cultural (e tamén política). Poderíase falar moito do que significou a aparición de Ubu Roi, como a obra teatral de Jarry era, esta vez seguindo a Ernest Bloch, a contradición principal, fronte a outros teatros que estaban a apareceren, o simbolista, o teatro de Ibsen, etc., e que se enfrontaban tamén ao teatro, ao deseño estabelecido e estábel, mais este tipo de teatro era ao que denominariamos, seguindo ao mencionado Bloch, a contradición secundaria. Mais non nos enguedellemos, aquí só nos trouxo dar a noticia de como foi recibida pola prensa francesa, parisiense, a estrea de Ubu Roi. Estrea que, claro, tivo máis consecuencias, como vermos no Apéndice I. No Apéndice II damos traducimos uns textos de Jarry que con aqueles que están integrados no presente traballo conforman unha especie de manifesto teatral, o manifesto do teatro jarryano. Un teatro que enchería, que atravesaría, infelizmente como un raio, o teatro do século XX, o teatro da modernidade, e por iso en próximas entregas daremos a noticia de como foi recibida pola prensa a estrea de Ubu encadeado, na montaxe de Silvain Itkine e promovida polos surrealistas no ano 1937, e mais unha nova versión de Ubu Roi estreada en 1945, aos poucos meses da liberación de Francia. Será nestes dous próximos traballos que tiraremos algunha, digamos, conclusión nunca definitiva.
NOTAS
(16) Paul Masson, coñecido como Lemice-Terrieux ou Paul Maurer, naceu en 1849 e suicidouse en 1896, o 21 de outubro. Avogado, maxistrado, mistificador e escritor. Traballando de avogado en Vesoul, fixo morrer de cólera ao presidente do xurado despois de conseguir absolver a un zapateiro. Foi procurador da República en Chandernagor e Pondichéry. Está na orixe da suspensión da elección despois da «batalla académica» que enfrontou a Pierre Loti, Émile Zola, Henry Houssaye e Henry Becque. En 1894 foi candidato á academia ao mesmo que tempo que ao posto de verdugo da República. Acabou a súa carreira como encargado do catálogo da Biblioteca Nacional de Francia, para a que redactou numerosas noticias de obras inexistentes: Investigacións sobre os pintores cegos, Dicionario das bufardas, Dicionario dos diminutivos ou Ensaio sobre as bibliotecas dos Merovinxios, etc.
(17) Outra tradución, máis libre, podería ser: Antes garda a roupa.
(18) Intento de xogo de palabras entre Ubu e abus (abuso).
(19) Neste mesmo número de La Révue Blanche Jarry publicaba «Questions de théâtre», que é a resposta de Jarry á crítica de Ubu Roi.
(20) Político francés, verdugo da Comuna de París.
(21) Creador dun movemento político populista de extrema dereita (Ndt.)
(22) Famoso salón do que eran habituais artistas, literatos e políticos máis ben de dereitas: Renan, Alexandre Dumas fillo, Guy de Mapaussant, Aristide Briand, etc.
(23) Teatro creado pola venerábel madame Samary na que se representaban pezas didácticas para mociñas da boa sociedade.
(24) Literalmente, habitantes de Auvergne, mais «qualités auvergnates» vén significar que ten boas calidades no seu traballo o unha súa «esencia».
(25) Por A. Jarry, 1 vol., 3 fr. 50 (Nota de Les temps nouveaux).
(26) Refírese aos colaboradores do Mercure de France: Jean Moréas, Jules Renard, Saint-Pol-Roux, Remy de Gormount, o propio Jarry, o seu director, Alfred Vallete e a súa dona, a Rachilde, unha excelente autora de novelas eróticas, e o primeiro Claudel, André Gide e algúns poetas simbolistas, etc.
(27) Alfred Jarry. Ubu Roi (Bois par l’auteur), Paris, Éditions du Mercure de France, 1896, 1 vol. pet. in-18. (Nota da Revue Biblio-Iconographique.)
(28) Tabarin e Turlupin: personaxes medievais franceses que representan o charlatán e bromista de mal gusto, respectivamente.
(29) A partitura da obra, escrita especialmente para Ubu Roi por Claude Terrasse, foi executada completamente nos bastidores. Tomaban parte nesta representación: Sras. Louise France, Irma Perrot; Sr. Gémier, Nolot, Dujeu, G. Flandre, Budeaux, Charley, Séverin Mars, Verse, Dally, Cremnitz, Duprey, Michélez, Carpentier, Ducalé, Bauffre, etc. (Nota de Edmond Stoullig.)
(30) Peza teatral de Jammes. Le Jour, debía representarse na mesma velada que Ubu Roi.
You might also like
More from Críticas
Sobre “Estado Demente Comrazão”, de Paulo Fernandes Mirás | Alfredo J. Ferreiro Salgueiro
Estado Demente Comrazão é um livro complicado. É por isso que não está na moda. Parabéns ao seu autor!
O tempo das “Não-Coisas”. E o uso excessivo das redes sociais segundo Byung-Chul Han
"O que há nas coisas: esse é o verdadeiro mistério" Jacques Lacan Agarramos o smartphone, verificamos as notificações do Instagram, do Facebook, …