Foto: Nuri Negre. Bulb II.
As pezas de cerámica son compañeiras da evolución humana, fillas da necesidade material e de rituais estéticos. Nestes meses tan difíciles e estériles de pandemia, a galería de arte Artur Ramon aposta pola vida, e presenta unha excelente escolma de pezas de cerámica de creadoras e creadores contemporáneos radicados en Cataluña. O resultado moi atractivo.
*
L’art del Buit. Ceramistes contemporanis. Galeria Artur Ramon
La plasticitat de l’argila i l’alquímia del foc, ineludiblement subordinades a un coneixement profund de les tècniques, han fet de l’art ceràmic un mitjà d’expressió que ofereix un món infinit de possibilitats. A “l’Art del Buit”, podem veure com la ceràmica artística actual combina sense complexos l’ideal del recipient primigeni i alhora la seva desconstrucció, la bellesa i la perfecció de la ceràmica d’inspiració oriental, al costat de l’experimentació més agosarada: explorant els buits, les ombres, els límits de la matèria. (Isabel Fernández del Moral, Conservadora de la Col·lecció de Ceràmica, Museu del Disseny de Barcelona).
O planeta segue a vivir tempos que xa se deran por pretéritos, tempos que os países máis ricos –soberbios– cualificaran de medievais e irrepetibles. Tempos de pandemia. Setembro do malévolo 2020: meses de peche social, de negritude cultural. Nesta perspectiva interior, doméstica, as galerías de arte e institucións museísticas van artellando actividades coas que seguir a súa vida cultural, negándose á derrota. O mesmo fai a veterana galería de arte Artur Ramon, que aposta por ofrecer unha panorámica da creación ceramista actual en Cataluña: L’Art del Buit. Ceramistes contemporanis. Unha boa oportunidade para coñecer firmas e liñas de traballo con ese material tan antigo, humilde, utilitario: a arxila. Panorámica creativa que vén reflectida nas palabras de presentación que Isabel Fernández del Moral, Conservadora de la Col·lecció de Ceràmica do Museu del Disseny de Barcelona, tivo a ben redactar para esta reseña.
Na mostra L’Art del Buit. Ceramistes contemporanis atópanse pezas de 19 artistas diferentes. Nun dos casos, muller e home, sempre traballan en equipo, polo que as súas pezas veñen firmadas por ámbolos dous. O total de pezas aproxímase ás cincuenta, o que favorece a visión plural, a riqueza respecto das indagacións e dos resultados finais. As salas de Artur Ramon están agora ocupadas por obras que son froito do modelado a man, da simetría do torno, das altas temperaturas dos fornos, de vernices e pinturas, e nas que as/os artistas traballaron con diferentes materiais, indo así á procura de experiencias dispares: gres, arxila, porcelana, terracota. Do mesmo xeito, cada profesional ten as súas preferencias á hora de usar forno de leña, ou eléctrico, de cocer unha ou máis veces o material e de facer esas coccións a máis ou menos grados.
A cerámica é esa máxica táctica empregada pola humanidade ao longo dos tempos para conxurar as perdas, para adiantarse ao pasamento. As pezas de arxila son creadas para que o seu non-ser se transforme na súa razón de existir. O baleiro dunha ola, dunha sella, dun cazo, veñen sendo a súa esencia. O baleiro como útero fértil. ¿Cando Henri Moore esculpía as súas reiteradas reclining figure, estaba en realidade priorizando o ventre como o eixo vertebrador da figura humana?
Emilia Requena Lledó, importante ceramista do Maresme, considera que para mi la cerámica ha sido durante muchos años un estímulo grandioso. Con un trozo de barro en las manos me sentía diferente, me olvidaba de todo lo que me rodeaba. Muchas de las piezas que acababa haciendo, las soñaba, o las pensaba al comenzar a dormir. La cerámica ha sido la forma de expresión más gratificante de mi vida.
A pandemia é a metáfora dos tempos. A metáfora que se repite, contra da carreira tecnolóxica que predica a superación de calquera etapa anterior. Pandemias houbo na antigüidade, nos tempos medievais, nos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte sempre respondeu. Nestes tempos de peche, de illamento social –coma sempre– a arte cómpre para vivir. Así aconteceu e acontece. Con anterioridade obras de Brueghel, do Bosco, entre moitos outros, exorcizaron os medos ante as mortes masivas; os versos das danzas da morte demandaban a democratización social; as vanitas barrocas. (¿As vanitas dos irmáns Santilari para a súa exposición Els 7 Pecats Capitals eran as trompetas do Apocalipse anunciando estas realidades?). O filme Det sjunde inseglet (O Sétimo Selo. 1957), de Bergman, foi resposta ás bombas atómicas?
Oleiros, oficio de barro e lume. Oficio de mulleres, de homes?
Els artistes presenten la seva definició particular del concepte del buit, de la relació del material, l’argila, amb l’espai que conté o que l’envolta. Aquest buit és un company solenciós de la ceràmica tot al llarg de la seva història, història també de la humanitat mateixa. (…) Abraçant aquest no-res la ceràmica va permetre el desenvolupament tecnològic i social de la humanitat. (Caterina Roma, ceramista).
Como ben din Caterina Roma, ceramista representada na mostra L’Art del Buit por varias pezas, e a especialista Isabel Fernández del Moral, a historia da cerámica é en boa medida a historia da humanidade. Se non o é desde os seus comezos, si o é a partires dos neolíticos, da sedentarización que conleva e as necesidades de almacenar produtos agrarios. Desde entón, o traballo do barro para a obtención de útiles domésticos, decorados ou non decorados, é paralelo aos avatares de mulleres e homes ao longo dos séculos. Cómpre lembrar tamén que con barro fixéronse moitas figuras de seres superiores aos que agradecer colleitas ou demandar mellores tempos para a vida.
Poida que nos tempos anteriores de nomadismo e transhumancia tamén se empregaran olas de barro cocidas; aínda que o transporte o desaconsellase. En Asturias ata non hai moito os vaqueiros de alzada levaban, canda as familias e as vacas, recipientes de madeira que aguantaban mellor as viaxes transhumantes. José García Gómez, amigo de Tineo, remite ao que subscribe varios estudos e libros sobre tan particular e interesante comunidade do occidente asturiano.
E, no Neolítico, quen comezou a facer os recipientes de barro? Mulleres ou homes? Evidentemente non hai certezas sobre o particular, pero –como ben apunta a especialista Isabel Fernández del Moral–, se eran as donas as que permanecían nas casas, ocupadas de fillos, comidas e demais traballos domésticos, tamén parece lóxico pensar que foron as mulleres as que iniciaron, de xeito anónimo, estas elaboracións con arxila neses ambientes domésticos. O baleiro de calquera peza que as mulleres elaboraban, pareceríalles un ventre? Un ventre que se enche de alimentos, de riquezas. Un ventre fértil como o delas mesmas?
Logo, as culturas e civilizacións do mundo antigo pasaron a decorar as pezas e mesmo a facelas principalmente decorativas. Poida que neses intres a cerámica –xa como produto de comercio, que xera riqueza– pasase a ser traballada maioritariamente por homes. Unha proba de tal xiro pode ser que, dos moitos nomes que se conservan de oleiros gregos, todos son nomes masculinos. E tamén puido acontecer –como apunta Fernández del Moral– que as mulleres que seguían a crear pezas cerámicas quedasen no anonimato intencionado. Os homes, non. No ano 2018, en Caixaforum Barcelona, púidose admirar unha exposición atractiva: Agon! A Competición na Antiga Grecia. Entre os materiais presentados na citada exhibición, e procedentes do British Museum, había moitas pezas de cerámica decorada con escenas deportivas, firmadas por homes ou sen autor coñecido. Pero… En Agon! evidenciouse que as mulleres tamén tiñan na antiga Grecia competicións deportivas! En concreto Pausanias escribe: En Argos cada catro anos as mulleres convocan unha competición, os Xogos Hereos, que se facían en honor á deusa Hera. Como é posible que ata agora nada se soubese sobre este particular? Ou, como aconteceu na pintura, na escultura, … houbo (e hai) un silenciamento intencionado? Pois, paralelamente ao deporte, puido acontecer que as mulleres gregas fosen as creadoras de moitas ánforas, hidrias ou cráteras, aínda que non transcendesen os seus nomes. E así se pode ir relatando esa historia de agocho que vén sendo a historia das mulleres.
En Galegos, unha parroquia ao pé de Barcelos, viviu Rosa Ramalho (1888-1977), unha coñecida e extraordinaria ceramista. Rosa Ramalho naceu nun lugar de oleiros, e así aprendeu o oficio. Pero logo ela destacou por ser a creadora de formas e figuras que son valoradas internacionalmente, e que basculan entre as fasquías dramáticas e, por suposto, a fantasía: demos e santos, animais e humanos. Unha das súas figuras máis representativas é a cabra, cabra da que a autora sempre comentaba (cando a visitabamos na súa casa de Galegos): o senhor Picasso roubou-me a cabra, acusando ao pintor malagueño de que lle copiase a súa creación.
L’art del Buit. Ceramistes contemporanis. Llorens Artigas o innovador.
Mi quehacer es para mi producto del amor y, también, algo religioso. He trabajado solo toda mi vida, lo que contituye un simple hecho, (…) Tengo dos herramientas: un torno de alfarero y un “kiln” u horno de leña, que mejoro cada vez que lo reconstruyo y del que casi puedo decir que es una invención mía… una invención, pero no una propiedad. (Llorens Artigas, Intervención na Conferencia Internacional de Cerámica Dartington Hall, 1952).
Volvendo á exposición que agora presenta a galería Artur Ramon (L’art del Buit. Ceramistes contemporanis) cómpre salientar que a meirande parte das pezas están firmadas por mulleres. Nomes como Caterina Roma, Núria Negre, Carme Collell, Isabel Barbaformosa, Penélope Vallejo, Carme Balada, Ruth Cepedano, María Bofill, entre outros, conforman unha pléiade de artistas recoñecidas que xa teñen obra depositada no Museu del Disseny de Barcelona. Quere isto dicir que as creacións saídas de cerebros e mans femininas teñen cada día máis presencia pública? Con seguridade acontecen dous fenómenos: hai moitas mulleres que proxectan as súas ansias creadoras no barro e similares e, como importante novidade, nestes tempos comeza a haber máis sensibilidade e procúrase non agochar ás mulleres artistas e as súas obras. Este camiño de xustiza para as creadoras comezou nos anos 70 do pasado século cunha “inxenua” e irada pregunta da historiadora da arte, Linda Nochlin: Why Have There Been No Great Women Artists?
A exposición L’art del Buit. Ceramistes contemporanis nas salas de Artur Ramon inicia o seu percorrido cun xerro de Josep Llorens Artigas. O ceramista Llorens Artigas está considerado o mestre innovador da cerámica en terras catalás ao longo do século XX. Despois de dar moitas voltas acaba instalando o seu estudo, e fornos, en Gallifa, desde onde continúa o seu maxisterio. Cantas e cantos artistas dos que agora expoñen en Artur Ramon se saben debedores dos volumes e formas de Artigas? Seguramente bastantes, igual que o recoñecía Antoni Cumella, ceramista, de quen nestes meses se expoñen algunhas pezas na galería Gothsland, a carón doutras dos seus amigos Cuixart e Gayasamín. Llorens Artigas foi amigo de Joan Miró, co que traballou e quen cocía nos fornos de Artigas as súas pezas cerámicas.
A cerámica, esa técnica utilitaria e antiga, ten un sitio en tempos vindeiros? A esta pregunta resposta dona Isabel Fernández del Moral: Així, quan semblava que l’arribada de nous materials i noves tecnologies ens derivaria ineludiblement vers noves tendències molt més visuals i conceptuals, veiem de bon grat com, de la ma del nou paradigma de l’”slow art” -defensor de valors com la sostenibilitat, la recuperació de la matèria i de les tècniques artesanals tradicionals-, la creació ceràmica contemporània torna a ser un valor a l’alça en el mercat de la creativitat. Longa vida á cerámica!
Para estes intres tan “especiais”, culturalmente tristes, L’art del Buit. Ceramistes contemporanis é unha proposta ben interesante.
*
EXPOSICIÓN: L’art del Buit. Ceramistes contemporanis. Galería Artur Ramon, ata o 27 de novembro de 2020